13 de set. de 2011

Gloria Lago si, Fernández Paz non


O telexornal do mediodía daba conta dunha conferencia de imprensa de Galicia Bilingüe e doutras entidades que están contra a diversidade cultural e lingüística no Estado español. Presentaban as súas falacias habituais: que defenden a "liberdade" contra a "imposición" e todas esas mentiras que escoitamos tantas veces. Que tal e como está o noso idioma continúen igual non só é cansativo, senón tamén algo repulsivo. Tan incómodo lles resulta que, a pesar de todo, aínda existamos?

Mais non quero chamar a atención sobre as súas proclamas de odio vestidas de veludo, senón ao papel megafónico das mesmas que teñen os medios públicos autonómicos (autoanémicos, máis que nunca). Cada vez que hai un pronunciamento ou unha conferencia de imprensa desta entidade contra o galego teñen espazo si ou si na Radio Galega ou na TVG. Non gozan de tal fortuna as institucións ou asociacións que traballan na defensa do noso idioma e da nosa cultura, como por exemplo A Mesa ou Queremos Galego.

Tampouco teñen ese espazo, que lles correspondería, creadores que apostan por esta lingua, por esta literatura, por esta cultura. Como é posíbel que, por exemplo, os telexornais non desen a noticia de que Agustín Fernández Paz foi recoñecido co Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil? Sería por falta de espazo?

5 comentários:

  1. Si, Carlos, é por falta de espazo. O de que Agustín sexa unha persoa comprometida co galego e escritor nese idioma non inflúe para nada nun medio con tanta diversidade de opinións coma a TVG.

    ResponderExcluir
  2. Pois claro, Carlos, é por falta de espazo.
    Senón fose que van apurados co tempo, si ou sí saía a nova.
    Como ben dí María,tod@s sabemos da transparéncia e diversidade de opinións que se dan na TVG. Pensar doutro xeito, é ver conspiracións onde todo é claro e transparente...
    O de Fernández Paz foi un erro que enmendarán axiña, posibelmente, antes do século que ven..
    Así que non nos amolemos,e sigamos as novas de Galicia Bilingue, queiras ou non, dan unha visión do país que hai que ter enconta. Mira que si levan razon e nos temos que denunciar a nós mesm@s ?? Autocrítica Carlos, moita autocrítica é o que nos fai falta....:-(

    ResponderExcluir
  3. É por falta de espaço, é. Pola falta de espaço com que nos esganam. E enganam.

    ResponderExcluir
  4. Penso que tes moita razón na túa percepción dos medios de comunicación, Carlos. Tamén a min me chamou a atención, haberá cousa de mes e medio, en El Correo Gallego, unha noticia coa opinión de Galicia Bilingüe criticando que a Xunta valorase positivamente que as empresas empregasen o galego, para un concurso. GB argumentaba unhas cousas que non tiñan sentido ningún, coa perversión da linguaxe e da argumentación que os caracteriza, pero o que máis me chamou a atención foi o feito de que saíse iso como noticia. Dixen eu para min: "E agora, por que lle dan tanta importancia á opinión deste grupúsculo galegófobo? Por que tanto interese en El Correo Gallego en darlles voz a estes e non á inmensa maioría da sociedade?". Deume a impresión de que o publicaban adrede, cunha intencionalidade política, para magnificaren esa opinión de GB e despois poder dalgún modo xustificar, publicamente, o menosprezo deste Goberno pola lingua (digo "menosprezo", por chamarlle dalgunha maneira).

    ResponderExcluir
  5. Hoxe é 16 de setembro e os telexornais da TVG continúan sen ter espazo para esta noticia.

    ResponderExcluir