5 de out. de 2011

Sobre todo, alternativas


Este serán, ás 20.30 h., o restaurante O Dezaseis acollerá a presentación en Compostela de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.

No acto falaremos algo da situación do noso idioma e, sobre todo, con máis énfase, das alternativas. Xa sabes, aquilo de que é mellor prender luces que chorar a escuridade.

Por exemplo, a parte catro do libro leva por título "Por un consumo responsábel e con dereitos". Nela anímase a aplicarmos para o noso idioma os principios do consumo responsábel; isto é, a elección de produtos e servizos non só en función da súa calidade e prezo, senón tamén do seu impacto ambiental, social ou pola actitude das empresas que os elaboran ou ofrecen. Neste caso, tendo en conta o seu apoio ou non ao noso idioma, que vai desde que non teñan unha actitude hostil, pasando polo máis importante, que é o uso, e até a observación de se tamén son dinamizadoras da nosa lingua e cultura desde o seu ámbito.

Nestes momentos, hai miles de produtos (digo ben: miles de produtos) que teñen etiqueta en galego. Viños, licores, bolachas, refrescos, etc. Por que non os apoiamos?

Hai empresas que apostan pola nosa lingua con firmeza, por exemplo as organizadas na rede Abertos ao Galego. Que acontecería se tomásemos como norma xeral do noso día a día darlles prioridade?

Son pequenos xestos que non nos ocasionan maiores gastos, que non implican ningunha situación incómoda e que, no entanto, sementan un futuro diferente.

Que che parece? Facémolo?

Nenhum comentário:

Postar um comentário