No seu discurso como mantedora dos premios Xerais 2011, María Xosé Queizán amosounos un poema asinado por unha trobadora occitana, unha trobairitz, que tiña como cantado obxecto de desexo outra muller. A autora d’O despertar das amantes indicounos tamén que houbera bastantes esforzos da crítica contemporánea para tentar evitar a tan explícita lectura lésbica.
No trobadorismo galego-portugués aconteceu un procedemento semellante por parte da crítica cun par de composicións que falan de relacións homosexuais masculinas: unha cantiga de autoría de Rodrigo Eanes de Vasconcelos e outra de Pero da Ponte. Porén, non hai nada que se lle pareza ao caso que nos comentou María Xosé Queizán, entre dúas mulleres. Dificilmente podería ser, claro, cando das ruínas que conservamos do noso esplendor trobadoresco baixomedieval non temos nada que nos faga nin intuír que houbese tan sequera versos escritos por esa discriminada metade da humanidade.
No caso galego-portugués o lesbianismo só aparece como elemento temático nas cantigas satíricas e protagonizado por soldadeiras, por prostitutas –aínda que algúns, como o historiador José Mattoso, coidan que tamén habería que englobar aquí outros textos referidos a monxas, que eu non vexo moi claros–. A súa situación marxinal facía posíbel que mantivesen uns vencellos entre elas, mesmo con certo cariz público, que serían inviábeis para outras mulleres.
A dúas destas soldadeiras do século XIII que foron satirizadas polos seus relacionamentos sexuais ou afectivos con outras mulleres coñecémolas polo nome: Sancha e María. Delas mesmo sabemos que foron vivir á rúa da Moeda Vella, en Santiago de Compostela, ben pertiño da catedral. As súas figuras, que trato máis polo miúdo nun dos capítulos do ensaio Amigos e sodomitas, terán un protagonismo especial cando o vindeiro 28 de xuño se realice o roteiro sobre a homosexualidade na Compostela medieval (lembrade: o punto de saída é a libraría Couceiro ás 20 h e a asistencia é libre).
Así comezo esta semana o artigo de Galicia Hoxe, que podedes consultar completo nesta ligazón. Para máis información, xa sabedes: o libro Amigos e sodomitas e o roteiro do vindeiro 28.
Non o sabía.
ResponderExcluir