31 de mar. de 2011

Cabeza sen albedrío, corazón condicional

Con tantos opinadores profesionais xustificando que o mellor para a paz é bombardear Libia, con tantos expertos en enerxía nuclear dicindo que non temos que exaxerar o de Fukushima porque non hai ninguén afectado seriamente...


30 de mar. de 2011

Se o amor é fon fon fon, que se lixe o romantismo!



Cantade aí!
Olha a banda filarmónica,
a tocar na minha rua.
Vai na banda o meu amor
a soprar a sua tuba.
Ele já tocou trombone,
clarinete e ferrinhos,
só lhe falta o meu nome
suspirado aos meus ouvidos.

Toda a gente - fon-fon-fon-fon -
só desdizem o que eu digo:
"Que a tuba - fon-fon-fon-fon -
tem tão pouco romantismo..."
Mas ele toca - fon-fon-fon-fon -
e o meu coração rendido
só responde - fon-fon-fon-fon -
com ternura e carinho.

Os meus pais já me disseram:
“Ó Filha, não sejas louca!
Que as Variações de Goldberg
p'lo Glenn Gould é que são boas!”
Mas a música erudita
não faz grande efeito em mim:
do CCB, gosto da vista;
da Gulbenkian, o jardim.

Toda a gente -fon-fon-fon-fon.
só desdizem o que eu digo:
"Que a tuba -fon-fon-fon-fon-
tem tão pouco romantismo...”
Mas ele toca - fon-fon-fon -
e cá dentro soam sinos!
No meu peito -fon-fon-fon-fon-
a tuba é que me dá ritmo.

Gozam as minhas amigas
com o meu gosto musical
que a cena é “electroacústica”
e a moda a “experimental”...
E nem me falem do rock,
dos samplers e discotecas,
não entendo o hip-hop,
e o que é top é uma seca!

Toda a gente -fon-fon-fon-fon-
só desdizem o que eu digo:
“Que a tuba -fon-fon-fon-fon-
tem tão pouco romantismo..."
Mas ele toca -fon-fon-fon-fon-
e, às vezes, não me domino.
Mando todos -fon-fon-fon-fon-
que ele vai é ficar comigo!

Mas ele só toca a tuba
e quando a tuba não toca,
dizem que ele continua;
que em vez de beijar, ele sopra...

Toda a gente - fon-fon-fon.fon -
só desdizem o que eu digo:
“Que a tuba - fon-fon-fon-fon -
tem tão pouco romantismo...”
Mas ele toca -fon-fon-fon-fon-
e é a fanfarra que eu sigo.
Se o amor é fon fon fon fon
que se lixe o romantismo!

Un recunchiño axeitado para me facer pequeno, pequeno

A letra é preciosa, a música é preciosa, o vídeo é precioso. Que ben que Manel sexa número 1 en vendas no Estado español!

Camiño de Bande


Saio agora mesmo para Bande, para falar sobre prexuízos lingüísticos cun feixe de alumnas e alumnos de segundo de bacharelato. Faremos repaso a algunhas das mentiras que se foron tecendo e asentando contra a nosa lingua e miraremos tamén cal é a ferramenta máis forte para combatelas. Adiviñades a cal me refiro?

28 de mar. de 2011

Da lingua tóxica á lingua prohibida

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe, que comeza falando dos últimos histrionismos da asociación contra o galego que promoveu o PP e termina centrándose nun dos ámbitos onde se producen vulneracións moi graves dos nosos dereitos lingüísticos: o laboral.

A respecto do primeiro transmitir publicamente todo o meu apoio á profesora de Coñecemento do Medio do CEIP María Pita da Coruña, difamada por usar o galego na súa materia. O actual presidente da Xunta debería pedir perdón por todas estas barbaridades que el propiciou e propicia.


O galego no traballo
Os nosos dereitos lingüísticos no ámbito laboral


Esta semana saíu en varios medios de comunicación unha dirixente de Galicia Bilingüe (actuou como tal, por exemplo, en programas de Correo TV de xaneiro do ano pasado) que se queixaba de que o seu fillo tiña que utilizar na escola un libro de texto en galego. A portavoz desta asociación contra o galego que alimentou o Partido Popular demostraba, coa súa denuncia, a situación calamitosa que padece o noso idioma no ensino. Fronte aos cánticos da Xunta sobre unha situación de “equilibrio”, casos como o exposto demóstrannos que a lingua propia do país está case varrida nunha parte considerábel dos centros. A denuncia, observemos, non é porque haxa inmersión lingüística ou un 50% das aulas. A denuncia é porque o seu neno utiliza un único libro de texto en galego, que polos vistos ha de empregar a mesma tinta que a do bibliotecario Jorge de Burgos n’O nome da Rosa.

Mentres o histrionismo galegófobo continúa a campar, a realidade é que as persoas que queremos utilizar a lingua de Galiza nos continuamos a encontrar cunha sucesión de vulneracións graves dos nosos dereitos lingüísticos. Un dos ámbitos sobre o que nos seguen a chegar moitas queixas desacougadas á Mesa pola Normalización Lingüística é no laboral. Sorprenderíavos se soubésedes cantas empresas prohiben ou dificultan a utilización do noso idioma aos seus traballadoras e traballadores. Perante esta situación, é importante que coñezamos os nosos dereitos e que saibamos que é o que podemos facer.

Non á discriminación

A lexislación sobre dereitos laborais indica claramente que existe o dereito á non discriminación por causa de lingua, de xeito que as condicións laborais das traballadoras ou dos traballadores non se poidan ver prexudicadas por falaren un ou outro idioma.

O Estatuto dos Traballadores, no seu artigo 4.2.c sinala que as traballadoras e os traballadores teñen dereito “a non ser discriminados para o emprego, ou unha vez empregados”, entre outros motivos, “por razón de lingua”. É importante o feito de que os dereitos lingüísticos son formalmente amparados tanto no momento do acceso ao traballo como no posterior desenvolvemento da actividade laboral.

Perante a existencia de axencias de colocación tanto públicas como privadas, o Estatuto dos Traballadores tamén sinala no seu artigo 16 que ditas axencias non poden estabelecer tampouco discriminación, entre outros motivos, por “lingua dentro do Estado”. Os xuristas Xavier Ferreira, Alba Nogueira, Anxo Tato e Luís Villares consideran que este artigo do Estatuto dos Traballadores fai que mesmo un inquérito sobre lingua habitual empregada “podería chegar a constituír, segundo o caso, a vulneración deste precepto, o que iría acompañado da correspondente sanción administrativa á axencia que o efectuase”.

Así mesmo, no marco das relacións laborais indícase que se “entenderán nulos e sen efecto” aquelas normas que discriminen por razón de lingua. Nesta liña, no artigo 96.12 do Estatuto dos Traballadores dáselle a consideración de “moi grave” ás discriminacións por causa de lingua dentro do Estado español.

A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, de obrigada aplicación no Estado, tamén sinala no artigo 13, parágrafo 1, que se debe eliminar toda cláusula que prohiba, limite ou desaconselle o uso do galego neste ámbito.

E se nos prohiben usar o galego?

Os dereitos lingüísticos no traballo teñen un amparo legal, mais os problemas chegan á hora de poder concretar tales dereitos.

Nas discriminacións lingüísticas no traballo, igual que nos casos de acoso laboral ou doutras discriminacións (razón de sexo, raza, opción sexual, etc.), a persoa áchase nunha particular situación de indefensión para probar o sucedido, polo que é fundamental contar con algunha proba (escrito, gravación, etc.) que o mostre. En Galiza xa se deron sentenzas xudiciais en favor de traballadores discriminados por falar en galego, unha vez que estes puideron demostrar de forma clara tal discriminación.

Que facermos polo galego desde o noso traballo?

O primeiro e máis importante, con certeza, é exercermos os dereitos que temos recoñecidos por lei, usando a nosa lingua con normalidade.

Se temos unha empresa ou capacidade de decisión no lugar onde traballemos, asegurémonos de que se redixan en galego os contratos, as nóminas, as facturas, os albarás, as notas internas, etc. Se non temos tal capacidade de decisión, sempre poderemos solicitalo (aínda que a lexislación non garante este dereito para as empresas privadas). Cando menos, podemos probar a pedir que a nosa documentación máis persoal, como contrato e nóminas, sexan no noso idioma.

Ademais, podemos propor, a través dos representantes sindicais, que o convenio colectivo se redixa en galego e que recolla unha cláusula de dereitos lingüísticos. A práctica de incluír este artigo nos convenios está tamén avalada polo Parlamento galego, que a amparou en dúas ocasións por unanimidade (en 2004 e en 2007). Velaquí unha posíbel redacción:

Artigo X.- Dereitos lingüísticos

Todas as traballadoras e todos os traballadores teñen dereito a desenvolver a súa actividade laboral e profesional en lingua galega.

A empresa favorecerá a formación en idioma galego para mellorar o servizo ao público nos postos de traballo, de acordo cos seus recursos e necesidades.

A dirección da empresa e os representantes dos traballadores e traballadoras potenciarán o uso da lingua galega nas actividades internas, nas relacións laborais, na formación profesional e nas súas relacións cos consumidores e consumidoras, coas administracións públicas e entidades privadas radicadas en Galiza, de xeito que se normalice a utilización da lingua galega como un instrumento de comunicación da empresa cos seus interlocutores internos e externos. Farase especial fincapé nas comunicacións cos traballadores e traballadoras e na utilización do galego como lingua da súa publicidade.



[Na fotografía, Xesús da Torre Martíns, que sufriu en primeira persoa o que é a discriminación lingüística por usar o galego.]

27 de mar. de 2011

A nai anónima

Non sei se será porque ás veces teño a memoria de Doris en Procurando a Nemo ou se será que simplemente apliquei aquela coñecida frase de Groucho Marx: "Nunca esquezo unha cara, porén coa súa farei unha excepción".

O caso é que non me decatei até onte de que a nai anónima que denunciaba que non quería que o seu fillo non tivese nin un só libro en galego (o único que ten!) é tan anónima, tan anónima, que resulta que ten actuado como portavoz de Galicia Bilingüe en varias ocasións, por exemplo neste debate en Correo TV en xaneiro do ano pasado:



Case 40 presentacións e nin medio segundo na TVG


Hai xa uns meses que ando percorrendo o país para falar sobre a situación do idioma tendo como escusa a presentación do libro En castellano no hay problema. Mañá, 28 de marzo, será a vez da cidade de Lugo, ás 20 h no Centro Uxío Novoneyra, coa compaña de Marica Campo e Carlos Vello. Sobra dicir que estades convidadas e convidados.

Con esta, son xa case corenta o total de actos de presentación desta obra. Dependendo da zona, costuma haber máis ou menos eco mediático, que serve sempre para divulgar a mensaxe normalizadora.

Porén, en todo este tempo houbo unha ausencia moi notoria: para a TVG -a diferenza doutras televisións, hei de salientar- este libro non existe. Ben sabedes que non o digo por ningunha ridícula veleidade persoal, que ten aínda menos sentido nun libro destas características, senón porque non teño pensado ficar calado ante estoutro exemplo de censura por parte da televisión pública das lexítimas opinións discordantes co PP e mesmo dos libros en galego.

Quero subliñar isto último: o escurecemento que padecen en xeral os libros en galego. O meu non é nin o único caso, nin moito menos o máis grave. Nin tan sequera un dos medianamente graves. É, só, outro exemplo máis para sumar a unha ampla nómina.

Se ides á páxina onde se penduran os informativos da TVG, poderedes ver as noticias sobre os títulos de Eduardo Mendoza, Agustín Fernández Mallo, Javier Sierra, Susana Fortes, etc. Cito estes autores non porque sexa negativa a súa presenza, senón porque esta contrasta coa absoluta ausencia de información sobre as novidades editoriais de, por exemplo, Manuel Rivas, Marcos S. Calveiro, Jaureguizar ou Teresa Moure, os cales, cun pouco de fortuna, poden aparecer nos engavetados programas culturais da TVG2. Dá para pensar, non si?

26 de mar. de 2011

Críticas apresuradas


Souben hoxe mesmo que un home chamado Xerardo Torrado Agulla, a quen non teño o pracer de coñecer, publicou esta semana unha carta ao director no Faro de Vigo para pór a pan pedir o meu libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. Un par de semanas antes, tamén enviou este lacónico comentario á páxina da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega: "Carlos Callón mostra unha absoluta ignorancia de Historia Medieval".

Agradezo a expectación e o interese nesta investigación e penso que o debate é positivo e enriquecedor. Non habería nada peor que a indiferenza e a desatención. Porén, tamén hei de recoñecer que me sorprenden moito esas descualificacións tan gratuítas e tan apriorísticas. É que, amigas e amigos, o libro criticado... aínda non se publicou! Como se pode facer a crítica de algo que non se leu? Como se pode rebater o que non se coñece?!

A respecto da argumentación exposta na carta ao director, hai cousas que di retrucarme nas cales eu tamén concordo con el, porque eu nunca as sostiven. Polo contrario, outras que afirma como verdades incuestionábeis desmínteas a documentación que se conserva. A homofobia, si, ten unha historia, non é eterna nin intrínseca ao ser humano; nin tan sequera intrínseca ao cristianismo. Mais o debate polo miúdo comprométome a dalo cando a obra estea na rúa.

[A ilustración pertence á unión eclesiástica no século IX de Basilio I O Macedonio con Xoán.]

Pois eu

O comezo da película "En la red de mi canción", recordada polas escenas musicais en galego da estrela Andrés do Barro:



24 de mar. de 2011

Unha muller denuncia que o seu fillo ten que utilizar UN libro en galego

Poderedes pensar que a denuncia se debe a que o seu fillo ten que utilizar un único libro de texto en galego, fronte a omnipresenza totalmente desequilibrada do castelán. Mais non é así. O caso é que esta muller compareceu acompañada de Gloria Lago ante os medios de comunicación para dicir que o seu neno ten pesadelos porque utiliza un libro de texto en galego. Tan tóxico será o idioma de Galiza? Tan prexudicial será que o seu pequeno teña contacto académico e aprenda nesta lingua, aínda que só sexa unha única materia?

Imaxinade que agora as persoas que defendemos a igualdade de dereitos para o galego ofrecemos unha conferencia de imprensa por cada nena ou neno que ten que usar UN libro en castelán. Un ano non ten horas suficientes para o facermos.

Recordemos: o 90% da educación infantil das cidades é só en castelán; a maioría dos centros non superan a media do 25% do ensino normal en galego; as ensinanzas artísticas e ciclos formativos só en poucos casos (p. ex., administrativo) pasan do 0% dos materiais en galego (si: puxen cero por cento). Até onde queren que desapareza a nosa lingua? Até onde queren chegar con este racismo lingüístico?

Pola paz


Collo estas tres elocuentes fotografías do blogue de Rubén Cela, que inclúe tamén na súa páxina outras instantáneas que amosan á perfección a hipocrisía dos pacificadores a bombazos.

Lembrade que hoxe hai concentracións convocadas nas sete cidades, Foz e Vilagarcía. Movámonos contra a guerra, contra o imperialismo.

23 de mar. de 2011

E agora "eforremos" enerxía


A imaxe tómoa do blog O demo me leve, mais seguro que boa parte de vós xa a vistes estes días xunto coa factura da luz.

O galego aparece como idioma de segunda na disposición, como se for un símbolo ritual, inútil para a comunicación. Tan inútil é que mesmo hai textos oficiais que non é necesario traducir, como as denominacións das administracións ou o rechamante logo da esquerda, "Ahorra energía".

O desprezo por esta milenaria lingua nosa, a pesar de que desde hai 30 anos ten o recoñecemento de "propia" e "oficial", acentúase na tipografía do lema. En castelán, parece feito por un profesional; en galego, parece que o fixen eu con algún programa rudimentario... Sei que é un matiz, mais é un matiz que redunda na mesma idea da desconsideración.

E por se alguén tivese algunha dúbida sobre o interese do Goberno central no noso idioma, non temos máis que ver a chafallada do "Eforra enerxía". A pregunta, de novo, é: Que faría esta Administración se vise que os folletos puñan en castelán "Ehorra energía"?

Pidamos para a nosa lingua os mesmos coidados, a mesma dignidade.

22 de mar. de 2011

Falan os feitos e falan os desleixos

Imaxinade uns valados publicitarios do PSOE ou do PP que puxese en castelán "Y lo icisteis". Canto tardarían en mudalos todos e en pedir desculpas polo descoido? Por respecto e dignidade, agardemos que teñan o mesmo xesto cara ao galego.

Outras visións do que acontece en Libia

Para alén das intoxicacións habituais, que converten masacres en actos humanitarios e bombardeos en democracia, hai moitos outros medios, artigos e informacións que nos permiten formarnos un criterio máis acertado do que está a acontecer:
Do pensamento á acción

O BNG convoca concentracións contra a guerra en Libia. Ergamos a nosa voz en defensa da paz!
  • Lugo: Praza de Armañá (diante da Subdelagación do Goberno), ás 20:30 horas.
  • Santiago: Praza de Cervantes, ás 20:30 horas.
  • Ourense: Subdelegación do Goberno de Ourense, ás 20:30 horas.
  • Foz: Praza do Concello, ás 20:30 horas.
  • Pontevedra: Praza da Peregrina, ás 20:30 horas.
  • A Coruña: no Obelisco, ás 20:30 horas
  • Vigo: diante do Museo Marco (Rúa do Príncipe), ás 19:30 horas.
  • Ferrol: Praza de Armas, ás 19 horas.

21 de mar. de 2011

O galego e a infancia de hoxe


Velaquí a miña colaboración desta semana en Galicia Hoxe:

O galego e a infancia de hoxe
As linguas vivas son as que se falan e transmiten

Esta semana linlle un artigo a Séchu Sende onde reflexionaba sobre a situación do noso idioma entre os máis pequerrechos e as máis pequerrechas. O coñecido autor, debuxante e activista dicía verdades como puños, que cómpre socializarmos:

Quando umha persoa maior nom lhe fala galego a um neno está a excluí-lo da cultura que nos une. Quando um adulto nom lhe fala galego a umha nena está a expulsa-la da própria comunidade. Quando tu nom lhe falas galego a umha nena estás a impedir-lhe um desenvolvemento comunicativo livre. Quando nom lhe falas galego a um neno estás a privá-lo da liberdade de poder expresar-se na língua dos galegos e das galegas. Quando umha nena ou um neno medra sem contacto com a nossa língua converte-se num inadaptado.

Mas quando lhe falamos galego a um neno enriquecemo-lo. Fazemos-lhe entender que a pesar das diferéncias a língua nos une. Quando tu lhe falas galego a umha nena dás-lhe umha chave para comprender o mundo que a rodea. Quando lhe falas galego estás a dar-lhe a posibilidade de que melhore as suas habilidades comunicativas. Quando lhe falas galego estás a abrir-lhe umha porta de desenvolvemento, progreso e felicidade.

As linguas vivas son as que se falan e as que se transmiten. Por iso unha das principais mostras de compromiso co idioma de Galiza é transmitírllelo ás nenas e aos nenos. Do mesmo xeito, tan importante como a lingua en que falamos cos pequenos e as pequenas é a actitude que trasladamos sobre ela co noso exemplo: se ven que abandonamos o galego en determinadas situacións, se o coidamos pouco, etc.

Nisto, como en toda a educación das crianzas, importa moito máis o que facemos que o que dicimos. Non é verdade que, mesmo agora de maiores, incide moito máis no noso comportamento o que observamos que o que nos explican? Transmitamos, pois, lingua galega e tamén compromiso e lealdade coa mesma. A súa carencia non a compensaría ningunha declaración de intencións, por moi apaixonada que for.

O abandono do seu

Hai familias que nas cidades ou vilas galegas tentan transmitirlles a súa lingua aos seus fillos e ás súas fillas, mais que se encontran con que as crianzas só se manteñen neste idioma nos seus primeiros anos. A forza do castelán na escola, nos medios de comunicación e na vida social en xeral fai que estes pequenos e estas pequenas abandonen a lingua que lles transmiten na casa.

O máis doloroso é que mesmo en moitos casos este abandono se produce no ámbito doméstico. Digo doloroso sen afectación ningunha, porque manca de verdade que unha nai ou un pai preocupados pola súa cultura vexan que o seu neno ou a súa nena deixe de dirixirse a eles en galego.

Noutras ocasións, a crianza pode manter esta lingua só no fogar, mais ocultala de vez para as súas outras interaccións sociais. É doado que interiorice ben axiña ideas como que o galego é "a lingua dos maiores" e o castelán "a lingua da xente nova", ou outros esquemas semellantes, do tipo "lingua da casa" / "lingua do resto do mundo", etc.

Contra tal situación, o primeiro é tentar proporcionar á filla ou ao fillo posibilidades de contacto co galego como idioma normal para diferentes ámbitos, situacións e xeracións: a través de xogos, filmes, libros, etc. en galego e tamén en estándar portugués, de excursións a lugares onde se manteña mellor o idioma, etc. Isto é importante, mais éo aínda moito máis que na casa vexa un exemplo de fidelidade ao galego.

O que non fai sentido en ningún caso é reprocharlle á nena ou ao neno que abandone a lingua familiar. É un bo tema para a conversa e para a información, nunca para o enfado.

Se a nena ou o neno quere, a pesar da presión social, regresará ao seu uso tarde ou cedo. Deste proceso esperanzado e dificultado pola censura social, que protagonizan tantas e tantos adolescentes, fala tamén o propio Séchu Sende. No seu Best method to learn Galician!, incluído en Made in Galiza, propón unha serie de etapas para mudar desde o castelán para o galego, na cales chama á reflexión a partir do humor:

E xa estamos no terceiro paso, que ten que ver co método Bulinsky de interpretación teatral, que consiste en asumir o papel dun personaxe que está aprendendo unha lingua con todas as consecuencias dramáticas que iso comporta.

Así, por exemplo, pode disfrazarse cun sombreiro de copa e bigotes falsos e perruca e dicir no supermercado, por poñer un caso, as súas primeiras palabras en galego en boca do seu personaxe: Por favor, onde están os cepillos de dentes?

A finalidade do disfrace -recomendado para xente máis tímida- é pasar desapercibidos diante das persoas coñecidas que nesta etapa de aprendizaxe, nalgúns casos, poden facer fracasar a misión con frases pouco animosas tipo:

- ¿Y luego ahora hablas gallego? Pues te veo rara (con ton burlón).

- Uy, qué gracioso estás (cínico).

- ¿Y qué dicen tus padres de todo esto? (incrédulo).

- ¿Y cómo te dio por ahí? (asustada).

- Ostia colega, ¿y tú de qué vas? (molesto).

- ¡Aun si lo hablaras bien! (indignada).

- Nótase que non o mamaches (purista).

A maioría da xente que di esas parvadas non ten mala intención, mais ás veces escápansenos estas cousas que teñen botado para atrás, aínda que pareza mentira, a algunhas persoas que, cando algún día intentaron falar galego, non o conseguiron debido á presión do que dirán.

Lembremos que na historia recente temos numerosos exemplos de pequenas e pequenos falantes de castelán que na puberdade ou adolescencia acabaron optando polo galego. Os casos que podemos citar esténdense desde Castelao -un neofalante máis!- até centos de mozas e mozos que, malia as dificultades, decidiron e deciden dar o paso.

20 de mar. de 2011

Non á guerra!

Deséxolle a Libia algo mellor que Gadafi. E á bota estranxeira que a humille deséxolle un Vietnam.

19 de mar. de 2011

Benedetti, tan actual

Oda a la pacificación

No sé hasta dónde irán los pacificadores con su ruido metálico de paz
pero hay ciertos corredores de seguros que ya colocan pólizas contra la pacificación
y hay quienes reclaman la pena del garrote para los que no quieren ser pacificados

cuando los pacificadores apuntan por supuesto tiran a pacificar
y a veces hasta pacifican dos pájaros de un tiro

es claro que siempre hay algún necio que se niega a ser pacificado por la espalda
o algún estúpido que resiste la pacificación a fuego lento
en realidad somos un país tan peculiar
que quien pacifique a los pacificadores un buen pacificador será.

Santa Candela

18 de mar. de 2011

Hoxe en Cedeira

Porque aprender en galego non pode ser un delito, en ningún dos dous sentidos que ten este verbo no noso idioma: no de recibir e no de transmitir saber.

Porque non é xusto que quen queremos vivir en galego continuemos a ser estranxeiros na propia patria.

Porque hai institucións que non están a cumprir co seu papel de promoveren o noso idioma e de garantiren os nosos dereitos lingüísticos.

Por iso nos continuamos a mover cada día en defensa da nosa lingua, dos nosos dereitos. Hoxe tócame participar cos compañeiros e compañeiras de Cedeira na presentación do libro En castellano no hay problema. Será ás 19.30 h no Palacete Municipal (Avda. Castelao). Se vos der xeito, alí nos vemos!

Continuamos!

17 de mar. de 2011

Vémonos o 30 de abril!

Sobre Rosalía e os actos para hoxe e mañá

A presentación de onte en Compostela do libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria foi do máis suxerente. De xeito tan ameno como rigoroso, Francisco Rodríguez chamou a atención dos presentes sobre aspectos pouco coñecidos ou pouco observados da época e da obra rosaliana.

Este traballo de Francisco Rodríguez é, sen dúbidas, o estudo máis importante sobre a escritora central da nosa literatura. Case nada! Recomendo vivamente a súa lectura e, xunto con el, a lectura de toda a obra desta xenial autora.

De Pontevedra a Cedeira

Este serán participo ás 20.30 h no Café Moderno de Pontevedra nunha mesa redonda sobre "A participación social para a normalización lingüística", xunto con Manuel Lastra, Conchi Cochón e Ramón Regueira, que actuará como coordinador. O acto insírese dentro dunhas xornadas de normalización lingüística que organizan os equipos de normalización e dinamización dos centros da localidade, mais está aberto a todo o público que quixer asistir. O lema de todo o evento é ben lindo: "Vivan os que rompen cadeas de ferro!"

Por outra banda, mañá, 18 de marzo, presento en Cedeira, co incombustíbel Fernando Iglesias, o libro En castellano no hay problema. Será ás 19.30 no Palacete Municipal (avda. Castelao, s/n).

Mentres, seguimos con tremenda inquedanza, solidariedade e desacougo o que está a acontecer no Xapón. Seremos quen de tirar conclusións para o futuro?

15 de mar. de 2011

Canta, meu galo, canta!

Saio agora mesmo para a presentación desta exposición sobre as cinco décadas de existencia da Asociación Cultural O Galo:

Non cambiemos de lingua

A Associació de Juristes en Defensa de la Llengua Pròpia presentou hoxe unha campaña moi digna de "imitació" entre nós.

Non o dubidemos! No xulgado, temos os mesmos dereitos e o mesmo amparo legal! Non cambiemos de lingua!

Co corazón nun puño

E está a acontecer un desastres deses que a industria nuclear e os seus apoiantes nos dicían que nunca ía acontecer, que era só un pesadelo de ecoloxistas demagóxicos...

14 de mar. de 2011

"No me hables en gallego"

Velaquí o artigo que publico esta semana en Galicia Hoxe:

"No me hables en gallego"

Pódense dar varias circunstancias en que nos soliciten ou mesmo exixan que nos mudemos para o castelán. Mesmo talvez declaren que non nos entenden, aínda que algunhas veces nin tan sequera sexa verdade.

As situacións que se nos poden dar son basicamente catro: que esteamos a realizar unha xestión cunha administración, que a xestión sexa cunha empresa, que nos encontremos nunha situación de debilidade en que nos poida traer consecuencias negativas non mudarmos de idioma ou, por último, que esa debilidade sexa só aparente e teñamos dereitos lingüísticos recoñecidos mesmo a nivel legal.

Na Administración

Se somos unha cidadá ou un cidadán que vai ou chama a unha administración (calquera: local, autonómica ou estatal con dependencias en Galiza), temos dereito a falar en galego e mesmo a que nos respondan nesta lingua. Unha petición para que deixemos de usar o noso idioma non é admisíbel baixo ningún punto de vista, polo que se nos acontecer tal cousa é recomendábel que formulemos a correspondente queixa. Lembremos sempre -igual que o fixo Bieito Lobeira hai poucos días, nunha actitude exemplar- que o artigo 54.11 da Lei 7/2007, do estatuto do empregado público, sinala que o persoal funcionario e laboral que está ao servizo das Administracións e entidades públicas "garantirá a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio". Fagámolo!

Nunha empresa

As empresas que prestan os seus servizos en Galiza, segundo a lei 1/2010, "deberán ofrecer aos seus destinatarios a posibilidade de manter a comunicación oral e escrita en lingua galega". Segundo isto, non fica claro de vez que teñamos o dereito legal de que nos respondan en galego, mais si é nítido que, como mínimo, deben comprendernos. Iso é así tanto na atención presencial como na telefónica e chamen desde onde chamaren os traballadores desa compañía. O relevante é que a empresa oferta os seus servizos en Galiza, polo que incumpren a lei se nos instan para mudar de idioma. Nese caso, deberemos realizar unha queixa.

Un veciño do concello de Teo chamou á empresa Unión Fenosa debido a unha avaría que afectaba a cincuenta familias. Como a teleoperadora lle puña evasivas sobre a responsabilidade da compañía, o veciño pediu falar cun superior e presentar unha reclamación. "A mí me habla en español, si no le importa, porque yo soy española, ¿de acuerdo?", foi a repentina contestación da telefonista. O afectado fíxolle notar nese momento que el en ningún momento estivera a falar outro idioma que non fose o galego e que non manifestara antes ningún problema de comprensión. Esta traballadora de Fenosa continuou na súa liña de mala educación: "Me habla en castellano o acabamos la conversación".

Coñecemos este diálogo grazas a que o veciño, ofendido pola actuación da empresa, solicitou unha copia da gravación da conversa. Fenosa inicialmente tentou non proporcionarlla, a pesar de ser a súa obriga por lei, mais o veciño recorreu á Axencia Española de Protección de Datos (agpd.es) e logrou ter esa gravación no seu poder. Ese é un camiño que podemos percorrer no caso de nos encontrarmos nunha situación semellante, para, coa gravación xa no noso poder, darlle moita máis forza á queixa oficial que presentemos. Se non quixermos realizar todas esas xestións, cando menos deixemos constancia da nosa protesta e fagámoslla saber á Mesa pola Normalización Lingüística para que actúe.

En situacións de debilidade

Unha situación máis difícil en que nos poden reclamar que deixemos de falar en galego podémola encontrar se somos unha vendedora ou un vendedor, se nos xogamos o posto de traballo, se estamos nun exame oral, etc. En fin, se estamos nunha situación que se pode considerar de subordinación lingüística, debemos valorar a nosa resposta segundo a receptividade da persoa interlocutora, a súa verdadeira comprensión do galego, o nivel de tolerancia que amose cara ao noso idioma, o efecto que poida ter na nosa situación persoal, académica ou laboral, etc.

Comezando en galego xa amosamos un importante compromiso. Despois, segundo o contexto, debemos valorar en cada caso que é o que podemos facer. É comprensíbel que nalgunhas destas ocasións, tras a correspondente petición, teñamos que abandonar por un momento o noso idioma.

Tamén haberá casos en que poderemos continuar en galego: aludindo á doada intercompresión entre a lingua de Galiza e o castelán e amosando con amabilidade que, se tiver calquera dúbida ou dificultade, se axudará con dilixencia a resolvela. Decatémonos de que hai xente que nos pode pedir que non falemos en galego porque pode pensar, a priori, que non vai entender este idioma, mais que finalmente si o comprende.

Hai uns meses convidáronme a impartir unha conferencia en Palma. Nun primeiro momento, ía só coa intención de dar un primeiro saúdo en galego, para que non houbese problemas de comprensión. Mais os asistentes animáronme a que continuase neste idioma. Entre as 60 persoas alí presentes non había máis de cinco que escoitasen antes a lingua de Galiza. Houbo algunha palabra ou expresión que me decataba de que tiña que explicar para que non se perdese o matiz informativo ou expresivo, mais polo resto non houbo ningún problema de intercomunicación. Dá para pensar, non si?

Sexa como for, observemos que se todo o mundo falase en galego coa excepción de que a interlocutora ou interlocutor pedise que se cambiase de lingua, estariamos nunha situación moi diferente da que nos encontramos na actualidade. Mesmo que teñamos que mudar de idioma, podemos finalizar despedíndonos cun cordial e afectivo "até logo".

Falsa subordinación lingüística

Hai casos de aparente subordinación lingüística que non debemos considerar como tales. Por exemplo: no posto de traballo temos dereito a falar en galego coa clientela, coa xefatura, coas compañeiras e compañeiros, etc.; cando estamos nun xuízo, aínda que estivésemos como acusadas ou acusados, tampouco se nos poderá ordenar que deixemos de falar o noso idioma; un exame oral en calquera colexio, instituto ou universidade en Galiza temos tamén todo o amparo legal para o facermos en galego; etc. Non esquezamos que temos dereitos! Exerzámolos!


13 de mar. de 2011

Notas da actualidade: caixas, Libia, Xapón

Deixo aquí, de forma telegráfica, algunhas informacións que poden ser de utilidade para coñecermos mellor algúns temas de actualidade. A min fóronme útiles.

1) Artigo de Fidel Castro sobre Libia: "A OTAN, a guerra, a mentira e os negocios".

2) Artigo divulgativo sobre o que pode acontecer nas centrais nucleares afectadas no Xapón, desde o blogue O demo me leve: "Apontamentos de Fukushima".

3) Entrevista a Clodomiro Montero, secretario nacional de CIG-Banca e aforro:

12 de mar. de 2011

E aínda que non quero non me podo controlar

Xa falei varias veces aquí de Ellos, un dos meus grupos españois favoritos. Como hoxe é o aniversario do seu cantante, vou actuar como todo un talifán e festexalo subindo o seu último clip, "Cerca":

11 de mar. de 2011

Galiza ten dereito!

É importante que nos movamos este domingo na defensa do país!

Próximas presentacións de En castellano no hay problema


Hoxe, 11 de marzo
En Padrón, con Sara Seco.
20.30 h, A Casa do Patín (Porto Fondo da Vila, 4).

18 de marzo
En Cedeira, con Fernando Iglesias.
19.30 h, Palacete Municipal (avda. Castelao, s/n).

28 de marzo
En Lugo, con Marica Campo e Carlos Vello.
20 h, no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros, 1A).

7 de abril
En Ordes, en lugar e hora por concretar.

8 de abril
Nas Pontes, en lugar e hora por concretar.

29 de abril
En Boiro, en lugar e hora por concretar.

Adiante coa lingua galega!

10 de mar. de 2011

Para que digan que en galego non hai problema!


O caso denunciado por Bieito Lobeira, sobre como foi tratado con desprezo por solicitar o seu dereito a recibir atención en galego por parte da policía, amósanos o moito que aínda nos fica por camiñarmos para poder dicir que o galego é de verdade lingua oficial. Mais, ao mesmo tempo, Bieito deunos un bo exemplo do que temos que facer de forma constante cos nosos dereitos: exercelos! Só así faremos o camiño.

Sobre estas e outras cousas da lingua falaremos mañá en Padrón, na presentación do libro En castellano no hay problema. Será ás 20.30 h na Casa do Patín (Porto Fondo da Vila, 4). Este cartaz tan molón débollo á incansábel Sara Seco (que me acompañará no acto) e a Anxo Villar. Grazas!

7 de mar. de 2011

En galego, é de lei?

No artigo desta semana en Galicia Hoxe propoño unha serie de consellos prácticos para mellorarmos a situación do noso idioma no ámbito da xustiza:


En galego, é de lei?
A vulneración dos nosos dereitos lingüísticos na xustiza


Cando falamos dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos no sector da “xustiza”, dan ganas de facer un xogo de palabras bastante primario e falar do sector da “inxustiza”. A situación actual resúmea nunha frase o maxistrado Luís Villares: “Non hai medios para garantir o dereito constitucional a usar o galego”.

Encontrámonos, pois, nun bucle, no tan habitual como irregular bucle de que se nos recoñezan dereitos mais que se nos dificulte de forma sistemática o seu exercicio. A Carta Europea das Linguas estabelece con claridade no seu artigo noveno: que os procedementos han de ser en galego a petición dunha das partes, que se ha de garantir o seu uso oral e escrito, que as partes han de coñecer os seus dereitos lingüísticos e que se ha de aumentar a proporción de persoal xudicial con coñecemento do idioma propio, para o cal se han de desenvolver planos de ensino axeitados.

A ordenación estatal fica máis curta que a Carta, xa que, aínda que se recoñecen algúns dereitos, tampouco se garanten os deberes correlativos para poder exercelos. O máis rechamante é o feito de que o galego non é requisito para ser xuíz/a, fiscal ou secretaria/o xudicial, que son corpos estatais. As preguntas básica a facermos en alto son: Pódese impartir xustiza nun lugar sen coñecer a lingua dese lugar? Até cando durará este disparate antidemocrático?

Por se for pouco, os medios tecnolóxicos, que ten que prover a Xunta, non só non facilitan, senón que dificultan o uso do galego. Deste xeito, os corpos actuantes na Administración de Xustiza que optan polo idioma de Galiza ven multiplicada a súa carga de traballo. O mellor exemplo é o programa informático que distribuíu a Xunta de Galiza en maio de 2010, que directamente non permite usar o galego! Se no ano 2009 foran 70 os xuízos rápidos no noso idioma, desde o 4 de maio de 2010, co novo programa informático achegado pola administración autonómica, a cantidade reduciuse a cero. Un dato elocuente sobre a “libertad lingüística” que vende Núñez Feijóo, verdade?

En fin, que na Carta se recoñecen uns dereitos e na lexislación estatal outros máis recortados, porén na realidade non se garante o exercicio nin dos primeiros nin dos segundos.

Mais o fundamental que nos cómpre reter é que temos dereitos. A pesar das dificultades, a pesar de que os poderes públicos non poñan os medios humanos e tecnolóxicos precisos: témolos! Por conseguinte: exerzámolos! Se optamos de forme firme e leal pola nosa lingua, será a administración a que se terá que preocupar de remover os impedimentos que ela mesma coloca, xa que temos a lei da nosa parte.

- Temos dereito a utilizar o galego oralmente e por escrito nos xulgados e tribunais situados en Galiza, sen ningún tipo de obstáculo. Podemos facelo sexamos denunciantes, denunciados, testemuñas, peritos, etc. (Lei Orgánica do Poder Xudicial, artigo 231.3).

Se algún dos intervinientes ten dificultades de comprensión, a xuíza ou o xuíz pode solicitar a asistencia dun intérprete. Neste sentido, segundo a Lei Orgánica do Poder Xudicial, “o Xuíz ou Tribunal poderá habilitar como intérprete calquera persoa coñecedora da lingua empregada, previo xuramento ou promesa daquela” (na veracidade da súa tradución). Costuma ser a secretaria ou o secretario xudicial quen exerza esa función, se coñece as dúas linguas.

Se alguén nos insta a deixar de falar en galego, é recomendábel facer constar a queixa en acta e despois denuncialo.

- Temos dereito a que todo o que digamos diante dun tribunal en Galiza se faga constar na nosa lingua. A acta ha de reflectir a realidade do acontecido. Se, a pesar de falarmos en galego na vista oral, a acta non se redixe en galego, cómpre que fagamos constar a oportuna protesta e que tramitemos a correspondente queixa.

- A documentación que entreguemos en galego é perfectamente válida e non nos poden solicitar tradución. Se esa documentación ha de ter efectos fóra de Galiza ou unha das partes alega indefensión por non coñecer o galego, son os poderes públicos os que han de xestionar a tradución, non nós. Ademais, esa tradución non pode implicar un retardo na tramitación e non ten ningún custo para as cidadás e os cidadáns. Un elemento básico da tutela xudicial efectiva é o dereito a un proceso sen dilacións indebidas.

Se se nos requerir que traduzamos ao castelán o que presentamos en galego, debemos opornos. Podemos alegar para iso o artigo 231.4 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que estabelece a obriga de que se proceda á tradución de oficio. Se se nos denegar, cómpre que o denunciemos.

Se utilizamos o galego en primeira instancia e despois ten que ser unha instancia estatal a que resolva o caso (por exemplo, por un recurso de casación), tamén lle corresponderá á Administración pública a tradución da documentación previa.

- Dentro de Galiza, podemos solicitar que todo o procedemento se tramite na nosa lingua. Desde a primeira comunicación que recibimos en galego, podemos enviar un escrito reclamándoo e, desde ese momento, terannos que remitir todos os escritos no noso idioma, incluída a acta do xuízo e o testemuño da sentenza ou resolución correspondente. Ademais da Lei de rexime xurídico, podemos apuntar o artigo 9 da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e as sentenzas 82/1986 e 46/1991 do Tribunal Constitucional. É importantísimo que o solicitemos; se non, as cousas non darán mudado.

- Cos traballadores e traballadoras da administración dos xulgados tamén podemos solicitar que nos atendan en galego, de acordo co sinalado no artigo 54.11 da lei 7/2007, do Estatuto Básico do Empregado Público. É diferente o caso con maxistradas e maxistrados, secretarias e secretarios xudiciais e fiscais; neste caso, non temos dereito legal a que se dirixan a nós en galego, mais si nos ampara a lei para que nos poidamos manter falando na nosa lingua.

E se nos negan os nosos dereitos?

Antes de máis, o que temos que facer é exercermos os nosos dereitos con normalidade. Non fai sentido que ocultemos a nosa lingua ou deixemos de solicitar que a documentación da nosa vida sexa no noso idioma.

No caso de vermos vulnerados os nosos dereitos lingüísticos, fagamos as alegacións pertinentes ou fagamos constar a nosa queixa en acta.

O seguinte paso é enviarmos a oportuna queixa aos seguintes organismos:

a) É básico que llo remitamos á Mesa pola Normalización Lingüística (amesa@amesanl.org), á Secretaría Xeral de Política Lingüística (sxpl.secretaria@xunta.es), así como ao Valedor (rexistro@valedordopobo.com) e ao Defensor del Pueblo (www.defensordelpueblo.es). Cómpre subliñar a importancia de que A Mesa pola Normalización Lingüística sexa coñecedora do caso, pois seralle útil para elaborar o relatorio trienal que elabora sobre o nivel de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. O Consello de Europa tense detido con especial interese sobre as vulneracións de dereitos lingüísticos no ámbito da xustiza no Estado español, polo que é bo que se conte con casos concretos destas vulneracións para poder exemplificar e solicitar correccións.

c) Á Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galiza, a través do seu servizo de queixas a través de internet: http://cpapx.xunta.es/presentacion-do-servizo

d) Ao Ministerio de Xustiza (mjusticia.es > escolle arriba “Benvidos”, para optares polo galego > “Servizos ao cidadán” > “Trámites e xestións persoais” > “Suxestións e queixas”).

e) Ao espazo web do Consello Xeral do Poder Xudicial, na sección “Atención ciudadana” (poderjudicial.es > clica en “Consejo General del Poder Judicial” > “Atención ciudadana” > “Buzón de contacto”).

f) Ao Consello da Avogacía Galega (avogacia.org > sección “Contacto”).

g) Á Irmandade Xurídica Galega (galeguizargalicia.com > sección “Contacto”).

h) Por escrito ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (Praza de Galiza, s/n, 15701 A Coruña).

De nos mantermos firmes e leais á nosa lingua, poderemos quitar de vez o interrogante ao título deste artigo.

6 de mar. de 2011

Ti non es ti e sábelo

AZUL

Amo e escravo
acordan complexos mecanismos de excitación
e reordenan personalidades fraudulentas.
Gritan e os seus gritos son gritos de dor,
anque nada semellante á dor exista
no último das súas bocas.
A dor pactada,
a dor que descanda os cárceres,
a dor que rompe a herencia das circunstancias,
a dor que borra as carexas maternas,
os preceptos de uso recto e mimético,
esa dor que é unha espiral que desgarra a carne
como un tirarrollas
e derriba espacios íntimos
que ninguén pisou nunca e nunca intuíu.
Ti non es ti e sábelo.

(Antón Lopo, Pronomes)

Non sei que estrañas aves aniñaron en min

5 de mar. de 2011

Expulsada por diferente


Que se apoie a expulsión dunha nena dun colexio para así evitar o machismo ten unha lóxica aplastante. Como se vai permitir que unha rapaza cometa a ofensa de levar ás aulas un pano na cabeza, como demostración de que pertence a unha cultura diferente?!

Xa que o presidente da Xunta está nesta liña de pensamento, proporíalle que sexa un chisco máis coherente. Por que non prohibe que as monxas poidan acceder á docencia? Ou, se non, por que considera que atenta contra a dignidade das mulleres levar un pano na cabeza se é por pertencer a unha cultura musulmá e considera plausíbel -xenerosamente financiábel e financiado con orzamentos públicos- que mulleres cristiás ministren aulas cun pano na cabeza?

Deixo de vez a retranca. En Arteixo estamos a ver un lamentábel episodio de racismo, xenofobia e mesmo machismo (seica todo o mundo sabe mellor que as propias mulleres afectadas o que teñen que facer!). Non podemos permanecer indiferentes.

Sei que hai moito escrito sobre esta cuestión, mais recoméndovos especialmente estes tres artigos sobre o tema:

4 de mar. de 2011

Maxicamente vello, eternamente novo

Este serán a Libraría Aira das Letras organiza en Allariz a presentación de En castellano no hay problema. Se puiderdes estar, sabede que nos acompañará ás 20 h o alcalde da localidade, Francisco García, na Fundación Vicente Risco (rúa San Lourenzo, 3). Ao final do acto, serviranse uns petiscos, por cortesía de Aira das Letras.

Continuamos cos actos de defensa deste idioma "maxicamente vello, eternamente novo", como din os preciosos versos de Manuel María que musica Roi Casal no seu último traballo:

3 de mar. de 2011

Sobre Amigos e sodomitas


O meu traballo Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media está a dar que falar grazas ao premio Vicente Risco con que foi recoñecido esta pasada fin de semana. Agardo que axiña poida estar nas librarías para así enriquecermos un debate que vexo moi útil, que serve para podermos comprender mellor o noso pasado, mais tamén o noso presente.

Tal e como me indicaban nalgúns comentarios neste blog, hai algúns medios electrónicos de temática gai que se fixeron eco tamén deste traballo, como Universo Gay, Ambiente G e Frecuencia Gay; nos dous primeiros mesmo se produciu un pequeno intercambio de opinións. Tamén agradezo a referencia no xornal Certo, da miña comarca. Na páxina de Sotelo Blanco hai un dossier electrónico máis completo da repercusión mediática até o momento. Se me foi agradábel investigar sobre isto, máis agradábel me é a posibilidade da divulgación e contraste do analizado.

Podedes tamén escoitar a través da rede as dúas entrevistas que me fixeron sobre este traballo no Diario Cutlural da Radio Galega e en Radiofusión. Ao final desta última anuncio tamén unha pequeniña exclusiva.

2 de mar. de 2011

Don't be a drag, just be a queen

Desde onte xa se coñece o clip do último tema de Lady Gaga, "Born this way". Nas primeiras olladas, gosto máis do prólogo, que é ben lindo, que da escenificación da canción. Prefiro tamén a actuación dos Grammy -cando menos até o de agora, non sei se mudarei de opinión pola forza da repetición.

As chiscadelas á loita homosexual son evidentes, non só na explícita letra, senón tamén no triángulo rosa que inicia e finaliza o vídeo. Xa dixo Elton John que esta é "a canción máis gai que escoitei na miña vida". O cal non é pouco vindo de quen vén.

Talvez o que pexe máis todo isto sexa a repetición da idea de deus, en maiúsculas, como causante da diversidade humana, até o punto de que podemos preguntarnos que é máis importante na canción: se o recoñecemento como boa da diversidade ou o agradecemento por tal cousa a unha divindade que se supón creadora.

1 de mar. de 2011

Libros e combates

Esta fotografía, con Rafa Vilar e Silvana Castro, pertence á presentación a semana pasada en Bertamiráns do libro En castellano no hay problema. Esta obra de combate cívico en defensa da lingua continúa coa súa andaina de actos públicos, que continuará esta sexta feira ás 20 h, nun evento que organiza a libraría Aira das Letras na Fundación Vicente Risco de Allariz (rúa San Lourenzo, 3). Partillarmos visións e alternativas son os obxectivos básicos deste libro e das actividades que ao seu redor se realizan.

Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, que sairá en poucos meses, é tamén en varios sentidos unha obra de combate. Porque se trata dunha investigación que procurei documentar co máximo rigor, mais ben sei que a divulgación social das súas conclusións ataca frontalmente o machismo, a homofobia e, tamén, a negación e falsificación da historia de Galiza nun período chave como foi a Baixa Idade Media.

Sobre este último libro falo hoxe en dúas entrevistas: a primeira, ás 15 h no Diario Cultural da Radio Galega; a segunda, ás 18.05 h en Radiofusión.

Ademais, hai outros medios de comunicación que tamén se fixeron eco do galardón recibido por este ensaio, para alén dos xa indicados:
Quero agradecer tamén os centos de parabéns e mostras de interese sobre esta obra que me chegaron nos últimos días, mesmo de fóra de Galiza. Agardo que poida estar axiña nas librarías e que poidamos debater sobre o que nela se di.