Vou camiño da presentación en Ponteceso de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Un dos temas a abordarmos no acto será que é o que podemos facer para mellorar a situación do galego no sistema educativo. Sobre iso trata a parte 3 do libro, dividida á súa vez nestes seis capítulos:
De forma sintética, expoño os limites do marco lexislativo e como se aplican de forma aínda moito máis restrita, até o punto de que non hai ningún outro idioma con rango de oficialidade no Estado español que teña tan escasa presenza escolar.
- "Dereitos recoñecidos e dereitos vulnerados".
- "Educación infantil".
- "Ensino primario".
- "Ensino secundario, bacharelato, formación profesional, ensinanzas artísticas e deportivas".
- "Dereitos lingüísticos na Universidade".
- "Alumnado de intercambio e lingua galega".
Porén, nas páxinas de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos tamén sinalo algúns camiños que podemos transitar para revitalizar a nosa lingua nun sector fundamental coma este. E a iso estamos convocadas todas, convocados todos: estudantes, familias, docentes, persoal de administración, etc.
Hai máis dun ano, a CIG-Ensino e a AS-PG organizaron unha mesa redonda sobre as implicacións do decretazo contra o galego, que podedes ver aquí.
Debate sobre o "Decreto do prulingüismo" nas XX Xornadas de lingua e literatura from cig-ensino on Vimeo.
Pensades que mudou nalgún aspecto a situación ou continúan os mesmos trazos que aí expoñen diferentes voces? Non pasma a diferenza entre o que acontece e a propaganda oficial?
Sexa como for, está claro que non podemos permanecer indiferentes ante a ofensiva. É moito o que podemos facer, a pesar das dificultades. Fagámolo!
[A ilustración pertence a unha campaña de finais da década de 90.]
Nenhum comentário:
Postar um comentário