8 de set. de 2010

Libros en galego nos aeroportos

Un amigo envioume unha mensaxe o domingo ao mediodía. Acababa de ver o libro En castellano no hay problema na estante dos "máis vendidos" na libraría do aeroporto de Lavacolla. A min estrañoume moito, sobre todo porque non lembraba que estivesen á venda obras en galego en ningunha das tres terminais que temos en Galiza.

Na realidade, é que case nin recordo tampouco nestes lugares volumes de temática galega ou traducións ao castelán ou ao inglés de libros da nosa literatura. Cun pouco de fortuna, sei que se pode encontrar algún título de Manuel Rivas, Suso de Toro ou Domingo Villar en castelán, dentro das súas respectivas coleccións, mais non cun espazo singular nin salientando que son obras de autores galegos. Das versións destes escritores en inglés, nin rastro. Tampouco se pode achar a Anthology of Galician Literature, que tería aquí todo o sentido para a súa distribución protagónica.

Mais o meu amigo abofé que tiña razón no seu aviso:


Non sei desde cando nin por obra de quen, mais como mínimo no aeroporto de Santiago agora si se poden encontrar libros escritos no idioma de Galiza. Ademais, esta foto dáme a alegría de saber que En castellano no hay problema está agora mesmo entre os máis demandados. Tal inquietude social por coñecer o reverso da propaganda da Xunta sobre o que lle está a pasar ao noso idioma proporcióname tamén máis unha razón para a esperanza, entre tantas más noticias como as que se acumulan nos últimos tempos.

6 comentários:

  1. Lino este verán e o libro ben o merece, espero dar conta del no blog en canto remate con outras cousas pendentes.
    Parabéns, e xa nos explicarás algún día a receita de onde quitas o tempo para tanta actividade.
    Saúdos.

    ResponderExcluir
  2. a ver se cho van estar mercando polo título, xente nas antípodas ideolóxicas e lingüísticas XD XD

    van ás presas, botan unha ollada ao escaparate, len "En castellano no hay problema", excítanse, cólleno para ler na viaxe, soben ao avión, primeira páxina, ¡¡está en gallego!!

    Pero aínda así, que alguén se equivocase, é para parabenizarte de que un ensaio con esa temática se venda tan ben

    ResponderExcluir
  3. Boa noticia que estea aí un libro como o seu, Carlos. Ao final, por desgracia, o que non está no expositor non se ve e, xa que logo, nin se merca nin se le.

    Por certo, co que flipo e co Domingo Villar: segundo a foto, o Ollos de auga segue entre os máis vendidos e xa van 13 edicións en castelán e ¡¡8 en galego!!, que manda carallo.
    E iso que saiu fai catro ou cinco anos.

    ResponderExcluir
  4. Alégrome de que vaian ben as vendas. Ánimo! Adiante, Carlos!

    ResponderExcluir
  5. A esperanza é o último que se perde!

    ResponderExcluir
  6. Moitas grazas a tod@s! Un bico deses dos grandes!

    ResponderExcluir