17 de out. de 2010

Contra os movementos culturais en defensa do galego e o catalán

Outro aspecto no que sinto unha sensación de dejà vu nas Balears é coa forte campaña que existe contra as entidades sociais que defenden o catalán.

Un destes días, saía en El Mundo unha fotografía dun home que non quería amosar o seu rostro. A imaxe xa nos amosaba que estaban a falar dunha denuncia dura, pola que o home non quería que o identificasen:

A gravísima queixa, como vedes, era que desde a Obra Cultural Balear lle enviaran un carné de socio e el non se afiliara á entidade. Ou mellor dito: non recordaba cubrir a ficha de alta, porque desde a entidade, tras a campaña, chegaron a amosala, demostrando que aí non había nin vulneración da Lei de protección de datos nin cousa semellante.

Como en El Mundo non lles quedaba outra que sinalar que tal ficha existía (aínda que iso non afectase o titular...), redixían a noticia nun ton truculento sinalando que a mesma era de había tempo e que unha parte estaba cuberta cunha letra que non era a do denunciante. Sabedes cal? A do número de afiliado!

Ademais, a Obra Cultural Balear padece difamacións periódicas por parte da caverna mediática por recibir algún diñeiro público para as súas actividades. De novo, a mesma idea de fondo que xa aplicaron aquí coa Mesa e que agora estenden tamén aos equipos de normalización lingüística nos centros de ensino galegos: para a defensa e promoción do idioma propio non deben existir axudas públicas.

Alberto Núñez Feijóo executa moi ben esa liña de actuación no que di respecto á maior asociación cultural de Galiza, coa intención de destruíla. A Mesa recibe agora mesmo, nunha situación irregular e antidemocrática,cero céntimos de euro do Goberno galego. Isto dificulta moito a nosa capacidade de actuación, mais aquí seguimos.

3 comentários:

  1. Hai uns días, un dos moitos españolistas que fan propaganda das súas posicións nas cafeterías do país galego falaba e falaba, ¡en galego!, e dixo que os nacionalismos están a piques de destruir España e comentou que "é unha barbaridade" que alguen tente impoñer o galego nas escolas...
    O tipo, que coñéceme de vista, invitou a varios dos clientes do bar --na Coruña-- a opinar sobre a súa tese.
    Eu escoitaba en silenzo, el insistiu e, canso de escoitar simplismos, díxenlle: "Ten vostede razón, o nacionalismo está a enfrontar as persoas das diferentes culturas que habitamos nas Españas".
    O tipo, supoño que feito a que todo o mundo lle dea a razón --quizáis para evitar problemas cun individuo grande coma unha árbore e que berraba cunha agresividade ameazante--, aproveitou para reforzar a súa visión da realidade: "Estamos de acordo, os galeguistas..."; evidentemente, non entendeu o que dixen e tiven que axuda-lo:
    "Coido que está a interpretar a miñas palabras de xeito errado, eu dixen o nacionalismo, un nacionalismo, e referíame ao nacionalismo español, pois é o único nacionalismo que hoxe en día está a enfrontarnos, eu respeto que vostede sexa galego e defenda o españolismo en Galicia, o rechamante da situación é que vostede considere unha barbaridade que haxa galeguistas en Galicia ou catalanistas en Cataluña e, por riba, vostede fala galego e está a condenar aos galegos que queren evitar que o galego desapareza; a verdade, non lle entendo".
    O españolista calou uns segundos, pediu socorro coa mirada aos seus compañeiros de viños e me insultou en castelán: "Tu eres un separatista de mierda", e seguiu a falar cos dous amigos ou coñecidos cos que estaba na barra, xa nun castelán revelador e de costas a min: "Ese no es gallego, lo sei polo acento, seguro que é outro deses catalanes y vascos que viven en Galicia que se adican a..."
    Na miña opinión eses tipos e os medios que manipulan son os inimigos máis perigosos da cultura, da galega e de todas.

    ResponderExcluir
  2. Estamos de acordo, Félix. E déchesme unha pequena "alegría" ao saber que non che pasou en Ribadeo, aínda que moito me temo que tamén podería ser ... Supoño que o que máis te ofendería sería a dúbida sobre a túa condición "lugoslava", non? ;-)

    ResponderExcluir
  3. Xavier, acertaches, os que nacimos na provincia de Lugo pero medramos e maduramos lonxe de Galicia temos a "virtude" e a maldición de --de volta ao país-- comprobar e sofrir de cotío o descubrimento de que hai moitos galegos anti-galegos.
    Saúde.

    ResponderExcluir