A poucos días para que se celebre o 17 de Maio, é necesario repensar o Día das Letras? E a RAG?
Penso que é bo que se consolide que o Día das Letras sexa unha xornada para saírmos á rúa, celebrarmos que temos unha lingua propia e mobilizármonos na súa defensa. Agora a cuestión é vermos se somos quen de consolidar aspectos que se foron corrixindo nos últimos anos. A RAG ten moitas cousas aínda por mellorar, mais está a ollos vista que se encontra nun dos mellores momentos da súa historia. Hai un antes e un despois da valente defensa do galego que realizou Xosé Ramón Barreiro diante do propio presidente da Xunta. Esta centenaria entidade ten catro retos a curto prazo: consolidar o seu aplaudido papel institucional de defensa do galego, abrirse e fomentar as relacións co sistema lingüístico ao que pertencemos (non me refiro só a nivel de estándar, que tamén), garantir unha representación plural das voces que conforman a cultura galega e corrixir de forma urxente a infrarrepresentación das mulleres. A verdade, non entendo como se pode seguir nomeando académicos varóns cando as mulleres, que teñen tantísimo peso na vida cultural galega, case non ocupan asentos na RAG.
Eses catro retos continúan a estar presentes:
1) Consolidar o seu aplaudido papel institucional de defensa do galego.- Agora que a Academia se encontra nun momento económico moito mellor, non hai escusa para que non comece a actuar por exemplo como fai o seu homólogo Institut d'Estudis Catalans, que tamén se dedica a xestionar a introdución do seu idioma a novos ámbitos, un aspecto no cal aínda non hai ningunha experiencia na institución galega. Por pórmos un exemplo de actualidade, a xestión que agora A Mesa está a facer con Movistar no caso catalán emprendeuna, no seu día, o IEC.
2) Abrirse e fomentar as relacións co sistema lingüístico a que pertencemos.- Non fai sentido que a Academia Galega permaneza sen relacións internacionais coas institucións oficiais de Portugal, Brasil, etc e que nin se interesase formalmente por participar, aínda que fose como observadora, no proceso de consenso que se chegou para o estándar lusobrasileiro. Eses cambios non deberían sernos indiferentes en Galiza.
3) Garantir unha representación plural das voces que conforman a cultura galega.- Por exemplo, en Galiza hai tres universidades con tres departamentos de Galego. Por que só entran membros procedentes da USC, tan meritorios como os da Universidade de Vigo ou da Universidade da Coruña? Tal corporativismo é bo para a cultura galega? Non debería, por exemplo, a gramática que agora está a elaborar a RAG contar con participación dos tres centros universitarios?
4) Non entendo como se pode seguir nomeando académicos varóns cando as mulleres, que teñen tantísimo peso na vida cultural galega, case non ocupan asentos na RAG.- Neste punto estou en desacordo co que di Rosario Álvarez hoxe en Xornal. Eu si penso e defendo que os tres novos membros que entren nos próximos meses deben ser mulleres. Nomes sólidos hai abondo: Teresa Moure, María do Carme Kruckenberg, Marica Campo, María Xosé Queizán, Pilar García Negro, Marilar Aleixandre, Uxía Senlle, Laura Tato e un longuísimo etcétera.
Nenhum comentário:
Postar um comentário