29 de nov. de 2010

De que nos salvará o bilingüismo?

No artigo desta semana teño ben presentes xa as reflexións que realizaba o pasado sábado sobre o documento do IGEA. Porque Galiza non é "bilingüe", nin de nada nos serviría dicilo. Porque en galego Galiza ten futuro.

De que nos salvará o bilingüismo?
Reflexións críticas sobre o documento do IGEA


O pasado mes de maio presentei en Barcelona o meu libro En castellano no hay problema. No acto acompañáronme Sabela Labraña, profesora de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona, sempre animosa e dinámica, e Joaquim Arenas, un dos nomes chave no proceso de catalanización do sistema educativo, desde a súa responsabilidade como Xefe do Servizo de Ensino da Generalitat entre 1983 e 2003.

Arenas é, pois, un dos que levou a cabo o maior éxito da lingua catalá desde a restauración da democracia: a implantación dun modelo de escola catalá en idioma e contidos, a chamada inmersión lingüística. Este modelo é referencial para a recuperación dun idioma minorizado. O seu exemplo, coas súas potencialidades e as súas dificultades, estúdase internacionalmente.

Na presentación do libro, Joaquim Arenas fíxonos rir, desde a súa ironía, e pensar, desde os diferentes exemplos que nos puña sobre como revitalizar unha lingua e sobre algúns problemas polos que pasou e pasa o idioma de Cataluña. Nun momento retranqueiro, exclamou: “El bilingüisme és pecat!” Fronte ás defensas dun irreal e narcotizador bilingüismo, manifestou que o futuro do catalán e do galego só podería pasar por un “monolingüismo axial”: isto é, que a lingua propia das respectivas nacións teña un papel central, sen que iso sexa óbice para que os seus cidadáns coñezan cantos máis idiomas mellor. Coa exitosa experiencia que ten ás súas costas, Joaquim Arenas sabe ben do que fala.

Un paso atrás no debate

Lembrei as súas atinadas palabras cando a semana pasada o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) presentou ante os medios de comunicación un relatorio sobre a situación da lingua galega e algunhas liñas xerais para o seu futuro. O que máis trascendeu deste documento foi a realización dunha relectura positivizadora do termo “bilingüismo”, que considera central para a posibilidade de que o galego teña algún futuro.

O informe está asinado por Henrique Monteagudo coa colaboración de Antón Reixa. Non hai dúbida de que se trata de dúas persoas cunha coñecida sensibilidade pola lingua do país, mais penso que a mensaxe de fondo que lanzan é unha equivocación, aínda máis no momento actual en que nos encontramos, onde son máis necesarias que nunca as mensaxes unitivas.

Á parte de graves erros de diagnose, este documento supón un paso atrás, pois retrotráenos a un debate bizantino e testemuñalista, sen propostas de acción, que pasan a postergarse máis unha vez. No entanto, o principal dano que observo nese texto é que crea confusión ao xogar coa terminoloxía do inimigo (porque o inimigo existe, por certo).

De verdade se lle chamamos bilingüismo á diglosia a situación social mudará? Cando se deixará de procurar novas “fórmulas axeitadas” e se comezarán a aplicar desde as institucións, sobre todo quen puido ou pode? Alguén podería indicarme cal é a entidade ou cales son as entidades que defenden que as galegas e os galegos só saibamos galego? Non houbo nin hai políticas institucionais decididas a recuperar falantes e incorporar o idioma a novos ámbitos porque hai xente que defende(mos) que o discurso bilingüista é unha falacia do comezo ao final? Se o castelán é un idioma “común” (sic) e case tan galego como o galego, por que deben desenvolverse políticas para a restauración do galego? Existen en Galiza grupos galego falantes fronte a grupos castelán falantes, como sinala este documento, que tamén indica que debe producirse un “previo recoñecemento mutuo” de ambos?

Son moitas as preguntas que un se formula despois de ler este informe, que vai na liña doutros documentos anteriores de Henrique Monteagudo, especialmente o titulado “A ofensiva da dereita contra o galego”, que divulgou a Fundación 10 de Marzo. Á parte de se manteren moitas das ideas centrais que agora difunde o IGEA, nesoutro texto había unha maior proliferación de termos denigratorios cara ao papel do movemento nacionalista na defensa do galego, p. ex.: “o nacionalismo veu padecendo unha propensión sectaria a apropiarse do idioma e da cultura de xeito monopolizador e en proveito propio, cunha perspectiva partidista”. Esta crítica, que é tamén punto de partida, ten moito máis de prexuízo ideolóxico que de análise.

Non nos autoenganemos

No libro En castellano no hay problema, do que falaba ao comezo deste artigo, están incluídos varios textos que amosan unha visión crítica deste tipo de discursos (por exemplo nas páxinas 67-68, 224-228 e, especialmente, 237-242). Nun momento, falo da “normalización sen normalización”, partindo dunha reflexión moi interesante de Žižek, na que este pensador comenta a postergación eterna dalgúns intelectuais de calquera acto transformador. Finalizo con algunhas das liñas alí incluídas, porque parece que as escribise esta mesma semana:

En calquera caso, non nos autoenganemos. Non é por falta de documentos, de plans, de escritos, de argumentario nin de corpus teórico forte e contrastado que a situación da lingua é a que é. Con certeza que hai erros na pedagoxía á hora de o transmitirmos sen que se manipule a mensaxe e, sobre todo, de o aplicarmos. Mais quen pense que pasarmos a exclamar que Galiza é “bilingüe”, que a diglosia está desfasada e que o autoodio non significa nada nos vai facer gañar espazo social, cae nunha inxenuidade tremenda. Xogar coas regras do inimigo, cos seus conceptos pervertidos, promove o confusionismo e leva á derrota segura.

Converter en elemento central da acción normalizadora a procura de ábrete-sésamos e fórmulas máxicas sería un erro inmenso. Esta situación lémbrame a unha oportuna reflexión do pensador Slavoj Žižek: “A maioría dos académicos están obsesionados coa idea ‘A esquerda necesita novas respostas’. Non é isto basicamente un ‘Queremos unha revolución radical, mais ao mesmo tempo queremos conservar as nosas prósperas vidas e seguir tranquilos?’ Como precisamente xa o dixo algunha vez Robespierre: Queremos unha revolución sen revolución”.

Defender o galego renegando de dar a batalla social real, e conflitiva, da súa restauración e extensión social, non é querer unha normalización sen normalización?

9 comentários:

  1. Bo día. O informe IGEA está colgado na rede? Onde podemos acceder a el? Graciñas por adiantado.

    ResponderExcluir
  2. Pois eu non vexo tan mal o atacar ao inimigo coas súas mesmas armas. Deixando así en evidencia as contradiccións dos que din defender o bilingüísmo.

    ResponderExcluir
  3. Ao primeiro anónimo: o informe do IGEA está disponible aquí http://igea.eu.com/index.php?id=47&no_cache=1&tx_sfbooks_pi1[showUid]=14&cHash=494efda70fab625ff1b9f380598f966d

    Ao segundo anónimo: utilizar as armas do inimigo é algo que o nacionalismo galego leva facendo desde o seu propio nacemento. Só que, cando iso pon en perigo determinadas posicións hexemónicas, hai quen rexeita os mesmos métodos que noutros ámbitos aplica para gañar espazos de influencia. É a pior face da política, si, pero de nada serve ignorala. Un exemplo ben clariño: non é o Día da Patria unha reversión simbólica do significado tradicional do 25 de xullo? Pois iso.

    Sobre o post, só direi dúas cousas: (i) a acción que non se basea na reflexión está condenada ao fracaso, polo que o chamamento a "facer" e a deixar de "debater" é un despropósito dialéctico e político; e (ii) dar "pasos atrás" é unha expresión subxectiva, pois "atrás" e "diante" son conceptos que dependen da posición na que cadaquén se sitúa, e é obvio que Callón e Monteagudo non comparten a mesma posición de partida.

    Saúdos.

    ResponderExcluir
  4. Anónimo 1: Xa tes no terceiro comentario a ligazón (grazas!)

    Anónimo 2: Esa afirmación que sinalas é válida, si, para moitísimos casos, mais non para todos. Mais... se usan a demagoxia, a manipulación de conceptos, etc, imos darlle uso a iso mesmo para nos defendermos? Eu non estou de acordo.

    Filipe: Estou de acordo co primeiro que dis, aínda que me parece un pouco de máis a conclusión que se podería tirar de que quen non está de acordo é porque non pensa. Por certo, a frase "o que hai que facer é facer" non é miña, é do amigo Reixa na presentación de GalegoLab.

    Sobre o adiante e o atrás. Eu penso que defender o galego como lingua propia é un paso adiante e pasar a cuestionalo é un paso atrás. Sobre algúns dos outros retrocesos analíticos, tácticos e estratéxicos que vexo neste documento, pódese consultar o artigo que dá pé a este comentario.

    ResponderExcluir
  5. Carlos, suponho que não vás responder (deixei um comentário no outro artigo teu e ni flores), mas eu eu sugeriria que a MNL explicasse qual é a diferença entre o texto do IGEA e o "Manifesto pola convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego". Poderia explicar, por exemplo, se este Manifesto não estabelece já "duas comunidades" (que tu criticas no documento do IGEA) ao falar de "galego falantes" e "falantes de espanhol". E a Mesa também poderia explicar em que se distingue o "bilinguismo restitutivo" da promoção do galego segundo a LNL que propõe o Manifesto.

    Já sei que este "debate" é um jogo interno dentro do mesmo projeto de língua, e que o texto do IGEA que só lhe faz o jogo (redundantemente) a Feijoo/Lorenzo, cujo alvo é segmentar o contínuo galeguista que vai desde setores do PP até o hegemonismo reintegracionista. O texto do IGEA procura deixar fora de jogo (terceira redundância) a MNL. Eu pessoalmente concordo contigo, Carlos, em que é aberrante (teoricamente e em termos de ação) procurar "despolitizar" e "desnacionalizar" o problema da língua. Mas a MNL também poderia explicar se esta tentativa de fragmentação do galeguismo não é também a que a MNL leva praticando com o hegemonismo reintegracionista, só que querendo cortar o contínuo galeguista (e o bacalhau) num pontinho mais à esquerda.

    Enfim, Cousas da Lingua ;-) . Talvez ambas facções poderíades pensar QUEM está a levar realmente a iniciativa discursiva sobre a língua desde há dous aninhos, especificamente desde a manife-bódrio de GB. Eu tenho-o bastante claro.

    Saúde,

    -celso
    Celso Alvarez Cáccamo

    ResponderExcluir
  6. Celso: Desde A Mesa non consideramos que haxa dúas comunidades lingüísticas e non renunciamos a ir de vagar se iso nos serve para ir construíndo. Polo demais, sinto se non respondín antes, mais é que penso que estamos no mesmo punto que noutros debates anteriores neste mesmo blog e sería repetirnos cansativamente. A eses fíos me remito.

    Saúde!

    ResponderExcluir
  7. Carlos, obrigado por responderes, mas penso que não respondes ;-) . Tampouco em fios passados. A eles me remito também e, quem quiser, que tire conclusões se quiser.

    -celso

    ResponderExcluir
  8. Os tempos cambian... as formas cambian... quedarse anclado no pasado non vai resolver o futuro.
    Haberá que facerlle fronte a esta situación e co enfrontamento so imos radicalizar posturas e facer maís gorda a liña que sepera a uns e outros... e ben sabemos que somos menos -nen mellores nen peores pero menos-
    Que hai de malo en aceptar certos postulados e atraer -con seducción non con enfrotamento- máis persoas cara o galego?

    ResponderExcluir
  9. O texto do IGEA non fala de atraer persoas cara ao galego, senón de asumir que o español e o galego son dous idiomas de Galicia e que, como moito, o galego necesitaría un pouco máis de mimo, pero nada máis. Mesmo o Estatuto de hai trinta anos é máis favorable ao galego que o texto do IGEA.

    ResponderExcluir