31 de out. de 2010

Rajoy e o matrimonio homosexual


Mariano Rajoy afirma hoxe na súa entrevista en El País que, de el ser presidente do Goberno español, nos agarda unha política económica aínda máis profundamente regresiva que a que estamos a padecer nos últimos tempos.

Ademais, con máis franqueza que nunca, abre a porta a que as parellas homosexuais non poidan contar cun recoñecemento e protección xurídica en igualdade. Dito doutro xeito: que reducirá os dereitos civís dunha parte da poboación, nun nivel que aínda estaría por ver se é só nominal (segregando as unións homosexuais noutro tipo de contrato civil) ou se se concretaría tamén noutros aspectos (por exemplo, na posibilidade de adopción ou noutras prerrogativas coas que contan os matrimonios heterosexuais na declaración da renda, na atención á parella en caso de doenza, etc).

Para alén do alcance dos cambios, a mensaxe á sociedade que subxace en todo isto é clara e profundamente discriminatoria e inxusta: as e os homosexuais non poden ter os mesmos dereitos.

E os conselleiros gais da Xunta non teñen nada que dicir? Mesmo teñen autoodio para isto?

Facemos camiño ao andar

Se non estades xa en camiño, lembrade que á unha e media de hoxe (pola hora nova!) nos encontramos no Cruceiro do Sar de Santiago para finalizar esta peregrinaxe simbólica en defensa do noso idioma. Trátase dunha iniciativa de Queremos Galego en Ourense e da asociación Amencer.

O acto final será ás 14 h na praza de Pratarías. Estará amadriñado pola actriz e humorista Isabel Risco.

Non faltedes! Aínda que chove, a lingua non encolle!

30 de out. de 2010

No centenario de Ricardo Carvalho Calero

Deixo aquí este vídeo realizado pola AS-PG cunha entrevista que Francisco Salinas Portugal lle realizara a Ricardo Carvalho Calero en 1988. O guión condutor e a locución é de Francisco Rodríguez. Pertence ao arquivo gráfico d'A Nosa Terra e pendurouna na rede a Fundación Bautista Álvarez.

Carvallo Calero, a posibilidade de rectificar a historia from Fundación Bautista Álvarez on Vimeo.



A historia, con certeza, poderá rectificarse.

29 de out. de 2010

A visita do Bieito XVI en tres imaxes

Clicando en cada unha delas iredes dar a algún evento ou algunha información de interese sobre o tema. Non vos parece un despropósito todo o que rodea a visita de Joseph Ratzinger durante unhas horas a Santiago o vindeiro sábado?




27 de out. de 2010

Mexan na lingua

Reparade neste cadro:
Non é o declive acusado de falantes de galego que Anxo Lorenzo tanto gosta de negar, igual que agora dubida de que unha política lingüística teña responsabilidade directa en que aumenten ou diminúan os usuarios dun idioma. Cousas veredes e ouviredes!

O cadro amosa a evolución dos orzamentos da Secretaría Xeral de Política Lingüística desde o último ano de goberno de Manuel Fraga Iribarne até o proxecto de contas para 2011. A gráfica, elaborada pola CTNL, fala por si soa. E non imos dicir que chove.

26 de out. de 2010

Que silencio oportuno nos converte en prudentes?

Esta canción é excesivamente masoquista e hiperculpabilizadora, polo que estou en desacordo con ela cando lle aplico a lóxica. No entanto, nos últimos días non paro de escoitala cando vou no carro. Non sei se é polo seu ritmo ou porque as interrogacións deste breve tema están á agarda de resposta. Algo hai, no fondo, de verdade incómoda:



Se quixerdes ouvir a versión que o propio Silvio cantou máis noviño, velaquí vai:

25 de out. de 2010

De onte a hoxe. Fraga, Otero Pedrayo e o ensino en galego

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

De onte a hoxe
Fraga, Otero Pedrayo e o ensino en galego


Estupor e indignación foi o que moitas persoas sentimos esta semana cando soubemos que Manuel Fraga Iribarne ía ser recoñecido co premio Ramón Otero Pedrayo. A distinción, lembrémolo, é pola (a indignación aumenta) defensa da nosa cultura.

A concesión do galardón non foi unánime, como se pretendeu vender propagandisticamente desde a Deputación de Pontevedra, xa que non contou co voto favorábel do representante nacionalista da provincia de Lugo. Todas as entidades con representación no xuri, en especial as universidades e a Real Academia Galega, deberían dar explicacións públicas deste acto de submisión política ao PP.

De todas elas, a que máis tristura e decepción provoca é a Academia, que a través do seu apoio a esta ignominiosa candidatura dá un paso atrás no camiño do prestixio que estaba a encarreirar nos últimos tempos. Eu aínda confío en que saiban emendar este grave erro.

O disparate é inmenso. Obsérvese que, por exemplo, os estudos da Academia Galega sinalan que a maior perda de falantes de toda a nosa milenaria historia se produciu durante os mandatos autonómicos de Manuel Fraga Iribarne. Como ese non parece moito mérito, argumentouse o recoñecemento pola contribución do ex ministro franquista á aprobación da Lei de normalización lingüística. Mais a realidade, testana, contradí de novo a propaganda.

Esta lei aprobouse por unanimidade no noso Parlamento, despois das propostas nacionalistas para que se desenvolvese aquí o Estatuto de Autonomía do mesmo xeito que se estaba a facer noutras latitudes con lingua propia diferente do español. Ademais, aínda que dea vergoña ter que advertilo, daquela aínda faltaban seis anos para que Manuel Fraga quixese conseguir a presidencia do Goberno galego; neses momentos, desempañaba o cargo Xerardo Fernández Albor.

Parece que o representante da RAG neste xuri matizou que o voto por Fraga Iribarne foi debido a que este presidente aprobou o Plan xeral de normalización da lingua galega. Isto é verdade, tan verdade como que Fraga apoia con entusiasmo agora mesmo, para todos os que queiran ouvilo, aos que, dentro do seu partido, mexan enriba da nosa lingua e do propio Plan.

Vaiamos de novo á fonte limpa e recordemos que:

a) O Plan foi impulsado polas propostas nacionalistas no Parlamento, sobre as cales se pode achar información ben concreta no libro De fala a lingua: un proceso inacabado, de Pilar García Negro.

b) Que o Plan se aproba por unanimidade na cámara do Hórreo: é un éxito dos tres partidos políticos.

c) Que se realizou unha forte campaña social, en que participaron centos de entidades, para que se impulsase o Plan e este fose aberto, participativo e, sobre todo, que se elaborase para ser aplicado, non para durmir o sono dos xustos. Sen esta acción cidadá, hai moitos aspectos favorábeis ao galego que hoxe recolle este documento parlamentar que de ningún xeito figurarían.

d) No tempo transcorrido desde que se aprobou o Plan –setembro de 2004– até que Manuel Fraga Iribarne tivo que abandonar o poder –xullo de 2005–, nin unha soa medida foi aplicada. En dez meses nin unha medida! Nin a máis pequeniña e menos representativa dos varios centos que aí se incluían! Iso si que é merecedor dun galardón!

O insulto á memoria de Ramón Otero Pedrayo aínda se amplifica cando traemos á acordanza algunhas anécdotas biográficas que compartiron o autor d’Os camiños da vida e o presidente fundador do PP. Cito a ese respecto un ilustrativo extracto do artigo “Don Ramón e Fraga”, que esta semana pasada publicou Xosé Ramón Ermida Meilán no xornal electrónico Terra e Tempo dixital:

“Don Ramón, o de verdade, volve a compartir, ironías do destino, espazo con Fraga, reunidos de novo por un galego á española, esta vez Louzán de Ribadumia, hai 52 anos anos, Lobo Montero, o xeneral franquista parente do Caudillo. Era 1958, o Centro Galego de Madrid conmemoraba o matrimonio de Rosalía e Murguía, alí naquela toupeira de franquistas, o de Trasalba en galego falou de Rosalía nun discurso cargado de patriotismo, onde a cada frase facíase presente Castelao. O acto fechouno Manuel Fraga enfurecido coa intervención de Don Ramón, non atinando o Ministro de Franco a dicir máis que estas frases: ‘Ahora cada uno a lo suyo. Desde que en España manda nuestro invicto Caudillo, en Galicia ya no existen viudas de vivos ni muertos’. A intervención deste comezou a ser patexada, primeiro por Bautista Álvarez, despois por outros membros de Brais Pinto presentes, tamén por Ben-Cho-Shey. Non quedaba outra que patexar, que protestar, que confrontar. Aquilo non quedou en pataleta, seguiu e tomou forma na terra e no tempo.”

Só nos queda un posíbel argumento para poder comprender a concesión do galardón a Fraga, que é aquel dito de “outros virán que bo me farán”, por contraposición entre a política cultural e educativa dos seus mandatos e o desastre do que é principal expoñente o mal chamado decreto de plurilingüismo. No entanto, o certo é que calquera adianto que conseguiu a lingua galega entre 1990 e 2005 non foi grazas á presidencia autonómica do actual senador residente en Madrid, senón a pesar del.

Podemos sinalar que as tácticas de Fraga e de Núñez Feijóo para terminar co galego son diferentes, mais conducen ao mesmo obxectivo. Fraga Iribarne apostou máis pola suave decadencia, pola narcotización da vida cultural e a pax lingüística, onde poderían realizarse algunhas declaracións grandilocuentes en defensa do idioma do país sempre e cando iso non tivese consecuencia práctica ningunha. Sen todo o que aconteceu na década de 90 non sería explicábel a indefensión mediática e a desprotección xurídica coa que se encontra a nosa cultura, enorme en comparación co apuntalado neste tempo nos ámbitos catalanófono e euskaldún.

Núñez Feijóo, pola súa banda, chega á Xunta ao lombo dun PP que está á ofensiva en todo o Estado. Ademais, faino tras un goberno bipartito que si aplicou, timidamente, algunhas das medidas que os conservadores antes tamén secundaban, coa condición oculta de que nunca se executasen. Por iso, e tendo en conta os resultados estatísticos que herda de Fraga Iribarne, cunha caída en picado de falantes, o dos Peares non dubida en quitar a carauta e aplicar sen panos quentes a súa política contra o galego.

Con certeza, o mellor exemplo de todo isto encontrámolo nos modelos lingüísticos no ensino. En 1995, ante a reforma da lei orgánica de educación no Estado, Manuel Fraga vese obrigado a responder ás demandas das comunidades educativas para que se garanta un mínimo dun terzo da docencia no idioma propio. É así como xorde o decreto dese ano, que desde a Xunta se encargan de que fique en papel mollado.

En 2004, nove anos despois de se aprobar, un estudo sinalaba que o 75% dos colexios ministraban en castelán as aulas que deberían vehicularse en galego e que un de cada tres institutos tiñan en español libros de texto que, pola reducida lei de mínimos daquel entón, deberían estar en galego. As aparencias mudaron, si, e con elas tamén moitas percepcións sociais, mais non mudou o fondo da concreción dos feitos nin mudaron os obxectivos. Aínda que un día, máis tarde que cedo, lograremos terminar con esta inxustiza.

23 de out. de 2010

A familia

Ao PP éncheselle a foto falando da familia, do único modelo admisíbel de familia segundo a súa forma de ver o mundo. É unha visión intolerante, que nega a realidade social existente e pretende impor o seu ideal como o único con amparo xurídico.

Xa sei que non descubro nada novo con todo iso, mais é que me produce máis estupor o seu cinismo cando estes "defensores da familia" non respaldan propostas que serven para mellorar a atención das crianzas. Véxase se non a abstención maioritaria en Bruxelas do PP europeo á posibilidade de que haxa 20 semanas de baixa maternal.

Mais non todo foron abstencións: tamén houbo quen votou directamente en contra, como Jaime Mayor Oreja e Alejo Vidal Quadras.

22 de out. de 2010

Misas e sexenios

Hai uns meses fixen o meu primeiro sexenio como docente. Para que cho recoñezan, tes que entregar documentación que demostre que en todo este tempo realizaches unha formación dun mínimo de cen horas. Eu pensaba que non tiña problema, porque entre unhas cousas e outras case chegaba ás duascentas.

A miña sorpresa foi maiúscula cando desde a Consellaría mo denegaron porque non validaban varios cursos, xornadas e congresos organizados polas universidades galegas e mesmo pola propia Xunta de Galiza (por exemplo, rexeitaban recoñecer congresos sobre literatura galega organizados pola Consellaría de Cultura...). Houbo varias persoas que me comentaron que se encontraron coa mesma situación, for para o trámite do sexenio ou para a baremación do concurso-oposición.

Mais para a próxima vez xa sei o que teño que facer. A CIG-Ensino destapou que a Consellaría de Educación si certifica como formación do profesorado xornadas que inclúen unha misa (homologado por 1 hora), unha foto de homenaxe (media hora), un discurso de Núñez Feijóo (40 minutos), un discurso de Jesús Vázquez Abad (40 minutos) e outro de José Luis Baltar (20 minutos). Isto si que é unha formación de calidade!

21 de out. de 2010

Día da Ciencia en Galego

"Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego." (José Ramón Hermida, CONGAPA.)

"-Por que motivos non se van poder impartir as matemáticas en galego?
- Por tradición." (Resposta aos xornalistas de Jesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación.)

A pesar do que digan estes xenios, en galego tamén se fai ciencia:

Presentación en Corcubión de En castellano no hay problema

Faltaba pendurar aquí algunhas imaxes do acto de presentación de En castellano no hay problema coa marabillosa xente da Universidade Popular de Corcubión, o pasado 15 de maio.

Unha das mellores cousa que me está a acontecer grazas ás presentacións deste libriño pola xeografía galega é coñecer a xente como Dulce Canosa ou Susana Trillo, que aúnan entusiasmo, patriotismo e simpatía. Grazas e moita forza!



20 de out. de 2010

Abertos ao Galego e o premio a Fraga Iribarne

Hoxe ás 13.15 h participo, xunto con Luís Bará e Pepe B. Alborés, nunha mesa redonda no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo. Os tres falaremos, desde diferentes puntos de vista, sobre a implicación no uso do galego de empresas e asociacións e a posíbel promoción desde os concellos. Será no marco do IV Encontro de política lingüística desde as administracións locais da provincia da Coruña, que coorganizan a CTNL e a Deputación.

Mais hai algo máis que non podo deixar de dicir hoxe: paréceme lamentábel a entrega do premio Otero Pedrayo á figura de Manuel Fraga Iribarne. Penso que tanto a RAG como as universidades deberían dar explicacións deste galardón que fede a submisión política. Como se pode recoñecer pola defensa da nosa cultura a alguén que tanto fixo contra ela?

18 de out. de 2010

Porque si, porque me gusta

Hoxe é o primeiro aniversario da histórica manifestación convocada baixo o lema "Queremos Galego" pola plataforma do mesmo nome, impulsada pola Mesa e constituída xa neses momentos por centos de entidades. Para celebrarmos a data, esta mañá realizamos no Parlamento unha primeira entrega de 30.000 sinaturas en apoio á Iniciativa Lexislativa pola Garantía dos Dereitos Lingüísticos.

Mais a batalla tamén continúa no día a día. Desa imprescindíbel loita diaria trato na miña sección en Galicia Hoxe:

Porque si, porque me gusta
Guía rápida de conduta para vivir no idioma de Galiza

O subtítulo do artigo desta semana adóptoo e adáptoo do libro de Ferran Suay e Gemma Sanginés do que falamos nas últimas segundas feiras nesta páxina de Galicia Hoxe e que aínda centrará a nosa atención algunhas máis. Como é de agardar, as que se presentan a continuación son algunhas propostas que cada persoa pode adaptar e modificar ao seu xeito e ás súas circunstancias. De feito, este é vocacionalmente un texto aberto, un punto para o diálogo, para compartirmos estratexias.

Os consellos que aquí se achegan son para pequenas situacións da vida diaria. No entanto, non subestimemos a importancia das mesmas: moitas veces, as pequenas mudanzas e os pequenos xestos orixinan grandes transformacións.

Lembrémolo: Se renunciarmos ao galego, por inhibicións e medos aprendidos, o noso milenario idioma non se manterá. Ou como o faría se non?

Galego: Cando, como e con quen?

Cando vou a un instituto impartir unha conferencia, é moi frecuente que no coloquio posterior saia unha pregunta, formulada con diferentes matices: "Ti falas galego sempre? Con todo o mundo? Tamén con alguén que acaba de chegar?" De verdade: é unha cuestión que ten unha frecuencia inusitada. No fondo, deixa ao descuberto un prexuízo co que se pretende xustificar a non utilización da lingua de Galiza: "Non a falo porque ao mellor hai xente que non me entende".

Se pomos tal preconcepto en observación, decatarémonos de canto ten de absurdo e irracional. De verdade o máis frecuente en calquera lugar de Galiza é que haxa xente que non entenda o galego? E como sabemos ademais se entenden ou non se non se lles fala este idioma?

Non podemos deixarnos levar tampouco polo prexuízo de non lles falar en galego ás persoas descoñecidas que "non teñen pinta de ser de aquí". A cor da pel, o cabelo, a morfoloxía dos ollos... nada teñen a ver coa lingua que se fala. Que llelo pregunten se non aos magrebís da Baña, aos negros de Burela, ás crianzas de trazos asiáticos de tantos lugares de Galiza que teñen unha soltura perfecta no idioma de Rosalía e Castelao.

A forma de vestirse, de comportarse e mesmo a lingua que se utilice tampouco son indicativos fiábeis de que se entenda ou non un idioma. Ou é que non podes ir de traxe e falar (ou entender) o galego? E non é certo que a inmensísima maioría dos usuarios do español en Galiza entende porén o idioma propio, e mesmo boa parte é capaz de usalo?

A primeira proposta é, pois, en Galiza, falar galego sempre (e tamén no conxunto dos territorios do sistema lingüístico galego-portugués, como é evidente). O idioma que non se fala é o idioma que morre.

Nas palabras de Suay e Sanginés: "Os especialistas en comunicación costuman dicir que, en xeral, convén considerar que a persoa coa que falamos é aproximadamente igual de intelixente ca nós e está igual de capacitada ca nós para expresar con claridade o que quere ou o que non quere. Isto é, que sempre que iniciemos unha interacción con alguén, podemos supor que se: a) non nos entende, b) non lle gusta como lle falamos, ou c) se sentiu incómodo, será perfectamente capaz de nolo facer saber, sen necesidade de nós o adiviñarmos". Isto é: se alguén non nos entende falándolle en galego, xa nolo fará saber e, segundo as circunstancias, xa actuaremos segundo conviñer, mesmo talvez falándolle no idioma no que mellor nos puidermos comunicar (o cal, por certo, pode ser o español ou pode non selo).

Por que falas en galego?

Hai moitos contextos nos que nos poden asaltar con esta pregunta. As persoas que pasan de falar castelán a, polos motivos que for, falar galego, adoitan ser interrogadas con máis insistencia por esta mudanza. Isto non costuma acontecer no caso contrario: para quen pasa do galego para o español. Tamén son propicios para esta cuestión os espazos, contextos ou ámbitos onde o uso da lingua de Galiza está especialmente precarizado. Ademais, claro está, poden chegarnos con ese mantra as persoas que manteñen unha postura agresiva contra o uso normal do idioma do país.

Nese sentido, non debemos dar pé nunca a que se debata se temos dereito ou non a falar en galego. É un dereito, podemos exercelo e non temos que permitir que se nos cuestione. Así, o primeiro obxectivo é desmontar a intromisión vinculada coa pregunta e responder con razóns puramente subxectivas, que non dean pé a unha discusión. Por exemplo, parafraseando o coñecido verso de Celso Emilio Ferreiro: "Falo galego porque me gusta". Ou "síntome máis cómoda/o falando así" ou "fáloo porque me interesa".

Non pagan a pena respostas ideolóxicas, porque son terreo aboado para que se estabeleza unha confrontación que non vén ao caso. Tampouco teñen lugar as xustificacións, pois iso sería lexitimar o dereito da outra persoa a preguntar por que falas en galego. É mellor sempre unha resposta estándar do tipo antes indicado.

Como responder os ataques?

Se alguén, no día a día, mantén connosco unha actitude agresiva porque falamos en galego, o preferíbel é non entrar nunca nese xogo. No caso de devolvermos a mesma agresividade, a discusión seguramente se acenderá e dará lugar a unha situación da que non sacaremos nada en limpo, a non ser contribuír para queimarnos. Con quen ten actitudes agresivas, non hai nada para gañar e sempre moito para perder. Mellor mantermos un talante neutro e calmado, pasando do posíbel conflito. Evidentemente, se tal trato o recibimos nunha empresa ou nunha administración, cómpre que esixamos que se nos atenda coa corrección debida con independencia da lingua que utilicemos. Ademais, neses casos non debemos deixar de presentar a correspondente queixa (na correspondente entidade e na Liña do Galego que xestiona A Mesa: 902 10 64 74 ou no correo-e linhadogalego@amesanl.org).

Para a semana continuarei con outras propostas de acción para momentos do día a día nos que nos dificultan usarmos o noso idioma.

17 de out. de 2010

Contra os movementos culturais en defensa do galego e o catalán

Outro aspecto no que sinto unha sensación de dejà vu nas Balears é coa forte campaña que existe contra as entidades sociais que defenden o catalán.

Un destes días, saía en El Mundo unha fotografía dun home que non quería amosar o seu rostro. A imaxe xa nos amosaba que estaban a falar dunha denuncia dura, pola que o home non quería que o identificasen:

A gravísima queixa, como vedes, era que desde a Obra Cultural Balear lle enviaran un carné de socio e el non se afiliara á entidade. Ou mellor dito: non recordaba cubrir a ficha de alta, porque desde a entidade, tras a campaña, chegaron a amosala, demostrando que aí non había nin vulneración da Lei de protección de datos nin cousa semellante.

Como en El Mundo non lles quedaba outra que sinalar que tal ficha existía (aínda que iso non afectase o titular...), redixían a noticia nun ton truculento sinalando que a mesma era de había tempo e que unha parte estaba cuberta cunha letra que non era a do denunciante. Sabedes cal? A do número de afiliado!

Ademais, a Obra Cultural Balear padece difamacións periódicas por parte da caverna mediática por recibir algún diñeiro público para as súas actividades. De novo, a mesma idea de fondo que xa aplicaron aquí coa Mesa e que agora estenden tamén aos equipos de normalización lingüística nos centros de ensino galegos: para a defensa e promoción do idioma propio non deben existir axudas públicas.

Alberto Núñez Feijóo executa moi ben esa liña de actuación no que di respecto á maior asociación cultural de Galiza, coa intención de destruíla. A Mesa recibe agora mesmo, nunha situación irregular e antidemocrática,cero céntimos de euro do Goberno galego. Isto dificulta moito a nosa capacidade de actuación, mais aquí seguimos.

16 de out. de 2010

Inmersió na cultura balear


De entre os varios encontros da axenda de onte, o máis institucional foi o que recolle esta fotografía: á dereita, a directora xeral de Política Lingüística do Govern Balear, Margalida Tous, e, á esquerda, o secretario xeral do PSM, portavoz deste grupo no parlamento autonómico e candidato á presidencia do Govern para 2011. Os tres falamos especialmente de ensino: como se está a aplicar aló a súa norma (idéntica á que entre nós negociaron PP-PSOE-BNG, promulgou o bipartito e derrogou Núñez Feijóo) e como se están a concretar en Galiza as propostas lingüísticas do PP.

A axenda incluíu tamén entrevistas para diversos medios de comunicación e reunións con varias figuras importantes da cultura, da política e do sindicalismo do arquipélago, como Damià Pons, Joan Melià, etc.

Ademais, pola noite puiden participar na estrea do filme Pa negre, coa presenza do seu director, o mallorquín Agustí Villaronga. É unha obra sobre a crueldade e as mentiras familiares, ambientada nunha abafante posguerra na Cataluña rural. Quedo coas ganas de comprar o libro no que se basea o filme, da autoría de Emili Teixidor.

15 de out. de 2010

Activismo que non falte

Hoxe continúo coas reunións en Palma, cunha axenda tan apretada como interesante, con varias entrevistas para medios de comunicación, encontros con maior profundidade coa Obra Cultural Balear, con diferentes axentes de dinamización da cultura propia en Mallorca e co PSM.

A respecto do eco mediático desta visita, querería sinalar que tiven unha entrevista en directo de máis de dez minutos na radio pública autonómica. Algo que, desde que Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta, non tivo na TVG nin na Radio Galega ningún portavoz da Mesa nin de Queremos Galego, a pesar de seren movementos cun respaldo social contrastado. A única excepción (e da maneira xa coñecida) foi hai un ano no programa Foro Alberto. Ou era Foro Aberto?

Por outra banda, desde A Mesa exixímoslle onte publicamente á Deputación de Pontevedra explicacións e responsabilidades sobre a circular que arriba se reproduce. Outro paso máis contra o galego que debemos divulgar entre a sociedade e obrigar a que dean marcha atrás.

Non esquezades que unha forma moi xeitosa de activismo para conseguirmos os nosos obxectivos é o Circo da Lingua, mañá en Soutomaior!

14 de out. de 2010

Galiza, banco de probas

Acabo de chegar a Mallorca e vexo en varios medios de comunicación o debate sobre a situación do seu idioma no ensino. O candidato do PP á presidencia desta comunidade asegurou que, de el gobernar, derrogará a Lei de normalización lingüística, como agora tamén comeza a sinalar entre nós Feijóo a respecto do debate sobre o nome A Coruña.

O que acontece é que, igual que na Galiza, esta norma foi aprobada por unanimidade parlamentar e cun goberno, digamos, nada sospeitoso de nacionalista, polo que tal decisión traería máis custos dos que quererían pagar.

Por iso, José Ramón Bauzá, que así se chama o presidente e candidato do PP balear, matizou máis tarde que el na realidade non pretende tombar a Lei, senón o decreto que a desenvolve para o ámbito educativo, ese regula que cando menos o 50% do ensino sexa na lingua propia. Sóavos?

Lembremos que este decreto que queren tirar abaixo é idéntico ao que negociaron no seu día as tres forzas políticas galegas e promulgou o bipartito. De feito, o PP galego cando aínda estaba sentado a falar cos outros dous grupos, puxera como referencia a norma das Illes. Para chegaren a un pacto unánime, o PSOE e o BNG reduciran as pretensións iniciais coas que traballaban, que significarían un maior apoio ao idioma propio e homologaron o decreto galego ao que estaba en vigor no arquipélago. Como nos amosou a historia recente, o PP faltou á súa palabra, rompeu co acordado e actuou de forma desleal, mesmo sucia.

No caso das Balears, a situación aínda é máis irónica. Resulta que o decreto tan terrorífico que o PP considera prioritario eliminar foi aprobado por un goberno... do propio PP! No entanto, iso non muda en absoluto o seu discurso cínico sobre "libertad" e con algunhas frases que seguro que escoitastes moitas veces nos últimos meses, do estilo "Pretendo trasladar la normalidad de la calle a las aulas".

É xusto o que diciamos cando comezaron os ataques máis fortes contra o noso idioma: Galiza é só un banco de probas para aplicar un plan de involución lingüística deseñado en Madrid e que repite, de forma machacona, o mesmo argumentario e o mesmo esquema de actuación, sen lle importar a realidade concreta no que o van aplicar.

No noso país queren aprofundar aínda máis co desmantelamento pola vía dos feitos da oficialidade do noso idioma. Nas Balears, queren comezar.

Sobre algunhas destas cousas falarei ás oito deste serán en Can-Alcover, Espai de Cultura, convidado pola Obra Cultural Balear. Seguro que sairán moitas ideas de interese para lle facermos fronte a estes ataques. Porque o que está claro é que, como mínimo, non llo imos pór fácil.

13 de out. de 2010

De Soutomaior a Palma


Hoxe pola mañá, estes dous que aí estamos presentamos o Circo pola Lingua que organiza Queremos Galego de Soutomaior. O alto altísimo é o sempre dinámico Nacho Carballal.

Eu non poderei estar nas actividades deste sábado, porque desde mañá estarei coñecendo o movemento social en defensa da lingua catalá nas Illes, grazas a un convite da Obra Cultural Balear. Hoxe mesmo, ás 21.10, terei unha entrevista en directo no programa "La volta al dia en 80 mons", de Ona Mallorca, que, se quixerdes, podedes ouvir a través do seu web.

Mañá, 14 de outubro, ás 20 h, ministrarei unha conferencia so o título "Una llengua en un punt crucial". Será en Can Alcover - Espai de Cultura. Tedes máis información sobre o ciclo de conferencias en que participo neste pdf.

12 de out. de 2010

A presentación de En castellano no hay problema en Zas

O outro día fixen a chamada para dar conseguido algunhas fotos dese acto e velaquí está o resultado:


As dúas fotografías tomeinas do enderezo web onde estaban penduradas, na páxina do Servizo de Normalización Lingüística de Zas. Vaia, si, que son un pouco toupa por non me decatar... Ademais, non tiña no meu blogrollo esta bitácula, mais xa acabo de solucionar esa carencia.

Na primeira fotografía acompáñanme na mesa o técnico de normalización da localidade, Pepe B. Alborés, e o alcalde, Manuel Muíño Espasandín. Grazas a ambos pola súa amabilidade!

Por outra banda, se alguén ten ou sabe onde podo conseguir imaxes das presentacións desta obriña na Feira do Libro en Santiago ou no Festigal, por favor que se poña en contacto comigo.

11 de out. de 2010

Que facermos cando nos dificultan falar en galego?

Velaquí a miña colaboración semanal en Galicia Hoxe:

Sementeira
Que facermos cando nos dificultan falar en galego?


Dínnolo os estudos e dínolo a realidade: o galego padece un acelerado proceso de perda de falantes, que é o maior perigo para que deixe de ser unha lingua viva. A iso temos que sumarlle unha desprotección xurídica e institucional que non sofren nin catalán nin vasco nin aranés.

Porén, hai un enorme aspecto positivo que cómpre termos presente: Nunca antes existiu –do punto de vista cuantitativo e penso que tampouco no cualitativo– unha comunidade lingüística galega con tal grao de consciencia dos seus dereitos e tan dinámica. Non hai dúbida de que é unha minoría social, aínda que unha minoría social moitísimo maior que a que constitúen as persoas que defenden os discursos galegófobos, por máis que estas últimas conten cunha multiplicación mediática enxordecedora.

As posicións maioritarias da sociedade basculan entre a defensa teórica dun equilibrio (inexistente) entre galego e castelán, o apoio afectivo á identidade galega (que non ten por que ter consecuencias prácticas) e a enunciación dunha serie de prexuízos sobre a situación. Como todos os prexuízos, son contraditorios. Confírmanse a si mesmos nun círculo pechado que só serve para xustificar a práctica que se exerza e son máis indestrutíbeis canto máis subxectivos e innomeados. Darlle palabras aos prexuízos lingüísticos é o primeiro paso para demostrar a súa irracionalidade e superalos.

A existencia desta comunidade lingüística galega consciente e dinámica é a nosa maior esperanza para superarmos a difícil situación actual e podermos aspirar á normalización do noso idioma nos diferentes ámbitos e espazos. Isto centra o compromiso individual como protagonista para conquistarmos o futuro.

Haberá momentos difíciles e novas batallas que imos perder. No entanto, eu teño a confianza plena de que esta guerra a imos gañar, porque temos a razón, dicimos a verdade e só defendemos os nosos dereitos, non que llos retiren a ninguén.

Ante a situación en que nos encontramos, paga a pena lembrar estas vibrantes palabras de Florentino Cuevillas: “Non desesperedes, os que de verdade sintades a emoción galega; seguide sempre con fe, e se se vos ocorre pensar acaso se sementades ou esparexedes, desbotade ese pensamento e tede por certo que calquera traballo, grande ou pequeno, duro ou livián, que emprendades en nome de Galiza, é sempre sementeira”. Sementemos, pois!

Algunhas propostas

A semana pasada terminaba esta páxina da segunda feira en Galicia Hoxe falando do libro Sortir de l’armari lingüístc. Una guia per a viure en català, de Ferran Suay e Gemma Sanginés. Salientaba que o feito de teren os autores deste libro decote unha óptica desde Valencia facía moitas das súas páxinas aproveitábeis para a nosa situación, máis que se adoptaren unha visión desde Cataluña. Como é sabido, no Principado contan cun proceso de normalización moito máis avanzado e a problemática principal á que aló se enfrontan (as bolsas de inmigración alleas á cultura propia) non constitúen o noso momento actual.

Sexa como for, debo amosar a miña débeda con esta obra, que me axudou a configurar algunhas das propostas que vou indicar a continuación e, tamén, no artigo da semana próxima. Outros dos consellos que formulo son produto da experiencia propia como falante de galego, así como do traballo como activista na súa defensa, que implica ter que procurarlles solucións a moitos máis exemplos de problematización do uso da nosa lingua. Estas propostas son para casos concretos cos que nos podemos encontrar en situacións desagradábeis ou conflitivas só polo feito de falarmos en galego.

Algunhas propostas xerais

O que se pretende con estes consellos é reducir os custos persoais, as molestias e o malestar sen renunciarmos a falar a nosa lingua. Iso é moi importante: Sen renunciarmos a falar a nosa lingua. Discutir en castelán o dereito a falar en galego significa perder a partida antes de comezala. Aliás, xera máis problemas dos que resolve, pois estaremos claudicando e, xa que temos sensibilidade pola nosa cultura, sentirémonos mal por facelo, pois estaremos a facer o contrario de como cremos que se debe actuar. Nin tan sequera aforraremos en malestar!

O mellor que podemos facer cando nos encontramos cunha situación desagradábel por usarmos o noso idioma é velo como un xogo no cal podemos conseguir pequenos éxitos. Iso crea unha certa distancia emocional moi saudábel, que afortalará a nosa posición. Non o tomemos todo a peito nin vaiamos a tumba aberta. Poñamos en acción un posibilismo fértil, sen entreguismos nin derrotismos. Relativizar as cousas non significa que vaiamos deixar de defender os nosos dereitos.

Como sabemos todas e todos os falantes de galego, estamos a referirnos a problemas que podemos ter a diario: no servizo de saúde, na autoescola, na fábrica, no supermercado... Se nos queimarmos no medio dunha bronca, na seguinte ocasión teremos máis dúbidas sobre se volver a facelo ou non. O recordo negativo do conflito pexaranos á hora de volver a dar a batalla en defensa do noso idioma e... somos tan necesarios! Temos que continuar coas forzas intactas nesta loita cotiá!

A irritación, pois, nunca compensa. Nin no nivel persoal, xa que nos provocará insatisfacción, mal humor, etc; nin no nivel da causa que defendemos, pois un momento desagradábel cohibiranos para outros casos nos cales será probábel que renunciemos a defender os nosos dereitos lingüísticos. Queimarse significa perder e irse desganando. Velo como un xogo permitiranos repetilo nun futuro.

É básico ademais que, aínda que recibamos provocacións, nunca adoptemos un ton ofensivo. A xente sempre tende a posicionarse en contra de quen perde os papeis, por moita razón que puider ter ou por moi xusta que puider ser a causa que defender.

Recoméndase tamén que a linguaxe corporal vaia acompasada co que digamos. Se usarmos palabras amábeis na súa literalidade, mais que co ton ou a nosa expresión facial soan cargadas de ira ou resentimento, deixarán de servir para o efecto que queriamos conseguir.

Que non nos enfademos non quere dicir, claro, que vaiamos permitir que nos traten con menosprezo ou desconsideración. A seriedade e a firmeza non deben estar rifadas coa cordialidade.

Na semana vindeira abordaremos algúns casos concretos con que nos encontramos no noso día a día os falantes de galego e como podemos darlles unha saída satisfactoria.

10 de out. de 2010

Unha obra mestra

Onte saín do cinema con esa impresión. O filme Enterrado, de Rodrigo Cortés, superou con moito as miñas expectativas. Unha auténtica marabilla narrativa, na que só talvez me pareceu superfluo un momento e desafortunada unha imaxe, que non podo indicar sen caer nun spolier, así que vai como comentario a esta entrada.



9 de out. de 2010

En castellano no hay problema en Frankfurt

Vexo que na rede moitas escritores e escritores lle están a dar o agarimo debido ao seu último libro unha vez que o ven exhibidiño na feira de Frankfurt.

Pois eu non podo nin debo facer menos, así que aí deixo unha fotiña na que sae (abaixo de todo, o segundo desde a dereita), En castellano no hay problema:

A imaxe é cortesía de Manuel Bragado, a través do seu twitter.

8 de out. de 2010

O imperio do analfabetismo

Penduro aquí este recomendábel artigo de Pilar García Negro sobre a nova ofensiva do PP contra a nosa lingua e contra a denominación xenuína e oficial dos nosos nomes de lugar.

Clicade na imaxe e poderedes lelo completo:

O Circo da Lingua


Queremos Galego de Soutomaior organiza para o día 16 de outubro a xornada O Circo da Lingua. Eu non poderei estar presente por mor unha viaxe de traballo e non sabedes canto o sinto! Ollade o programa do cartaz e comprenderedes ben a miña mágoa!

Se quixerdes bonos para o xantar, por 15 euros, podedes conseguilos escribindo ao correo-e queremosgalegosoutomaior@gmail.com

Ademais, se estiverdes interesadas ou interesados en apoiar esta inicitiva, lembrade que están á venda camisolas con este simpático deseño:

Forza e adiaaaaaanteeeee!

6 de out. de 2010

Conferencia en Narón sobre lingua e empresa

Cando esta entrada se publique, estarei ao volante camiño de Narón, para impartir unha conferencia sobre lingua e empresa. Será ás oito do serán na biblioteca da localidade e estades convidadas todas as persoas que puiderdes ter interese no tema.

No encontro comentarei os estudos de mercado existentes para Galiza que teñen en conta a situación lingüística. Algunhas das súas conclusións son contundentes:
  • A inmensa maioría da poboación (arredor do 80%), fale a lingua que falar no seu día a día, é favorábel ao uso do idioma galego na publicidade.
  • Unha porcentaxe semellante considera "agradábel" que lles falen en galego nas tendas.
  • Existe unha práctica unanimidade á hora de declarar o galego como un idioma "válido" para a publicidade.
  • Practicamente ninguén declara que se connote de forma negativa ningún produto por se vender en galego, for este produto elaborado en Galiza ou fóra dela, tradicional ou de última xeración.
  • As actitudes máis positivas encóntranse nas autoubicadas clases medias e nos niveis de estudos secundario e universitario.
  • Para unha porcentaxe variábel da poboación, que en calquera caso estaría por riba do 20%, o feito de se publicitar en galego é considerado un estímulo importante para adquirir un ben ou servizo.
Se os estudos de mercado sinalan isto, por que o mundo da empresa camiña por outro lado? Por que pesan máis os prexuízos (tamén ideolóxicos, en moitos casos) que os datos?

Que ninguén nos queira presentar o contrario. En Galiza, con todas as limitacións existentes, a verdade é que hai moitísima máis demanda de galego que oferta de galego.

Con proxectos como Abertos ao Galego, A Mesa quere facer ouvir esta realidade.

Apoia a campaña de hoxe en twitter!

Se tedes perfil en twitter, hoxe entre as catro e as cinco hai unha proposta que seguro que vos interesa: consiste en enviarmos unha mensaxe co hastag #galega. O obxectivo é converter a nosa lingua nun dos "trend topics" (temas do momento) a nivel mundial desta rede social durante ese tempo.

A idea partiu de Radiofusión, a rede de emisoras municipais galegas, que pretende celebrar así o aniversario do mitin de Manuel Lugrís Freire que, realizado en Betanzos en 1907, se sitúa como o primeiro acto público contemporáneo feito integramente en galego.

Outras iniciativas que, aproveitando que o Miño pasa por Ourense, vos animo a que apoiedes nas redes sociais son:
  • Que sexades seareiras e seareiros da Mesa pola Normalización Lingüística e de Queremos Galego no facebook, aquí e aquí.
  • Que vos fagades seguidoras e seguidores da Mesa pola Normalización Lingüística e de Queremos Galego no tuenti, aquí e aquí.
  • Que sigades o perfil da Mesa no twitter, aquí.

5 de out. de 2010

Leverelem



Leverelem

É concepçom monoteísta
pensar que existe umha só soluçom.
É um conceito banal
o dividendo por baixo do divisor.
É umha história perdida
a coeréncia de grande pensador.
É um debate sem limite como fazer a perfeita revoluçom.
É um debate sem limite como fazê-la perfeita.
É muito definitivo
umha janela tapiada na habitaçom
É altamente agradável
conhecer um valente que tenha valor.
De feito é habitual
nom dizer nada novo na conversaçom.
É um debate sem limite como fazer a perfeita revoluçom.
É um debate sem limite como fazê-lo perfeito.
Levere leverelem.

4 de out. de 2010

Xanelas

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:


Xanelas
Os gozos e as sombras da vida en galego


Tocoume a vez e achegueime para que me desen o meu cartón de embarque e para facturar a equipaxe. A traballadora de Vueling preguntoume: “¿Pasillo o ventana?” Eu respondín con naturalidade: “Xanela”. Aínda que gardo un pequenísimo medo a voar que tento superar co raciocinio, sempre me parece preferíbel contemplar as vistas.

O que non esperaba nese momento era que a persoa que me atendía me fixese pasar un momento desagradábel porque eu lle respondera en galego e cunha palabra que se diferenciaba do español. Debería estar vacinado para estas situacións, mais colleume desprecavido. Despois de eu dicir “xanela”, a muller ergueu a súa cara da pantalla da computadora, atravesoume cunha ollada de peixe podre e dirixiuse a min cun ton áspero que contrastaba co de había só uns segundos: “¡¿Me estás diciendo ventana?!”

Como xa a vía vir e non tiña intención de que me amargase o día, optei por sorrir e respondinlle: “Si, xanela”. O adverbio, que soa igual en galego que en español, confirmaba que o que ela chamaba “ventana” eu chamábao “xanela”, polo que non tería que haber máis problemas de comunicación. Ela volveume cuestionar de maos modos: “¿Ventana?” Parecía que só me daría ese lugar se eu repetía a palabra en castelán. Mantiven o sorriso e soltei o mellor que puiden: “Yes, window, please”.

O seu ton cara a min non foi máis cordial. “Es que yo no tengo por qué entender gallego, que soy española.” Parecía disposta a unha discusión bastante fóra de lugar, mais tentei tomalo con humor e cortar a conversa o máis rápido posíbel: “Paréceme ben. Eu son galego, estou no aeroporto de Santiago de Compostela e estou falando galego. Se hai algo que non me entende, pode preguntarmo, mais non ten por que tratarme con má educación.” Díxome a porta pola que embarcar e asunto finalizado.

Mañá mesmo presentarei tamén unha queixa por escrito á compañía, claro. Esa mesma compañía que recibe millóns de euros dos orzamentos autonómicos que non redundan nada no respecto aos nosos dereitos lingüísticos.

Desigualdade

As persoas que queremos utilizar o galego en Galiza con normalidade encontrámonos repetidamente con situacións incómodas como esta ou aínda peores e en condicións de maior fraxilidade e vulnerabilidade. Moita xente no noso país pensa que iso non acontece, que aquí cada quen vive na lingua que quixer, como repite a propaganda oficial.

Para quen coide que iso é así, o mellor consello que lle podo fornecer é aquel que lle ofrecía Almeida Garrett aos deputados portugueses que tiñan que lexislar sobre os camiños de ferro. O escritor viña a propor: se quixeren saber a situación real daquilo sobre o que teñen que decidir, monten nun comboio. Do mesmo xeito, podemos dicir aquí e agora: quen quixer saber cal é a situación verdadeira do noso idioma e dos dereitos lingüísticos da sociedade que o creou e mantén, que faga uso del para todos os ámbitos.

Claro que o feito de que existan dificultades serias non significa que a aspiración a vivir en galego sexa unha práctica para masoquistas. Ben ao contrario, trae moitas satisfaccións, de diferentes tipos segundo as persoas e os seus contextos.

Así, aínda nunha situación tan difícil como a que estamos a padecer, hai persoas que a nivel individual deciden pasarse para o galego. Hai quen opta por falalo por razóns ideolóxicas, dentro da concepción cívica de que non se debe permitir a desaparición da nosa propia cultura e, con ela, da nosa identidade colectiva. Hai quen pasa a falar en galego de xeito cotián, aínda que non fose o seu idioma inicial ou mesmo provindo de fóra de Galiza, porque o considera unha forma de proximidade. Penso por exemplo no caso de inmigrantes, novos galegos, que, aínda que saben que o castelán é a lingua do poder, optan por aprender e usar o noso idioma con normalidade, porque se decatan de que é un vínculo de integración. Tamén hai casos de persoas que deciden mudarse para o galego por afectividade, por exemplo que repensen a súa conduta lingüística unha vez que se namoran dunha persoa que fala en galego. Pode soar cursi, mais é algo que se ve por exemplo en parte do alumnado que se matricula para aprender o noso idioma nos lectorados de galego no Estado español, como puiden ver hai pouco en varios casos en Euskadi: estudan galego por amor. Pode haber utilidade máis profunda e satisfactoria para calquera lingua?

For polo apoio a unha causa xusta, por proximidade, por afectividade ou por outros moitos motivos, o uso do galego tamén produce gozo. Mais que podemos facer cando nos encontramos en situacións incómodas ou desagradábeis por falarmos o noso idioma, como a anécdota coa que principiaba este artigo?

Consellos

En xuño deste ano saíu un libro titulado Sortir de l’armari lingüístic. Una guia de conducta per a viure en català, escrito por Ferran Suay e Gemma Sanginés. O seu traballo parte de que “unha situación sociolingüística anómala xera actitudes colectivas analizábeis desde a psicoloxía social, que requiren intervencións determinadas, con vista a garantir o equilibrio psicolóxico e o mesmo benestar dos individuos”, en palabras do actual secretario xeral de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, prologuista do volume. Bernat Joan tamén sinala que esta obra fornece “elementos para funcionar normalmente en catalán sen se estresar máis da conta, incorporarse á comunidade lingüística catalá aforrándose tantos traumas como for posíbel ou, sinxelamente, dar un paso máis na propia actuación como catalanoparlante”. O feito de que a autora e o autor residan en València e teñan ben presente a súa situación no libro fai que varias das súas propostas sexan máis aplicábeis a nós que se exclusivamente falasen do que acontece no Principado. Que tivese a súa lectura fresca axudoume a responder mellor a desagradábel situación no aeroporto. Para a semana falaremos un pouquiño máis de como podemos adaptar algúns dos seus consellos á nosa propia realidade.

3 de out. de 2010

Que pasou en Venezuela?

No Ecuador xa sabemos que non houbo unha tentativa de golpe de Estado. Como ben afirmou a maioría dos medios, esa é unha interpretación dos gobernantes de aló. Alí houbo unha revolta policial por reivindicacións corporativas (dos oficiais, por certo) e, despois, moito alarmista e vitimista. Onde se viu que secuestrar o presidente e agredilo sexa un golpe de Estado?

Nas eleccións en Venezuela tamén aconteceu algo semellante, mais aínda con maior descaro manipulador. As primeiras noticias foron que o partido liderado por Hugo Chávez conseguira máis da metade dos escanos, porén os medios subliñaban que así perdía a maioría absoluta. Mesmo o repetían varios xornais electrónicos que se poden considerar alternativos. Eu non entendía nada. Desde cando a maioría absoluta non é contar coa metade máis un dos asentos?

Horas máis tarde, xa alguén indicaba que o agora partido gobernante, o Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), mantiña esa maioría na cámara, porén non tería a cualificada de dous terzos para aprobar leis orgánicas por si só, o cal se debería considerar unha derrota. Algo así como se no Estado español cando gañou Aznar no ano 2000 os medios encabezasen:

Aznar perde as eleccións
O PP non terá maioría suficiente para mudar a Constitución só cos seus votos

Despois, aínda se nos dixo unha e outra vez que o partido de Chávez gañaba en escanos mais perdía en apoios populares. Porén, como ben nos indica Xosé Antón de la Fuente Subiela, no seu recomendabilísimo blog, a verdade é que a oposición conseguiu o 35% dos votos e o PSUV e o PCV chegaron ao 55% dos sufraxios. É máis: confrontando os datos das últimas lexislativas ás que quixo concorrer a oposición, as forzas revolucionarias aumentaron en apoios (de 86 a 98 escanos) e as contrarias diminuíron (de 79 a 65). Estas teimudas matemáticas!

Canta razón tiña Hugo Chávez cando exclamou: "Din os escuálidos que gañaron. Pois sigan gañando así!"

2 de out. de 2010

Cos Comités de Vigo

Onte, como xa comentei nesta paxiniña, foi a presentación en Marín do libro En castellano no hay problema. A pesar de que sempre piquen á súa veciñanza con aquilo de xente de Marín, tropa... a verdade é que temos que corrixir de vez o dito: Eu podo dar testemuño de que sempre que vou aló chego con forzas renovadísimas!

Nos próximos días agardo subir algunha das fotos dese acto e tamén outras das actividades que desenvolveron as compañeiras e os compañeiros de Queremos Galego da localidade. Xa veredes que marabillas montaron coa rapazada!

Hoxe deixo aquí a ligazón ao vídeo que os militantes dos Comités de estudantes en Vigo penduraron na rede cun xeneroso extracto da presentación deste libro no CUVI no pasado mes de maio. Sobre este evento tamén hai información no blog que mantén a mesma organización estudantil.

A miña intención é ir subindo aquí fotos e vídeos das diferentes presentacións. No entanto, non teño material dos actos en Santiago (nin o primeiro na Feira do Libro nin o do Festigal), así como tampouco en Zas. Se alguén tiver algunha imaxe deses eventos, agradeceríalle que ma pasase ;)

Forza!

1 de out. de 2010

De Valdeorras a Marín

Xa que hoxe ao serán toca a presentación de En castellano no hay problema entre as compañeiras e os compañeiros de Marín, aproveito para continuar a recordar outros eventos pasados que nos serviron para falarmos da situación do noso idioma tendo como escusa este libriño.

Hoxe penduro tres imaxes do acto en Valdeorras, do pasado 17 de xuño, coa camaradiña Susana Méndez, a quen tanto admiro. Contamos coa hospitalidade da Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán e o afecto e entusiasmo de moita xente máis, algunha que había tempo que non vía (que lonxe están O Barco de Santiago!) e outra que coñecín nesa data. Entre estes últimos, o talentoso cantor Anxo Rei: