20 de dez. de 2010

Pola plena oficialidade dos nosos nomes de lugar

O artigo desta semana en Galicia Hoxe versa sobre a toponimia. Porque, como se continúa a ver con denuncias como a de Fraga Mandián, continúa a ser moi necesario defender as formas xenuínas dos nosos nomes de lugar:

Toponimias
Pola plena oficialidade dos nosos nomes de lugar


No mundo hai diversos criterios para fixar a toponimia. Así, en español non se usa Mastrique, como chamaba Lope de Vega a Maästricht; unha cidade importante dos USA é Los Angeles, e non The Angels; Sri Lanka é hoxe chamada así e non polo nome colonial de Ceilán. Este último caso, con evidentes diferenzas, é o que máis se semella ao da Galiza. Sri Lanka é chamado hoxe así internacionalmente porque pediu ao mundo que se lle chamase polo seu nome xenuíno e natural, non o adoptado polo desprezo dos colonizadores. Foi unha cuestión de dignidade e de soberanía. É, tamén para nós, unha cuestión de dignidade e soberanía.

Na Galiza, coa restauración da democracia, decidiuse pórlle fin ás deturpacións castelanizadoras e caprichosas que os nosos nomes de lugar padeceron durante anos e anos. Foron normas legais aprobadas por unanimidade, tanto no Parlamento Galego como no Congreso dos Deputados, e a Administración está seriamente obrigada a cumprir co lexislado, tal e como é obriga dun Estado de Dereito. A Lei de Normalización Lingüística indica no seu artigo 10:
1. Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega.
2. Correspóndelle á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galiza. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente.
3. Estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulaxe terá que concordar con elas. A Xunta de Galiza regulamentará a normalización da rotulación pública respeitando en todos os casos as normas internacionais que subscriba o Estado.


Esta lei foi aprobada con todos os votos favorábeis no Parlamento Galego o día 15 de Xuño de 1983. Vai, pois, xa camiño das tres décadas de vixencia.

Ao longo destes anos, ante o desinterese e deixamento do Goberno galego, foi o movemento cidadán quen tivo que pular para que a poboación coñecese o que estipula esta lei, así como para que as Administracións a acatasen. Así, algunhas das campañas máis importantes realizadas historicamente pola Mesa pola Normalización Lingüística foron relacionadas con este tema (p. ex., “A Coruña, así a queremos!”, “Ourense, por dignidade”, “Arousa si, Arosa non” etc).

Na última década e media A Mesa enviou máis de 20.000 cartas a empresas, colectivos e Administracións co recordatorio de que os topónimos galegos teñen como única forma oficial a galega. Foi o empeño cidadán o que conseguiu que, nestes momentos, as formas maioritariamente utilizadas e preferidas, a pesar dos histrionismos periódicos de Núñez Feijóo ou Carlos Negreira, sexan as xenuínas. Por exemplo, xa durante os últimos mandatos de Francisco Vázquez na alcaldía coruñesa os inquéritos amosaban unha clara predilección por “A Coruña”, especialmente entre a xente nova. Nestes momentos non hai dúbida de que existe un consenso moi maioritario no relativo aos topónimos restaurados.

Aínda así, a Administración (mesmo a autonómica) continúa a facer uso de topónimos deturpados nalgunhas ocasións. Mais existen posibilidades reais de erradicar do noso espazo social a toponimia deturpada. Para iso, urxe que todas as forzas políticas sen excepcións cumpran co lexislado e que o Goberno galego deixe de lado a súa galegofobia e asuma decididamente o seu papel.

Obstáculos

É incríbel sabermos que a nosa toponimia marítima aínda vai agora mesmo camiño de se oficializar. Tras o impulso de anos e anos do BNG en diferentes cámaras de representantes, conseguiuse hai escasas semanas a aprobación no Congreso dos Deputados dunha proposición de lei para que as capitanías marítimas, distritos e accidentes xeográficos da costa de Galiza unicamente se nomeen en galego desde as Administracións. Séguese así o espírito e a letra da Lei de normalización lingüística do 83.

Até o de agora, as provincias marítimas, reguladas polo Decreto 3209/1973, estando aínda vivo o ditador, continuaban sen se adecuar á lexislación posterior e ignoraban a denominación xenuína galega. Así, achabámonos cun distrito marítimo denominado “Vivero” pertecente até hai nada á provincia marítima de “El Ferrol del Caudillo” (!!!), ou os distritos de “La Coruña” e “Noya” adscritos á provincia marítima de “La Coruña”.

O mesmo acontecía na provincia marítima de Vigo cos distritos de “Bayona” ou “Tuy”. E na provincia marítima de “Villagarcía de Arosa”, figuraban distritos como o de “Santa Eugenia de Ribeira”, “Villagarcía”, ou “El Grove”. Así, os buques pertecentes a estes portos teñen a día de hoxe que lucir obrigatoriamente nas súas proas a matriculación (o folio) coas siglas “VILL”.

Ademais, recibían o mesmo tratamento oficial os topónimos relativos a accidentes xeográficos que fixan os limites dos distritos e provincias, como “punta Fajilda”, “punta Morcejos”, “punta Domayo”, “cabo Estay”, “rio Barjas”, “isla de La Toja”, “isla de Arosa”, “isla Quiebra”, “punta de La Vela”, etc.

Parece incríbel, mais nestas seguimos. A estas alturas aínda temos que continuar a lembrar e defender principios tan básicos como que os nomes de lugar do noso país se nomearon en galego e que esta debe ser a súa única forma oficial. Se as dificultades se manteñen e os ataques por parte da contra continúan é porque saben do relevo simbólico desta causa. Os topónimos son en galego porque o galego é a única lingua propia, natural e xenuína de Galiza. Do contrario, debería admitirse a oficialización das deturpacións castelanizadoras, que non formas castelás, porque non o son. Ou El Carballino, Sangenjo, La Gaiteira, La Grela... significan algo en español?

Nenhum comentário:

Postar um comentário