24 de set. de 2010

Eu camiño pola lingua, e ti?


Baixo o lema Eu camiño pola LINGUA, e ti? a plataforma QUEREMOS GALEGO! de Ourense, a Asociación Xuvenil Amencer e a Concellaría de Voluntariado do Concello de Ourense organizan un Camiño de Santiago de reivindicación e fomento do noso idioma.

Este é o texto explicativo da actividade:

Somos un grupo de persoas de todas as idades, profesións, intereses, afeccións… que temos unha cousa en común: queremos galego nas aulas, na administración, nas empresas, nos xulgados, nos medios de comunicación; cos pais, cos fillos, cos amigos, cos compañeiros de traballo; para vivir, para sentir, para soñar…
E, neste ano xacobeo, tamén queremos que o galego estea no Camiño de Santiago. Por este motivo imos facer o Camiño pola lingua.
Acompáñanos. Camiñaremos pola Vía da Prata, ruta mozárabe, os días 10, 17, 24 e 31 de outubro. Se non podes vir ás catro xornadas apúntate para as que poidas.
Ao rematar cada etapa plantaremos unha árbore cunha mensaxe que sexa testemuño da nosa peregrinación e leremos un manifesto en catro partes, que se completará ao chegar a Compostela.


Estas indicacións son para Ourense, mais dan unha idea tamén do punto de encontro en cada lugar, que é bo concretar a través dos contactos que aparecen ao final:

Primeira etapa. Domingo 10 de outubro
Ourense-Tamallancos-Cea. 24 km (aprox.)
Saímos camiñando ás 8:00 da mañá da parada de autobuses do Parque de San Lázaro de Ourense. Ao chegar xantaremos en Cea e, arredor das 17:00 h, un autobús traeranos de volta a Ourense.

Segunda etapa. Domingo 17 de outubro
Cea-Castro Dozón-Botos (Lalín). 26 km (aprox.)
Un autobús sae ás 8:00 da parada de autobuses do Parque de San Lázaro (Ourense) para levarnos a Cea. Desde alí, continuaremos o camiño ata chegar a Lalín. Ao rematar de xantar voltamos a Ourense en autobús.

Terceira etapa. Domingo 24 de outubro
Lalín-Silleda-Bandeira-Ponte Ulla. 24 km (aprox.)
Un autobús sae ás 8:00 da parada de autobuses do Parque de San Lázaro (Ourense) para levarnos a Lalín e, ao rematar o xantar, recolleranos en Ponte Ulla para voltar a Ourense.

Cuarta etapa. Domingo 31 de outubro
Ponte Ulla-Lestedo-Santiago. 24 km (aprox.)
O autobús que nos levará a Ponte Ulla sae ás 8:00 da parada de autobuses do Parque de San Lázaro (Ourense) e, ao xantar, recolleranos en Santiago.

Inscrición
Podes inscribirte para cada etapa até a mañá da sexta feira (venres) anterior a cada unha, nos números de teléfono: 988 218 123 ou 639 519 242. Tamén no enderezo electrónico amencer@amencer.org
O prezo de inscrición son 5 euros e inclúe todas as etapas. Para estudantes e parad@s é de balde.
Trae o teu equipamento e o teu xantar e bebida. O equipamento axeitado é o seguinte: calzado cómodo (o ideal é de goretex) que non sexa novo (pódese levar calzado de reposto por se manca), dobre calcetín, roupa cómoda, gorra (non viseira), chuvasqueiro por se chove. Nunha mochila pequena cómpre meter o xantar e bebida. Todo isto debe estar dentro dunha bolsa de plástico por se a mochila non é impermeábel. Tampouco esquezas a protección para o sol.

Nenhum comentário:

Postar um comentário