1 de nov. de 2010

25, 33, 50

Antes de deixar paso ao artigo en Galicia Hoxe, quero comentar que todas as mañás desta semana participo nunha iniciativa de Radiofusión a través da cal recomendo unha canción para cada día. Foi unha escolla difícil, mais divertida, que poderedes ouvir na emisora (tamén a través da rede) aproximadamente ás 9.55 h, desde hoxe até esta sexta feira.

Dito isto, velaquí está a páxina desta semana:

25, 33, 50
Teoría e realidade do ensino en galego de 1995 a 2004


No momento da Transición, Galiza era o territorio do Estado onde máis se falaba unha lingua propia diferente ao castelán, aínda que era na súa maioría a través de esquemas diglósicos e carecendo de alfabetización na mesma. Porén, en toda a etapa autonómica o galego está a sufrir unha drástica caída de falantes, que non se rexistra nos outros idiomas que teñen tamén recoñecemento oficial nos seus respectivos estatutos. Parece contraditorio: Como é posíbel que unha lingua que foi proscrita e mesmo prohibida e perseguida durante quiñentos anos padeza o seu maior declinio cando por fin consegue certo estatus legal?

A resposta sería longa de dar, mais podémola bosquexar cunha idea bastante simple: Se un idioma está en perigo de se perder é porque non se está a facer abondo para evitar esa perda. Descúlpeseme a perogrullada mais é que, ás veces, con tan excesivas doses de propaganda e grandilocuencia, custa mesmo dicir o evidente. Fixeron e fan os poderes públicos de / en Galiza o minimamente exixíbel para que a lingua galega continúe viva? Fixeron e fan o minimamente exixíbel para que os seus falantes teñan dereitos lingüísticos na súa propia terra? Fixeron e fan o necesario para que as e os estudantes finalicen cada etapa educativa con suficientes competencias comunicativas non só en castelán, senón tamén en galego?

Un dos piares para a conservación, recuperación e normalización dunha lingua é o sector educativo. Como xa se ten estudado abondosamente desde a sociolingüística, trátase dunha condición non suficiente mais sempre necesaria. Necesarísima. Non hai ningún caso coñecido ao longo e largo da Terra onde unha lingua se conseguise normalizar sen contar co apoio do ensino.

A uña de cabalo, no artigo desta semana e nos das dúas seguintes, sintetizarei as liñas fundamentais do proceso de galeguización e desgaleguización do sistema educativo non universitario nos últimos quince anos. Penso que é importante recordar esta historia recente para continuarmos con máis forza e argumentos no traballo que temos por diante.

Os cinco cortes básicos que podemos facer neste período son: primeiro, de 1995 (aprobación do decreto do 33%) a 2001 (ratificación estatal da Carta Europea das Linguas); segundo, de 2001 a 2004 (aprobación do Plan xeral de normalización da lingua galega); terceiro, de 2004 a 2007 (promulgación do decreto do 50%); cuarto, de 2007 a 2010, que é a etapa que o decreto consensuado está en vigor. De 2010 ao futuro é unha historia que está aínda por escribir. Na nosa man está que sexa dun ou doutro xeito.

a) 1995 – 2001

En setembro de 1995, cando Manuel Fraga Iribarne xa levaba un lustro como presidente da Xunta de Galiza, con maioría absoluta no Parlamento, apróbase un decreto que regula unha serie de materias mínimas que se deben ministrar en galego. Con anterioridade, a porcentaxe chan que, na teoría, se debería recibir en colexios e institutos era do 25%; a partir deste momento, ascendía levemente, a unha de cada tres horas. A pesar do pouco ambicioso, recibiuse como un paso adiante e tamén se saudou como moi importante que se marcasen en concreto cales eran as disciplinas que en cada etapa terían que vehicularse en galego.

Como comentabamos xa no artigo da semana pasada, este novo decreto promulgouse a petición da maioría das comunidades escolares, con especial protagonismo dos sindicatos do profesorado, e ante a obriga autonómica de aggiornar a lexislación debido á aprobación estatal dun novo marco educativo.

Houbo campañas sociais do máis diferente tipo, mesmo folgas estudantís, para instar o Goberno galego a que adoptase medidas para aplicar este decreto. No entanto, non houbo ningún esforzo institucional para que for así. A norma marcaba un camiño, mais nacía morta. A verdade era que a maioría dos centros de ensino non chegaban a cumprir nin tan sequera a norma anterior. Da actitude oficial é boa mostra o feito de que, no mesmo mes no que se aprobou esta norma, a Xunta chegou a ameazar cun expediente ao Colexio de Palmeira por utilizar o galego con normalidade...

A pesar de o decreto ser, tristemente, unha pantomima, houbo tamén campañas orquestradas contra el por parte da extrema dereita, dalgúns grupúsculos creados para atacar o galego e dos medios de comunicación madrileños na órbita do PP. A habitual guerra preventiva contra a posibilidade de que o noso idioma levante cabeza.

A título de exemplo, o diario ABC chegaba a titular, totalmente fóra da realidade, que moitos nenos galegos “ya no saben contar de 1 a 10 en castellano” porque en Galiza había políticas de “inmersión lingüística”. Porén, o PP está neses momentos no goberno en Galiza e acantoa os discursos exaltados. Prefire aplicar unha política de narcotización, máis efectiva: aparentan que fan algo polo galego, para evitaren as mobilizacións cidadás, mais na práctica evitan calquera adianto real.

b) 2001 – 2004

A Xunta –onde Manuel Fraga Iribarne segue gañando as eleccións por maioría absoluta– persiste sen facer nada para que se aplique o decreto, a pesar de que varios colectivos educativos, culturais, sindicais ou partidarios continúan a reclamalo curso tras curso. Mentres, o propio PP, que preside tamén o Goberno español con maioría absoluta, ratifica un tratado internacional promovido polo Consello de Europa: a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias. A Carta, tal e como a subscribe o Estado, obriga os poderes públicos a que garantan “modelos educativos esencialmente en galego”. Tal mandato, no entanto, é desatendido de vez.

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística iníciase un proceso xudicial contra a Xunta, acusada de neglixente. Un estudo sinalaba, case unha década despois de se aprobar aquel decreto, que tres de cada catro colexios non ministraban en galego as aulas mínimas que deberían e que un de cada tres centros de secundaria non cumpría nin tan sequera á hora de ter en galego os libros de texto que correspondía.

A presión social si consegue que unha iniciativa lexislativa do nacionalismo no Parlamento acabe frutificando na elaboración e aprobación dun Plan xeral de normalización da lingua galega, que secundaron en 2004 todas as forzas políticas con representación na cámara lexislativa. Ese Plan recoñecía pública e oficialmente o incumprimento do decreto en vigor e puña como obxectivo que cando menos un 50% do ensino debería ser en galego. Anxo Lorenzo foi, daquela, o secretario da comisión de educación, familia e sociedade do devantido Plan xeral. Para algúns, está visto, o fundamental é comer do galego, sen ningún dilema ético nin intelectual se é para afortalalo ou para matalo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário