Este novo escándalo do goberno de Núñez Feijóo únese agora á multa millonaria contra Constru4, empresa da que un dos tres socios é Telmo Martín, desacreditado candidato do PP á alcaldía de Pontevedra. O instrutor autonómico obriga a que Constru4 desembolse 3,7 millóns de euros, dous terzos desta cantidade como sanción administrativa. No outro terzo que terá que gastar esta empresa está o núcleo do problema ético de Telmo Martín: que terá que devolver 1.235.000 euros dos sobreprezos que cobraron a persoas que adquiriron vivendas protexidas. Unha desvergoña.
Mais lendo un pouco a imprensa estes días sobre o tema, hai algunhas preguntas que me veñen á cabeza:
Se Alfonso Rueda di que Telmo Martín non ten nada a ver con todo isto, por que o propio Telmo Martín é o portavoz público da empresa que anuncia un recurso xudicial -grazas ao cal, por certo, para máis inri, demorará varios anos a devolución do diñeiro ás vítimas?
Se a Xunta considera probado, debido ao proceso xudicial previo e a un informe dun perito de Facenda, que se cobrou máis dun millón de euros en sobreprezos, por que se impón a Constru4 a sanción máis baixa que permite a lei, a do duplo do cobrado irregularmente?
Por que no expediente instrutor da Xunta o único socio da empresa que non se cita é o candidato do PP por Pontevedra, como se este non fose tamén propietario da mesma, cando as sancións non son persoais, senón a Constru4 como tal, como non tivo outra que recoñecer o propio Martín?
Que credibilidade pode ter Telmo Martín para un cargo público cando nega que existisen sobreprezos, a pesar de que mesmo están probados por gravacións realizadas con todas as garantías xudiciais?
É verdade que o PP desde a Xunta só completou e pechou un expediente iniciado polo bipartito, como sinalou o propio candidato do PP á alcaldía de Pontevedra?
Que foi o que quixo dicir aí? Que o PP tería un trato de favor con el e faría a vista gorda aos cobros irregulares, mais que agora resolveu isto porque non lle quedaba máis remedio?
Desde o xornal electrónico Galicia Confidencial pedíronme licenza para reproducir esta entrada no blog como artigo no seu medio. Así, desde onte á noite encóntrase na súa portada nesta ligazón: http://www.galiciaconfidencial.com/nova/6592.html
ResponderExcluir