A Mesa pregunta ao PP 'por que só vale o dereito de escoller lingua no ensino se se escolle o castelán'
A entidade recorda que no curso pasado o 40% das familias das cidades galegas con crianzas en educación infantil solicitaron ensino en galego, mais este só se impartiu nun 10% das aulas
Carlos Callón: “Para o PP, tres familias concretas de Cataluña valen máis que ese 30% de familias galegas que non tiveron garantido o ensino en galego”
A media de presenza do galego no último curso escolar rondou o 20% do horario, a máis baixa de todos os idiomas no Estado
Ao fío do debate suscitado polo último ditame do Tribunal Superior de Justícia de Catalunya sobre o ensino en catalán no Principat, A Mesa pola Normalización Lingüística subliña que “comparar ambas realidades é como comparar a noite co día”. O presidente da entidade, Carlos Callón, pon como exemplo ilustrativo que “a media de presenza de galego no último curso escolar, 2010/11, en todas as etapas non universitarias, rondou o 20% do horario. Até o momento, en ningún outro lugar do Estado con lingua propia oficial se dá unha situación de tal precariedade”.
Callón cualifica ademais o PP de “extremadamente cínico” pola súa “defensa farisaica do dereito a escoller lingua”, pois “é un dereito que só amparan se a lingua pola que optas é o castelán”. A Mesa pon como mellor exemplo que no curso pasado o 40% das familias das cidades galegas con crianzas en educación infantil solicitaron ensino en galego, mais este só se impartiu nun 10% das aulas. “Abofé que o ensino á carta non é pedagóxico, porén o tope do cinismo dáse cando só o defenden se a escolla é o español”, salienta.
“A todo isto habería que sumar a eliminación da rede de escolas infantís para menores de 3 anos que garantían o uso do galego –as Galescolas–, a prohibición da docencia en galego nas materias científico-técnicas e, ademais, o notorio incumprimento dos teóricos mínimos de uso do noso idioma”, sinalan desde A Mesa. Matizan ademais que “a situación máis grave de precariedade da lingua propia se dá en educación infantil, nos conservatorios –onde é estraño que se chegue ao 1% de uso do galego– e nos ciclos formativos”.
Para Callón, “esta exclusión do galego é unha irregularidade e unha vergoña democrática de primeiro nivel, mais o PP non só non se preocupa de solucionala, senón que é o causante da situación”. “Para o partido que goberna a Xunta de Galiza, as tres familias concretas que pediron non ter ensino en catalán valen máis que ese 40% das familias galegas que solicitaron na matrícula ensino en galego o pasado curso escolar”.
Carlos Callón conclúe que “fronte á crispación e á segregación, A Mesa defende un modelo educativo que garanta competencias lingüísticas, que conte cun apoio social sólido e que teña o galego como centro de gravitación; nestes momentos, o modelo educativo de Alberto Núñez Feijóo non cumpre con ningunha desas tres cuestións básicas”.
7 de set. de 2011
A Mesa pregunta ao PP por que só vale o dereito de escoller lingua no ensino se escolles o castelán
Achego o comunicado enviado hoxe mesmo pola Mesa pola Normalización Lingüística. Ao ensino, recordemos, non se vai a escoller idioma, senón a formarse; tamén no idioma propio. Sen coñecemento e igualdade non hai liberdade.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário