23 de mai. de 2011

Como pouco, tamén existe o gris

Aínda fica moito por reflexionarmos sobre o que aconteceu nesta xornada electoral. É evidente que os resultados non son bos para o conxunto de Galiza e que tanto as políticas sociais como a nosa cultura se verán afectadas polas maiorías absolutas do PP nas tres cidades da provincia da Coruña, onde tamén recuperan o goberno da Deputación.

Porén, o que máis me sorprendeu é que, a pesar da consigna de "votar BNG é votar Zapatero" e a pesar da maré popular que se viviu no conxunto do Estado español, Galiza fose capaz de resistir mellor a embestida.

A min paréceme rechamante que, por exemplo, malia a debilidade institucional e mediática actual do nacionalismo galego, este fose quen de incrementar o número de concellos onde foi a lista máis votada e mesmo aumenta as súas maiorías absolutas, fronte a hai catro anos, cando cogobernaba na Xunta.

É unha evidencia que o BNG perdeu votos totais e -coa tremenda excepción de Pontevedra- poder urbano. No entanto, é case o mesmo número de votos totais e un pouco máis na porcentaxe total que nas pasadas eleccións autonómicas de 2009, onde se partía de estar no Goberno galego, con todo o empuxe que iso significaba.

Tampouco debemos esquecer a comparación co resto do Estado español. Se vemos as cidades máis poboadas de todas as comunidades autónomas, encontrámonos con que o primeiro concello máis importante onde vai haber alcalde do PSOE será en Vigo, a través dun necesario acordo co BNG. Diante del, só rompen a monocor do PP os nacionalistas de Barcelona e Bilbo. [Rectificación: Vigo será a segunda máis poboada; a primeira será Zaragoza, cun acordo tripartito PSOE-CHA-IU.]

En fin, temos que reflexionar e actuar, mais tamén penso que é bo que valoremos todo o que, a pesar das dificultades, se dá conseguido no noso país. E non o digo só por vermos o lado bo da vida, que continúa.

12 comentários:

  1. O resultado do Bloque é unha merda, só maquillado por Pontevedra. Nas cidades xa non os vota nin diola. ¿Que futuro lle agarda así? Desde as autonómicas de 2001 que non para de perder votos.

    ResponderExcluir
  2. Chamádeme optimista23 de mai. de 2011, 13:07:00

    O BNG e os resultados máis importantes en orzamentos e poboación (cidade e deputacións).

    2003
    - Cogoberna unha deputación (A Coruña).
    - Ten a alcaldía dunha cidade(Pontevedra).
    - Cogoberna nunha cidade (Santiago).

    2007
    - Cogoberna dúas deputacións (A Coruña e Lugo).
    - Ten a alcaldía dunha cidade (Pontevedra), pero ten que ceder a metade das concellarías ao PSOE.
    - Cogoberna en catro cidades (A Coruña, Ourense, Santiago e Vigo).

    2011
    - Cogoberna unha deputación (Lugo).
    - Ten a alcaldía dunha cidade (Pontevedra), onde recupera a hexemonía.
    - Pode cogobernar en tres cidades (Lugo, Ourense e Vigo), aínda que con menos peso.

    É peor que en 2007, pero non peor que 2003.

    ResponderExcluir
  3. En 2003 había esperanza, Fraga acababa a súa época, Nunca Máis mobilizaba á cidadanía, e a esquerda galega estaba a piques de chegar ao poder. O Bloque aínda era visto como un partido de alternativa, con frescura, aínda que xa comezaba a perder influencia.
    Agora hai desesperanza, o Bloque é visto como un partido máis do establishmente, e non mobiliza máis que aos propios, que cada vez son menos.
    Se vos queredes enganar, alá vós, pero isto é un naufraxio longo e tedioso.

    ResponderExcluir
  4. Callón, voltade á gramática anterior ó 2003, ó galego que todo o mundo coñece e recoñece... e deixádenos en paz dunha vez.

    Por certo, ¿qué tal se respira por Santiago? ¿Non sintes cómo abafas pouco a pouco?

    Un saudiño, rapaz.

    ResponderExcluir
  5. Un: Grazas pola visión. Non vou negar o evidente da caída de votos, só pretendo contextualizar e remarcar o que se deu conseguido, máis valioso en comparación co resto do Estado e coa propia situación do país, sobre todo no nivel mediático. Toca reflexionar, claro, e traballar, o máis necesario. Porén non comparto a idea de facer tabula rasa e valorar por extremos. Hai matices importantes que o teu enfado desconsidera.

    Chamádeme optimista: Interesante esquema. O peor é que o PP que vai gobernar Santiago e A Coruña é moito máis agresivo que en calquera dos outros mandatos, penso que mesmo a respecto de Francisco Vázquez (que era xa como se gobernase o PP, non nos equivoquemos). Mais esa perspectiva dá outra visión diferente, é certo.

    Anónimo: Confundes gramática con normativa ortográfica e morfolóxica e repites algúns dos prexuízos máis inxustamnete aficandos sobre o estándar do galego. Permíteme que, a ese respecto, te convide ler estes textos desta páxina:

    http://www.carloscallon.com/2011/01/sobre-as-mudanzas-normativas-en-espanol.html

    http://www.carloscallon.com/2010/08/as-bolachas-e-o-pobo.html

    http://www.carloscallon.com/2010/08/as-palabras-perdidas.html

    Sobre o outro só podo dicirche que se alguén no quere abafar haberá que saber tomar ar.

    Un saudiño tamén para ti.

    ResponderExcluir
  6. Ao BNG en Santiago faltáronlle só 11 votos para ter un concelleiro máis e conseguir reeditar a maioría de goberno.

    ResponderExcluir
  7. 'Diante del [de Vigo], só rompen a monocor do PP os nacionalistas de Barcelona e Bilbo.' Tamén na capital de Navarra, en Pamplona/Iruña, gañou un partido que xa non está 'casado' co PP: UPN.

    ResponderExcluir
  8. Anónimo 1: Tremendo o de Santiago. Para que digan que non importa cada voto!

    Comentáronme que na Coruña é por unhas ducias de votos tamén.

    Anónimo 2: Á parte da ideoloxía coincidente de UPN e PP, esta cidade está moito menos poboada que Vigo.

    ResponderExcluir
  9. Zaragoza sería a cidade máis grande cun posible goberno de esquerdas (a tres bandas por alí)

    O dos 11 votos de Santiago proe de carallo. O da Coruña penso que é inexacto

    ResponderExcluir
  10. Un: Tes toda a razón con que seguramente será Zaragoza. Vigo será a segunda. Corrixido!

    ResponderExcluir
  11. agora non hai que agardar á contabilización do voto emigrante; mais é posible que se computen como válidos para o BNG em Santiago votos que foron declarados nulos no escrutinio em mesa. E que estas validacións sejam máis que as que beneficien ao PP.
    Saúde.
    .....Xosé Ramón.

    ResponderExcluir
  12. É máis fácil anular votos que conseguir votos. Así e todo, o PP ten moita experiencia en ambos os casos. Lembrade as Europeas en que lle quitaron ao BNG o escano que conseguira, a través da mudanza de votos a posteriori en colexios electorais madrileños.

    ResponderExcluir