Maiorías e minorías
Unha visión retorta da democracia
Ao compañeiro Francisco Romaní, que se nos foi hai pouco, mais que nos lega o exemplo da súa simpatía, da súa entrega polos desfavorecidos e o seu compromiso patriótico
Tras o Consello da Xunta, a Alberto Núñez Feijóo preguntáronlle pola súa opinión sobre o tremendo desfase entre a cantidade de familias que responderon "Galego" no sobre de matrícula da educación infantil nas cidades (arredor do 40%) e a cantidade de nenas e nenos que nestes lugares van ter neste curso o ensino no idioma de Galiza (o 12%). A resposta do presidente foi, máis unha vez, que as maiorías deciden sobre as minorías.
Para alén doutras consideracións, o xefe do Goberno galego segue a mentir cando fala dunha inexistente opción de escolla das familias sobre a lingua da educación dos seus nenos e nenas nos primeiros anos. É radicalmente falso. Trátase dunha mentira deplorábel.
O que el e o seu partido tentan vender como un hipotético "dereito de opción" concrétase nunha pregunta no sobre de matrícula sobre cal é o idioma familiar. Quen responde non sabe (en ningures se informa diso!) que o que está a facer na realidade é votar pola lingua que quere que sexa a de uso normal na aula da súa filla ou fillo. En fin, que se escolle sen saber que se está a escoller nin as dimensións da escolla. Un calote en toda regra co que se pretende varrer o galego nas cidades, evitando que as familias falantes de castelán poidan chegar a solicitar o ensino en galego para os seus pequenos, como ten acontecido no pasado, mesmo no tan castelanizado centro de Vigo.
Mais imaxinemos por un momento que a realidade non é esta, senón o mátrix propagandístico de Núñez Feijóo: que os pais votaron, sumáronse os resultados e fixéronse as distribucións. Sería nese caso xusto e democrático que un 60% da poboación decidise erradicar a lingua que formalmente solicitou o outro 40%? Sería así máis xusto e democrático que máis do 75% das familias que optaron por un dos idiomas non visen atendida a súa petición? A que el chama minoría, a parte da sociedade que fai uso normal da lingua propia do país, pasa a carecer de dereitos? Tan mao é ser galega, ser galego, que mesmo o gobernante que nos considera unha minoría na nosa propia terra nos nega os mínimos dereitos que a nivel internacional se lle recoñecen ás minorías? Que concepción democrática é esa? Que sociedade se constrúe con eses vimbios?
Alberto Núñez Feijóo bota man dos conceptos "maioría" e "minoría" con moita frecuencia e sempre dunha postura de demagoxia belicosa. A idea central é que, xa que o seu partido detenta a maioría absoluta no Parlamento galego, ten capacidade ilimitada e plenipotenciaria para adoptar calquera medida, calquera. É esta unha visión retorta e perversa da democracia, non só discursivamente senón tamén pola vía dos feitos, pois nega a diversidade intrínseca da sociedade; mesmo nega o pluripartidismo, xa que as outras opcións políticas que non son "a maioría", as adxectivadas como "minoritarias", carecerían de lexitimidade e validez para defenderen as súas propostas. Repárese, sobre isto, no que o presidente do PP de Galiza defende nos seus discursos a respecto do nacionalismo galego.
No que di respecto á lingua galega, Feijóo considera que tamén conta co visto e prace social para asfixiala, xa que el gañou as eleccións autonómicas. Mais estamos de novo ante un discurso mentirán.
En primeiro lugar, porque o PP conta coa maioría absoluta na Cámara galega por só un escano: 38 deste partido fronte a 37 da oposición (25 do PSOE + 12 do BNG). Visto así, trátase dunha maioría moi exigua, pola mínima. Que o 50% da poboación goberne, con agresividade e prepotencia, contra o outro 50% non semella un bo camiño para ninguén.
Ademais, se sumarmos os sufraxios individuais, o voto persoal e intransferíbel de cada cidadá ou cidadán, o resultado é que, a suma de PSOE e BNG é de 5.000 apoios por riba do partido gobernante. En fin, que se a xornada das autonómicas a tivermos que considerar como un referendo, cousa que ás veces defenden desde a dereita, deberían recoñecer que ese referendo o perderon. Cal sería, aí, a "maioría" e a "minoría"?
Mais, de acordo, ninguén o cuestiona, o PP conta coa forza suficiente para gobernar nesta lexislatura, de acordo coas actuais regras do xogo. Porén, canto ten de verdade que o desmantelamento da oficialidade do galego que están a practicar a levaban no programa no programa electoral? Onde?! Eu procuro con detemento e insistencia e non encontro ningún documento (nin discurso) onde dixesen, por exemplo, que ían prohibir a docencia en galego de Matemáticas, Física e Química ou Tecnoloxía. Tampouco por ningures figura que varrerían a lingua de Galiza da educación infantil nas cidades. Se isto non o prometeron, cal é o respaldo da maioría á que tanto apelan?
[A ilustración é autoría de Estévez.]
Nenhum comentário:
Postar um comentário