11 de out. de 2010

Que facermos cando nos dificultan falar en galego?

Velaquí a miña colaboración semanal en Galicia Hoxe:

Sementeira
Que facermos cando nos dificultan falar en galego?


Dínnolo os estudos e dínolo a realidade: o galego padece un acelerado proceso de perda de falantes, que é o maior perigo para que deixe de ser unha lingua viva. A iso temos que sumarlle unha desprotección xurídica e institucional que non sofren nin catalán nin vasco nin aranés.

Porén, hai un enorme aspecto positivo que cómpre termos presente: Nunca antes existiu –do punto de vista cuantitativo e penso que tampouco no cualitativo– unha comunidade lingüística galega con tal grao de consciencia dos seus dereitos e tan dinámica. Non hai dúbida de que é unha minoría social, aínda que unha minoría social moitísimo maior que a que constitúen as persoas que defenden os discursos galegófobos, por máis que estas últimas conten cunha multiplicación mediática enxordecedora.

As posicións maioritarias da sociedade basculan entre a defensa teórica dun equilibrio (inexistente) entre galego e castelán, o apoio afectivo á identidade galega (que non ten por que ter consecuencias prácticas) e a enunciación dunha serie de prexuízos sobre a situación. Como todos os prexuízos, son contraditorios. Confírmanse a si mesmos nun círculo pechado que só serve para xustificar a práctica que se exerza e son máis indestrutíbeis canto máis subxectivos e innomeados. Darlle palabras aos prexuízos lingüísticos é o primeiro paso para demostrar a súa irracionalidade e superalos.

A existencia desta comunidade lingüística galega consciente e dinámica é a nosa maior esperanza para superarmos a difícil situación actual e podermos aspirar á normalización do noso idioma nos diferentes ámbitos e espazos. Isto centra o compromiso individual como protagonista para conquistarmos o futuro.

Haberá momentos difíciles e novas batallas que imos perder. No entanto, eu teño a confianza plena de que esta guerra a imos gañar, porque temos a razón, dicimos a verdade e só defendemos os nosos dereitos, non que llos retiren a ninguén.

Ante a situación en que nos encontramos, paga a pena lembrar estas vibrantes palabras de Florentino Cuevillas: “Non desesperedes, os que de verdade sintades a emoción galega; seguide sempre con fe, e se se vos ocorre pensar acaso se sementades ou esparexedes, desbotade ese pensamento e tede por certo que calquera traballo, grande ou pequeno, duro ou livián, que emprendades en nome de Galiza, é sempre sementeira”. Sementemos, pois!

Algunhas propostas

A semana pasada terminaba esta páxina da segunda feira en Galicia Hoxe falando do libro Sortir de l’armari lingüístc. Una guia per a viure en català, de Ferran Suay e Gemma Sanginés. Salientaba que o feito de teren os autores deste libro decote unha óptica desde Valencia facía moitas das súas páxinas aproveitábeis para a nosa situación, máis que se adoptaren unha visión desde Cataluña. Como é sabido, no Principado contan cun proceso de normalización moito máis avanzado e a problemática principal á que aló se enfrontan (as bolsas de inmigración alleas á cultura propia) non constitúen o noso momento actual.

Sexa como for, debo amosar a miña débeda con esta obra, que me axudou a configurar algunhas das propostas que vou indicar a continuación e, tamén, no artigo da semana próxima. Outros dos consellos que formulo son produto da experiencia propia como falante de galego, así como do traballo como activista na súa defensa, que implica ter que procurarlles solucións a moitos máis exemplos de problematización do uso da nosa lingua. Estas propostas son para casos concretos cos que nos podemos encontrar en situacións desagradábeis ou conflitivas só polo feito de falarmos en galego.

Algunhas propostas xerais

O que se pretende con estes consellos é reducir os custos persoais, as molestias e o malestar sen renunciarmos a falar a nosa lingua. Iso é moi importante: Sen renunciarmos a falar a nosa lingua. Discutir en castelán o dereito a falar en galego significa perder a partida antes de comezala. Aliás, xera máis problemas dos que resolve, pois estaremos claudicando e, xa que temos sensibilidade pola nosa cultura, sentirémonos mal por facelo, pois estaremos a facer o contrario de como cremos que se debe actuar. Nin tan sequera aforraremos en malestar!

O mellor que podemos facer cando nos encontramos cunha situación desagradábel por usarmos o noso idioma é velo como un xogo no cal podemos conseguir pequenos éxitos. Iso crea unha certa distancia emocional moi saudábel, que afortalará a nosa posición. Non o tomemos todo a peito nin vaiamos a tumba aberta. Poñamos en acción un posibilismo fértil, sen entreguismos nin derrotismos. Relativizar as cousas non significa que vaiamos deixar de defender os nosos dereitos.

Como sabemos todas e todos os falantes de galego, estamos a referirnos a problemas que podemos ter a diario: no servizo de saúde, na autoescola, na fábrica, no supermercado... Se nos queimarmos no medio dunha bronca, na seguinte ocasión teremos máis dúbidas sobre se volver a facelo ou non. O recordo negativo do conflito pexaranos á hora de volver a dar a batalla en defensa do noso idioma e... somos tan necesarios! Temos que continuar coas forzas intactas nesta loita cotiá!

A irritación, pois, nunca compensa. Nin no nivel persoal, xa que nos provocará insatisfacción, mal humor, etc; nin no nivel da causa que defendemos, pois un momento desagradábel cohibiranos para outros casos nos cales será probábel que renunciemos a defender os nosos dereitos lingüísticos. Queimarse significa perder e irse desganando. Velo como un xogo permitiranos repetilo nun futuro.

É básico ademais que, aínda que recibamos provocacións, nunca adoptemos un ton ofensivo. A xente sempre tende a posicionarse en contra de quen perde os papeis, por moita razón que puider ter ou por moi xusta que puider ser a causa que defender.

Recoméndase tamén que a linguaxe corporal vaia acompasada co que digamos. Se usarmos palabras amábeis na súa literalidade, mais que co ton ou a nosa expresión facial soan cargadas de ira ou resentimento, deixarán de servir para o efecto que queriamos conseguir.

Que non nos enfademos non quere dicir, claro, que vaiamos permitir que nos traten con menosprezo ou desconsideración. A seriedade e a firmeza non deben estar rifadas coa cordialidade.

Na semana vindeira abordaremos algúns casos concretos con que nos encontramos no noso día a día os falantes de galego e como podemos darlles unha saída satisfactoria.

5 comentários:

  1. Fico à espera do seguinte artigo. Por enquanto parece-me que é uma filosofia destinada ao fracasso porque considera a negativa como uma oção, e provável. Mas, insisto, fico à espera.

    Do meu ponto de vista a estratégia mais produtiva é a de queimar as naves. Escolher algo no que um possa renunciar e tenha a razão plena e incondicionalmente. E não dar o braço a torcer até desde o início até que se resolva nos tribunais.

    Eis o exemplo de Rosa Parks. Dar uma batalha e ganhá-la. E não dar muitas batalhas e perde-las.
    José T.

    ResponderExcluir
  2. Grazas, José, por pasares por aquí e por deixares a túa opinión. Xa che adianto que o seguinte artigo tampouco che vai prestar. Polo que indicas, temos visións diferentes sobre como actuar e sobre como se poden gañar as batallas e as guerras. Non acontece nada porque sexa así.

    Oxalá a negativa non for unha opción probábel (e uso aquí no sentido de que se pode probar) no noso día a día!

    Unha aperta forte!

    ResponderExcluir
  3. Queimarse non serve de nada. Hai que estar porriba deso.

    ResponderExcluir
  4. No eido persoal, coido que compre falar galego cos que falan galego e tamén cos que o entenden... ¡E punto!, sen darlle máis imporancia que a que ten, a que se deriva de que falar galego en Galicia é "natural". E se resides en Catalunya, catalán e en Francia, francés, etc. etc. etc. Aínda que só sexa por respeto ao país e a súa cultura.

    ResponderExcluir
  5. Un moi bo artigo, si señor, e dunha usabilidade tremenda á hora das nosas batallas, sexan en institucións como pode telas Carlos, ou entre amigos e non tan amigos como as podo ter eu. Un artigo de moito proveito, si señor.
    Ánimo e forza Carlos!

    ResponderExcluir