20 de dez. de 2011

Redelibros 2011 como obra non literaria en galego para Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Obrigado!


A rede social galega do libro, Redelibros, organizou un inquérito entre os seus membros para distinguir diferentes eventos relacionados co mundo editorial en Galiza ao longo deste ano que está para finalizar.

Agradezo moito que tivesen o agarimo de colocaren como finalistas na sección de "Obra non literaria en galego de 2011" os dous títulos que saquei este ano: Amigos e sodomitas e Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Fico tamén moi obrigado (por min e pola causa normalizadora en que se inscribe) por lle concederen a distinción final a esta última obra.

Oxalá este apoio axude á difusión dos consellos e propostas que nesas páxinas se conteñen. O importante é que se todas e todos nos implicamos máis decididamente no noso día a día na defensa do noso poderemos deixar atrás os tempos escuros que estamos a padecer. Como defenderes os teus dereitos lingüísticos é, sobre todo, un manual práctico con propostas concretas e realizábeis para todas as persoas que queiran sementar o noso idioma, que queiran ir prendendo luces fronte á desesperanza de tanta caza de bruxas contra a nosa milenaria lingua. Fagámonos sementadoras e sementadores, como exclamaba Ramón Vilar Ponte!

A respecto da distinción, imaxinade a honra que é para min compartir podio cos nomes sinalados polos redelibreiros e polas redelibreiras! Parabéns para todos eles: Agustín Fernández Paz, Kiko da Silva, Armando Requeixo, Fernando Cimadevila, Tuula Ahola Rissanen e Iván Valladares. Parabéns tamén para os recoñecidos proxectos Urco Editora, Meubook, Culturgal e á marabillosa xente que habita a libraría Cartabón. E os mesmos calorosos parabéns para todas e todos os finalistas!

Proia a quen lle proer, esta cultura está moi viva!

Nenhum comentário:

Postar um comentário