5 de jul. de 2011
Milagre na Delegación da Xunta en Madrid!
Este serán ás 19.30 h pecho no Centro Galego de Madrid (rúa Carretas, número 13) a rolda de presentacións do libro En castellano no hay problema, na cal levaba máis dun ano.
Xa onte comentei as lamentábeis vicisitudes polas que tivo que pasar a tentativa de se realizar este evento na capital do Estado. Quérovos anunciar que desde a Casa de Galiza -a Delegación da Xunta- anunciaron onte, un par de horas despois de enviarmos o comunicado, que si disporían de días libres para finais deste mes.
Milagre de Deus! Hai que agardar a que se faga pública a denuncia e a que sexa o día antes da presentación xa organizada para que a axenda se libere maxicamente! Milagre celestial! Hai catro meses non había días e agora xa os terían para dentro de tres semanas! Milagre! Milagre!
En fin.
Pasemos a páxina polo de agora a estes lamentábeis episodios de censura, máis ao descuberto que nunca, e vaiamos á actualidade. Xa saberedes as persoas que lérades o libro antes que José Ramón Ónega que nalgunhas das páxinas do volume En castellano no hay problema me debruzo sobre a situación do noso idioma nos medios de comunicación.
A respecto disto tivemos onte unha concentración na compostelá praza do Toural, coa presenza de moitos rostros coñecidos de diferentes ámbitos sociais. A imaxe que encabeza esta entrada pertence ao momento en que o poeta, editor e columnista Miguel Anxo Fernán Vello procedeu á lectura do manifesto.
Compas, a loita continúa!
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário