31 de dez. de 2012

Para bailarmos nesta noite



Lá em casa tinha um pinto, 
lá em casa tinha um pinto
e o pintinho piu...

Lá em casa tinha uma galinha, 
lá em casa tinha uma galinha
e a galinha có
e o pintinho piu...

Lá em casa tinha um galo, 
lá em casa tinha um galo,
e o galo corococó
e a galinha có
e o pintinho piu...

Lá em casa tinha um peru, 
lá em casa tinha um peru
e o peru gulu gulu 
e o galo corococó
e a galinha có
e o pintinho piu...

Lá em casa tinha um capote, 
lá em casa tinha um capote 
e o capote: cocote
e o peru gulu gulu 
e o galo corococó
e a galinha có
e o pintinho piu...

Lá em casa tinha um gato, 
lá em casa tinha um gato
e o gato miau
e o capote: cocote
e o peru gulu gulu 
e o galo corococó
e a galinha có
e o pintinho piu...

Lá em casa tinha um cachorro,
lá em casa tinha um cachorro,
e o cachorro au au, 
o gato miau
e o capote: cocote
e o peru gulu gulu 
e o galo corococó
e a galinha có
e o pintinho piu...

Lá em casa tinha uma cabra, 
lá em casa tinha uma cabra
e a cabra mééé, 
e o cachorro au au, 
o gato miau
e o capote: cocote
e o peru gulu gulu 
e o galo corococó
e a galinha có
e o pintinho piu...

Lá em casa tinha um bode, 
lá em casa tinha um bode
e o bode béé, 
a cabra mééé, 
o cachorro au au, 
o gato miau
e o capote: cocote
e o peru gulu gulu 
e o galo corococó
e a galinha có
e o pintinho piu...

Lá em casa tinha uma vaca,
lá em casa tinha uma vaca
e a vaca móôn, 
o bode béé, 
a cabra mééé, 
o cachorro au au, 
o gato miau
e o capote: cocote
e o peru gulu gulu 
e o galo corococó
e a galinha có
e o pintinho piu...

Lá em casa tinha um boi, 
lá em casa tinha um boi,
e o boi múún, 
a vaca móôn,
o bode béé, 
a cabra mééé, 
o cachorro au au, 
o gato miau
e o capote: cocote
e o peru gulu gulu 
e o galo corococó
e a galinha có
e o pintinho piu...

Lá em casa tinha uma moça, 
lá em casa tinha uma moça,
e a moça Oh!, 
o boi múún, 
a vaca móôn,
o bode béé, 
a cabra mééé, 
o cachorro au au, 
o gato miau
e o capote: cocote
e o peru gulu gulu 
e o galo corococó
e a galinha có
e o pintinho piu...

Lá em casa tinha um viado, 
lá em casa tinha um viado,
e o viado Ai Ai, 
a moça Oh!,
o boi múún, 
a vaca móôn,
o bode béé, 
a cabra mééé, 
o cachorro au au, 
o gato miau
e o capote: cocote
e o peru gulu gulu 
e o galo corococó
e a galinha có
e o pintinho piu...

Nota: Veado e viado pronúncianse igual no estándar portugués e esa homofonía dá lugar ao xogo con que finaliza a canción. Veado é o animal, tal e como se di tamén ao norte do río Miño para o cervo. Viado é unha redución de transviado (que saíu dun entendido como camiño recto, igual que o straight en inglés) e vén a ser algo así como o que aquí se diría marica ou maricas.

QUE ESTE ANO 13 SEXAMOS QUEN DE ABRIR AS PORTAS A UN MUNDO MÁIS XUSTO E MÁIS LIBRE!

QUE SEXA UN ANO DE BOAS DECISIÓNS, MOITA FORZA E ALGO DE FORTUNA!

27 de dez. de 2012

28 de decembro, 17.30 h: O Apalpador chega a Ribeira

Se mañá, día 28, andardes por Ribeira, podedes acompañar a asociación Altofalante no desfile do Apalpador, que sairá ás 17.30 h da praza do Concello. Haberá música, doces e moita alegría!

Que ninguén se confunda! Non é ningunha "inocentada", porque o día tradicional das brincadeiras en Galiza é o primeiro de abril e non o 28 de decembro: "O primeiro de abril van os burros onde non deben ir", como sinala o refrán.

Para chamardes polo Apalpador (tamén coñecido por Pandigueiro) en calquera momento ou calquera lugar de Galiza, podedes ir preparando este sinxeliño baile:


22 de dez. de 2012

Pequeno documentario sobre o Apalpador

Para coñecermos mellor estas lindas tradicións que estamos a avivar nos últimos anos:



Tede de man este vídeo para a próxima vez que escoitedes aquilo de que "andamos a inventar cousas que nunca existiron".

20 de dez. de 2012

Estafa económica e fraude electoral

No programa electoral do PP non aparecía que se pagarían escolas privadas con diñeiro público para garantir un novo dereito: o de non escoitar galego na escola.

No programa electoral do PP non figuraba que se produciría unha nova redución dos salarios do persoal da Xunta.

No programa electoral do PP non estaba que se ía dar o visto e prace ao roubo das preferentes.

No programa electoral do PP non se dicía que as e os pensionistas ían perder poder adquisitivo.

Adiantaron as eleccións e mentiron para poderen continuar coa súa política de empobrecemento das maiorías sociais e de destrución da personalidade nacional de Galiza, para nos converteren nunha masa informe de xente, sen lazos colectivos. Non é crise: é estafa económica e fraude electoral.

Contestemos! Movámonos!


Entrevista no Faro sobre Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez


O Faro de Vigo publicou unha entrevista sobre a situación do idioma galego tomando como punto de partida a presentación esta semana en Silleda do meu último libriño, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Se vos interesar, podedes consultala nesta ligazón.

Continuamos!

18 de dez. de 2012

Autoaxudas para a lingua

O portal Cultura Galega dedica a súa noticia de abertura de hoxe aos camiños que percorren guías e manuais prácticos que teñen por finalidade a mellora da lingua, como é o caso dos libros Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e, en especial, o máis recente, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez.

Agradezo a consideración de Susana Mayo (coordinadora técnica do Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega) que figura na reportaxe. Ela apunta que, fronte a outras obras (moi útiles) xa no mercado, "o atractivo deste libro [Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez] é que está destinado ao falante habitual para que mellore o seu emprego do galego". Ese foi o meu obxectivo e alégrame que valore que se conseguiu.

Aproveito para vos lembrar que hoxe ás nove da noite será a presentación dese manual na Biblioteca Daniel Castelao de Silleda.

Continuamos!

17 de dez. de 2012

13,1%

De cada 100 euros gastados en Galiza para comprar libros, só 13,1 van para obras en galego. Advertiuno o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, de acordo cos datos que achega o relatorio Comercio Interior do Libro en Galicia 2011. 

As cifras son claramente más, porén tamén nos fan lembrar a reflexión que fixo en voz alta Santiago Jaureguizar hai xa uns anos: Sendo a porcentaxe baixa, é rechamante que na inmensa maioría das librarías do país a proporción de libros en galego nos escaparates é moi inferior. Iso xa sen falar das grandes superficies, tipo Corte Inglés ou FNAC.

Vai adoptar algunha acción a Xunta para evitar que o galego se continúe a impor no mercado editorial?

16 de dez. de 2012

O 18, en Silleda

Comentáronme que hai algúns lugares (como o Círculo de Lectores) onde se esgotaron os exemplares de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Porén, debo indicar que continúa a haber nas librarías que distribúen obras en galego e que xa está en proceso a segunda edición, así que ninguén que o quixer ficará sen o seu exemplar! ;)

Agora toca falar por todo o país sobre a situación do noso idioma usando este libro como escusa para o diálogo. O próximo acto será o vindeiro día 18 en Silleda (tedes aquí o evento no facebook), ás 21 h na Biblioteca Daniel Castelao. Se quixerdes e puiderdes, estades convidadísim@s!

Ademais, nesta presentación, igual que nas futuras, todas as persoas que traian un exemplar do libro ou que o adquiran no propio evento terán un pequeno agasallo.

Continuamos!

15 de dez. de 2012

Cara ao 27 de xaneiro!


Esta mañá tivemos plenario de Queremos Galego. O tema central da xuntanza foi a vaga de ataques contra o galego no ensino e, por tanto, tamén as respostas precisas. Como xa sabedes, hai unha manifestación convocada para o día 27 de xaneiro, que cómpre que sexa multitudinaria. Non podemos permitir que extirpen o galego da escola, como pretenden o alienado de Mariano Rajoy e o seu aspirante a sucesor e actual virrei para as galegas e os galegos.

Recordade tamén que se están a recoller apoios nun manifesto, ao cal podedes acceder desde esta ligazón.

Continuamos!


14 de dez. de 2012

Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, na TVG

O programa Zig Zag da TVG, que conduce María Solar, achegouse ao libriño Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, que se presentou onte por vez primeira en Compostela e que volverá a presentarse o día 18 en Silleda. En concreto, esta vindeira cita será para as 21 h na Biblioteca Municipal Daniel Castelao. Tedes aquí o evento no facebook, por se vos interesar ou por se puiderdes axudar a difundilo.

Mais, en fin, ao que iamos. Penduro aquí a reportaxiña na TVG. Agardo que gustedes!

                                     
   

13 de dez. de 2012

Presentes


Onte a plataforma Queremos Galego estivo nos edificios administrativos da Xunta en San Caetano para lle reclamar ao Goberno autonómico (aínda que máis autoanémico que nunca) que cumpra co seu cometido de defender o noso idioma e mesmo que defenda as súas propias competencias. Reclamamos, en fin, que se derroge o decreto da vergoña e que se realice unha acción institucional firme contra a lei da wertgoña.

A plataforma tivo onte un apoio emblemático: o Apalpador ou Pandingueiro, que lle levou carbón ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Educación (en alusión á política carbonizadora que está a facer co noso idioma e coa nosa cultura). Tamén lles achegou libros en galego, mais non coa finalidade de queimárenos, senón para os leren e para se decataren do valor de termos un idioma e unha cultura de noso.

Xa que andamos de agasallos, decidín pedir axuda ao Apalpador tamén para a presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, que será hoxe ás 20 h no Centro Sociocultural do Ensanche, que está na rúa Frei Rosendo Salvado 14-16 de Santiago de Compostela. Así, todas as persoas que asistan cun exemplar do libro ou que o adquiran no propio acto terán un presente a maiores.

Continuamos!


11 de dez. de 2012

O galego non vai para o lixo


O noso idioma ten problemas moi serios, mais está vivo. Moitas galegas e moitos galegos queremos -vaia atrevemento!- que continúe a estalo. Por iso facemos ouvir a nosa voz e, por moito que se puideren intensificar os ataques, aí continuaremos. Defendemos o dereito á palabra coa forza da nosa palabra. Non hai lirismo nesa descrición: é pura prosa.

Mañá, día 12, a plataforma Queremos Galego, que coordina A Mesa, realizará un acto simbólico en San Caetano contra "o decreto da vergoña e a lei da wertgoña", como os chama sempre Francisco Jorquera. Será ás 12 do mediodía. Se puideres, ven!

O galego non vai ir para o lixo, sempre e cando nós o impidamos. O galego é material alta e xenerosamente reutilizábel. Cómpre que o fagamos ver e que o fagamos sentir. Para contribuír con outro gran de area para ese obxectivo vai tamén o meu último libro, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, que se presentará o día 13 en Compostela.

Sobre o libro e sobre as cousas da lingua falo nunha entrevista para CorreoTV que se emite o día 12 aproximadamente ás 19 e ás 22 h e o día 13 a iso das 12 h. Hai que batallar en moitos lugares. E batallarase, abofé, que se batallará!


7 de dez. de 2012

Presentación mundial


Esta quinta feira (xoves) 13 de decembro ás 20 h. realizarase a presentación non só nacional nin estatal, senón tamén mundial, do libriño Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Nesta ligazón podedes consultar o evento no facebook.

Será no Centro Sociocultural do Ensanche en Santiago de Compostela (na rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16 baixo). No acto, organizado pola asociación Cultural O Galo, acompañaranme o secretario desta entidade, Marcos Maceira, o director de Xerais, Manuel Bragado, e a lingüista Luz Cures, que me axudou moitísimo a puír a última versión do libro.

Agardo ter dúas pequenas sorpresiñas para ese día ;)

Continuamos!


6 de dez. de 2012

Encontro co Bloque e os mundos paralelos da TVG

Nada máis se coñeceren as tres primeiras sentenzas sobre o decretazo contra o galego, o BNG convidounos a un encontro ás tres entidades que promovéramos tales demandas: A Mesa, Queremos Galego e a CIG-Ensino. Por motivos de axenda, esa entrevista (sobre a cal tedes máis información aquí) non se puido desenvolver até onte pola mañá.

Tras a reunión privada, realizamos unha comparecencia conxunta para os medios. Pois ben, isto foi do que se falou:




Porén, así o transmitiu a TVG. Xa vedes o nivel de censura e terxiversación:


                                     
   
(Para a xente a quen non vos vaia o vídeo directametne, podedes velo e comparar nesta ligazón.)

3 de dez. de 2012

Existe o dereito a non escoitar galego en Galiza?

Austeridade é pagar escolas privadas para garantir o "dereito" a non escoitar nin ver galego, catalán nin vasco, como propón o Goberno español nesa nova hipercarpetovetónica Lei? 

Reducirase a crise se extirpamos a nosa identidade como pobo diferenciado da face da Terra e asumimos a nosa función de man de obra barata sen lazos colectivos?

As persoas que queremos vivir en Galiza en galego e que queremos transmitírllelo ás nosas fillas e aos nosos fillos temos que asumir que temos unha cidadanía de terceira?

Non pode ser!

Mañá desde a plataforma Queremos Galego, coordinada e impulsada pola Mesa, achegaremos un par de novas propostas para defender o noso idioma. Precisaremos da colaboración de todas e todos para que poidan ser un suceso.

Queremos galego na escola e queremos galego na vida!

Queremos existir!

Queremos os nosos dereitos! Todiños!

2 de dez. de 2012

Crise de goberno

Na noite electoral Feijóo tivo un lapso: "Non é habitual que nunha crise de goberno... Mmmm... Nunha crise como esta..." Ben, en verdade non dixo crise, senón crisi, mais iso nel non é ningún acto falido

Por se alguén dubidaba de que nos lapsos se encerra unha verdade profunda, Feijóo xa prepara o seu camiño para Madrid coa designación dun claro sucesor: o agora vicepresidente Alfonso Rueda.

Galiza a Feijóo nunca lle importou máis que como posibilidade de chegar a triunfar "en la Corte" e iso explica moitas das súas políticas inusitadamente agresivas. Francisco Jorquera tivo razón ao recriminarlle no debate de investidura que só se preocupase en facer unha operación Zaplana.

O nomeamento de Alfonso Rueda tampouco é positivo de ningún punto de vista. Como vai ser bo que alguén que se manifestou, en primeiriña fila, contra a lingua galega en febreiro de 2009 sexa vicepresidente e poida chegar a ser presidente no momento en que haxa a crise de goberno con que tanto soña Feijóo?

1 de dez. de 2012

Que se faga xustiza!

Moitísimas grazas por todos os apoios! Abofé que non nos calarán!

Xa poden denunciarnos, criminalizar a defensa do galego e pedir indemnizacións disparatadas, aquí continuamos!

A forza do noso amor non foi inútil, non o é, non o será!



30 de nov. de 2012

Un xuízo kafkiano

Acaban de chamarme da COPE para me faceren unha pequena entrevista con motivo do xuízo que teño hoxe na Coruña. Dixéronme que o xuíz que me denunciou xustifica o seu uso reiterado de "La Coruña" porque "no se puede imponer" e porque é o que lle "sale naturalmente". Que queredes que vos diga?

Hoxe ás 12.25 estaremos na Coruña en defensa do galego da xustiza e contra a criminalización da súa defensa. Oxalá se faga xustiza en dous sentidos: que se feche dunha vez este proceso kafkiano e que se tomen medidas para que, dunha vez, a lingua da Galiza deixe de ser estranxeira nos xulgados do país.

Continuamos!

29 de nov. de 2012

Enormemente agradecido!


Esta mañá presentamos Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez nun almorzo informativo. Nese encontro con xornalistas estiven acompañado polo director de Xerais, Manuel Bragado, quen deu alí unha moi boa noticia: estase a preparar xa a segunda edición deste libro, para poder dar resposta á demanda existente.

O manualiño leva escasas semanas nas librarías e, como digo, a presentación para os medios aínda foi esta mesma mañá, polo que o meu agradecemento e a miña alegría pola extraordinaria resposta se multiplican. Grazas por acollérdelo como un traballo útil!

Os primeiros actos públicos de presentación deste manual serán o día 13 en Santiago de Compostela e o día 18 en Silleda.

Continuamos!




27 de nov. de 2012

Alfredo Ferreiro achégase a Amigos e sodomitas


Moitas grazas por esta nova atención crítica ao meu ensaio sobre a configuración da homosexualidade na Idade Media! Podedes ler a crítica completa de Alfredo Ferreiro no coñecido blogue O levantador de minas. Ademais, encontrarédesvos cun ben interesante bonus-track.

Continuamos!

24 de nov. de 2012

Cartel promocional de Xerais



A editora Xerais, na cal publiquei os tres libros que escribín sobre o galego, sacou este cartel promocional para librarías, centros de ensino, etc. Se che é posíbel botar unha man na súa divulgación, podes descargalo desde esta ligazón. Xa sabes que somos pobres, mais honrados ;)

En castellano no hay problema é unha compilación de artigos sobre a evolución da situación lingüística en Galiza desde o final dos gobernos de Manuel Fraga Iribarne até o comezo do primeiro mandato de Alberto Núñez Feijóo.

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos é un manual práctico con consellos para saltarmos os obstáculos que nos encontramos no día a día para podermos vivir en galego.

Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez é outro manual práctico, neste caso centrado en que non se perdan os trazos xenuínos do idioma noso.

Continuamos!


23 de nov. de 2012

Decisió


Coñezo cataláns e catalás que apoian diferentes organizacións políticas das que se presentan este domingo ás eleccións. Fano con argumentos sólidos e razoábeis de defensa dunha maior xustiza social e dunha maior soberanía para a súa nación.

Porén, a adhesión que ofreceu no seu momento o candidato de ERC, Oriol Junqueras, á causa da igualdade de dereitos para a lingua galega, fai que lle desexe  sort para este domingo dun xeito especial. Na fotografía estamos nunha visita de Queremos Galego ao Parlamento europeo, con el e coa actual deputada do BNG Ana Miranda.

Sexa como for, a loita do pobo catalán para poder ter dereito a decidir sobre o seu futuro, lonxe das etiquetas simplistas que ás veces se lle penduran, é un exemplo para seguirmos desde Galiza. A nosa nación está aínda máis notoriamente necesitada dun autogoberno forte, verdadeiro, e debe saber aproveitar os movementos que se están a dar en varios lugares do continente.

Existimos. Non podemos abdicar da nosa responsabilidade histórica!

22 de nov. de 2012

Tres fragmentos da sentenza

A sentenza do TSXG que estipula o regreso do galego á educación infantil das cidades é un motivo de festa rachada para todas as persoas que amamos e defendemos o noso idioma propio e a existencia dunha verdadeira pluralidade de linguas e culturas no mundo.

Podedes consultar aquí a valoración da Mesa (que, tristemente, non veredes nin ouviredes na CRTVG) e aquí a ligazón á sentenza.

Minutos despois de chegar a resolución da Mesa viñeron tamén os ditames para outras dúas entidades que tamén foron aos tribunais contra esta norma galegófoba: a CIG-Ensino e a plataforma unitaria Queremos Galego. As dúas van no mesmo sentido de tombar os eixos do decretazo.

Penduro aquí tres imaxes, tres fragmentos, que sintetizan as ideas-forza deste documento histórico:






21 de nov. de 2012

Galiza co pobo mapuche

Ana Miranda, a eurodeputada do BNG, está a facer un traballo incansábel en defensa do dereito de Galiza a existir e a producir, mais tamén en defensa da liberdade en xeral dos pobos oprimidos. Así, a súa interpelación ao presidente de Chile polos dereitos do pobo mapuche converteuse nun tremendo éxito nas redes sociais, con máis de 165.000 visualizacións do vídeo en youtube e cun trending topic no twitter nese estado americano. O momento para a pregunta foi a comparecencia de Sebastián Piñera no Parlamento europeo a semana pasada.

Adiante coa solidariedade entre os pobos!


20 de nov. de 2012

O xuízo continúa o 30 de novembro


Se sodes das persoas que ledes medios galegos digamos non oficiais talvez xa saibades que o 30 de novembro hei sentar de novo no banco dos acusados. É a continuación dun proceso esperpéntico no cal un xuíz me denunciou porque lle recordei que debería cumprir a Lei de normalización lingüística e, con ela, os dereitos lingüísticos das administradas e dos administrados.

A situación en que se encontran eses nosos dereitos vese ben clariña no feito de que tal proceso chegue a existir. Tamén se comproba a súa precariedade cando recibo a nova citación en castelán, a pesar de que xa solicitei tropecentas veces que todas as comuniacións comigo fosen en galego, tal e como me recoñece a lexislación vixente. Imaxinade cantas veces sairía nos medios digamos oficiais, como noticia destacada, se unha Administración á cal solicito un documento en castelán se negase de forma reiterada a enviarmo.

Continuamos co mundo ao revés, mais tamén continuamos con forciña na defensa lexítima do noso! Como pouco, non llelo imos deixar fácil!

16 de nov. de 2012

Non á prepotencia, si ao galego!




 
"Non á prepotencia, si ao galego!" foi unha das consignas que coreamos onte na protesta no centro comercial As Cancelas pola súa exclusión do noso idioma. Mentres A Mesa protestaba con dignidade contra a minorización  do galego, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta aplaudía e sorría no acto de inauguración, que foi todo el en español. O mesmo facían outros altos cargos do PP.

Debido á falta de vontade de  diálogo por parte da xerencia das Cancelas e debido tamén aos escasos pasos adiante que se produciron até o momento, A Mesa anunciará novas medidas de presión democrática na defensa do noso idioma. Porque, aínda que lles proia a algúns, existimos e temos dereitos!

Continuamos!

15 de nov. de 2012

Non queremos Cancelas para o galego!

Hoxe, quinta feira (xoves) 15 de novembro, realizaremos unha concentración diante da porta principal do Centro Comercial As Cancelas ás 12 horas para reivindicarmos publicidade e comunicación no noso idioma. Ven connosco!


Non ás exclusións, si ao galego!

13 de nov. de 2012

Fechado por Folga!

 

Podes seguir as informacións sobre a Folga Xeral de hoxe neste portal especial da CIG:

Concentración na abertura do Centro Comercial As Cancelas



Esta quinta feira (xoves) ás 12 do mediodía Santiago verá como se abren as portas dun novo Centro Comercial. Á parte de que algunha das súas empresas si poida usar o galego cando menos en parte, o único que se verá no noso idioma como tal centro será o seu nome. Polo demais, cartaces publicitarios, vídeos (penso que excepto un), insercións nos medios, comunicacións nas redes sociais, etc., todo exclúe o noso idioma. Mais o galego existe, como ben o sabe o comercio da capital de Galiza, que sempre estivo á vangarda do país en cuestións coma esta.

Onte dei tido unha conversa telefónica co xerente do Centro. A miña sorpresa foi maiúscula ao ver como me abroncaba nun monólogo incomprensíbel. O que lle pedía era podermos falar con el e xa lle adiantaba que desde A Mesa entendiamos como un retroceso que non usasen o noso idioma. Da tensa conversa só me ficaron claras dúas cousas: a pésima imaxe que se conseguía con esa súa actitude e que, na verdade, só coas solicitudes se conseguen conquistas, por pequenas que sexan. Desde esa hora, o Twitter das Cancelas comezou a enviar algún chío en galego. Lamentabelmente, aínda que tamén no Facebook comezaron a pór tamén algunha mensaxiña no noso idioma, hoxe mesmo chegaron a falar de *Órdenes.

Outro dos argumentos que me usaba o xerente para non atender as nosas peticións era que xa estaban en contacto coa Xunta e que esta os apoiaba na postergación do uso do galego. Non vou facer comentarios sobre iso, porque sobran. Iso si, se tantos problemas técnicos había para usar o galego, por que foi posíbel que o comezasen a facer en Twitter e Facebook despois de ter a conversa comigo?

Se ti tamén queres evitar que se produzan retrocesos para o galego no comercio, participa na concentración diante do Centro Comercial As Cancelas o día 15 ás 12 h. Adiante!

12 de nov. de 2012

Léao, señor ministro!


Non sei se Jorge Fernández, o homófobo declarado que exerce como ministro do Interior, chegará a abrir as páxinas do libro que lle agasallei, e nin tan sequera sei se llo chegarán a pasar desde as dependencias do Ministerio. Oxalá sexa así, porque lle fai boa falta ter unha visión afastada dos dogmas de odio que tanto repite.

Deixo aquí algunhas ligazóns á acollida mediática que tivo o envío. Cando menos, púidose darlle algo de eco a estoutra visión das cousas:
Continuamos!

11 de nov. de 2012

Entre os 20 máis vendidos en Amazon. Grazas!

O novísimo libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez conseguiu posicionarse no top 20 dos volumes máis vendidos na nosa lingua tal e como os recollen Amazon, que penso que é unha das poucas clasificacións que existen nestes momentos para o galego tendo en conta a demanda; a das vendas, con certeza, non é máis que unha das posíbeis clasificacións.

A boa recepción que está a ter nestes primeiros días Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez éncheme de alegría, pois un sempre quere que o que escriba poida chegar.

Continuamos!

9 de nov. de 2012

Un agasallo para o ministro do Interior


Poño aquí o comunicado da editora, Sotelo Blanco, recollido en medios como Praza Pública:



Agasallan un exemplar do libro Amigos e sodomitas ao ministro do Interior, “porque a ignorancia se pode sandar lendo”

Carlos Callón: “Se os matrimonios homosexuais fosen unha invención contemporánea, a ver como se explica por exemplo o documento de unión entre Pedro e Muño en 1061 en Galiza”

“O pecado de sodomía non figura entre os dez mandamentos, non existía nos mil primeiros anos de historia do cristianismo e non aparece nin unha soa vez nas prédicas do seu mesías”

A pesar de que para moita xente a recente ratificación dos matrimonios homosexuais supón unha novidade histórica, no libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, escrito por Carlos Callón e editado por Sotelo Blanco, amósase con moita documentación que esa é unha idea errada. “O problema é que a homofobia adultera a historia deliberadamente”, apunta o autor, que achega información no seu traballo, por exemplo, do matrimonio homosexual máis antigo do que se conserva documento na Península Ibérica: a unión entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz o 16 de abril de 1061. Porén, “que sexa o máis antigo do que se conserva documento non quere dicir que fose o máis antigo que existise, pois tamén temos outros testemuños, como lápidas, referencias literarias, etc.”, e nese sentido lembra que hai inscricións funerarias da Antigüidade romana que xa sinalan os nomes de dous varóns e a súa relación como “cónxuxes”.

Segundo Callón, “os medos que podemos escoitar hoxe desde voces como a do ministro do Interior remontan na realidade a unha intolerancia que nace nos últimos séculos da Idade Media”. Por iso considera “moi necesario” que “xente como o ministro Jorge Fernández sexan capaces de superaren ese odio irracional contra o diferente e que se decaten de que, por exemplo, a mensaxe de Xesús Cristo contida nos Evanxeos non ten nada a ver coa homosexualidade, polo que non vale fundamentar a homofobia niso”. “O pecado de sodomía non figura entre os dez mandamentos, non existía nos mil primeiros anos de historia do cristianismo e non aparece nin unha soa vez nas prédicas do seu mesías”, apunta.

Con ese fin, este activista cultural decidiu ofrecerlle un exemplar do seu libro ao ministro do Interior, “pois a ignorancia sándase lendo e, coa lectura, tamén se poden desterrar moitos prexuízos”.

No libro Amigos e sodomitas, gañador dos premios Vicente Risco de Ciencias Sociais e Fervenzas Literarias de Ensaio, explícase a través de documentación medieval, sobre todo galega, como é posíbel que ese pecado apareza no século XI e acabe por gañar tanto protagonismo “até o punto de que a Igrexa Católica actual non saia á rúa contra a pobreza ou a exclusión, das que si falou moito Xesús Cristo, e si se manifeste moitas veces, de forma mesmo histriónica, contra a posibilidade de que teña de novo pleno recoñecemento xurídico a unión entre dúas mulleres ou entre dous homes”.

Outras das novidades que se presentan no libro Amigos e sodomitas é unha remozada análise das opcións sexuais na prosa galego-portuguesa e no trobadorismo peninsular medieval, que inclúe a atención a unha cantiga de amigo entre dous homes no século XIII, da autoría de Rodrigo Eanes de Vasconcelos, ou a sátira onde se fala dunha relación lésbica entre Sancha e María, en Santiago de Compostela na rúa da Moeda Vella, tamén do século XIII.

8 de nov. de 2012

Xa me contaredes


Este que acaba de chegar é xa o quinto libro que publico, mais así e todo produce unha ledicia renovada ver  encadernadiño e dispostiño aquilo que un día escribiches. Penso que esa sensación non se ten cos libros electrónicos, aínda que supoño que será algo semellante a cando por fin dás terminado un traballo ao que dedicaches tempo e esforzo.

Alégranme tamén moitísimo os primeiros comentarios que comezo a recibir sobre a obra e a enorme xenerosidade con que foi compartida no Facebook a imaxe da cuberta. Unha cuberta, como lembraredes, que se escolleu o pasado mes de setembro nunha votación neste blogue, polo que é un pouquiño das 252 persoas que participastes. Moitísimas grazas!

O meu desexo, con certeza, é que este sexa un libro útil. Xa me contaredes se foi así. Se non o dei conseguido, cando menos fíxeno porque sei que, sen dúbidas, si é necesario.

Continuamos!

30 de out. de 2012

A situación lingüística de Galiza, en TV3

Dentro dunha serie de pequenas reportaxes sobre a situación de Galiza diante das eleccións autonómicas, a televisión autonómica de Cataluña cubriu unha conferencia de imprensa de Queremos Galego e interesouse pola nosa visión das cousas. Podedes ver a noticia se clicades enriba da imaxe.

É moi diferente a actitude do medio público catalán da que mantén a TVG, que en todo o ano 2012 só sacou unha única vez, hai xa meses, unha noticia de Queremos Galego, a plataforma unitaria que agrupa a máis de 700 entidades. Talvez para demostraren que son plurais, dirán que tamén en todo 2012 sacaron outra da Mesa. A pesar de que A Mesa pola Normalización Lingüística é, a pesar das moitas dificultades, a maior asociación cultural de Galiza, polos medios dependentes do PP podería parecer que deixou de existir.

A pesar desas formas tan pouco democráticas de procederen, non teñades dúbida de que non nos calarán!


29 de out. de 2012

Xa na túa libraría ;)


Se aínda non chegou, nos próximos días si estará xa na túa libraría o me último libro, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Xunto co título Do G ao Z, do compañeiro Manuel Veiga, inaugura unha nova colección de Xerais de título provocativo e de prezo máis asequíbel: LibroX. Mais non pensedes mal, porque estes dous volumes son para todos os públicos.

Desexo que vos interese e que vos sexa útil. Xa me contaredes!

22 de out. de 2012

Hoxe aínda facemos máis falta

Non veñen tempos doados. Temos unha Galiza cada vez máis desgaleguizada, a mordaza mediática é cada vez maior, o empobrecemento aumenta... No día de hoxe non se poden dar boas novas, é certo, mais tamén temos que saber afrontar estes tempos difíciles, pensar construtivamente sobre onde están os erros e como corrixilos, erguer a cabeza e actuar.

Gañar ou perder unhas eleccións non fai que as mentiras se convertan en verdades, que as actuacións ilexítimas se tornen lexítimas, nin transforma as causas xustas e necesarias en causas perdidas. Hoxe, coma onte, creo que Galiza é unha nación e que precisa autogobernarse, creo na plenitude de dereitos lingüísticos para o galego, creo na sanidade e no ensino públicos, creo na liberdade de expresión e na pluralidade informativa... Creo en todo iso, mais sei que hoxe é máis necesario do que o era onte que todas as persoas que acreditamos niso continuemos adiante. Eu estarei aí e quero estar contigo, porque virá o albor dun novo día.


16 de out. de 2012

O 18 pola mañá, con Quico Cadaval

Esta quinta feira (xoves) 18 de outubro, ás 12 h, participarei con Quico Cadaval nunha mesa redonda organizada pola Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Pedíronme que falase durante uns vinte minutiños sobre por que(n) e para que(n) escribín os meus ensaios, tanto os de temática lingüística (En castellano no hay problema, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez) como os que son resultado de pesquisas histórico-literarias (Unha historia que nos pertence: A obra poética en galego de Lorenzo Varela e Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media).

Para min é unha alegría moi grande compartir mesa con Quico Cadaval. Non só porque sexa o seu fan, senón porque el é O Carreirán e, eu, no fondo, tamén son medio carreirán, pois meu pai pasou a súa infancia no lugar de Laxes, nesa parroquia de Ribeira.

En fin, se quixerdes e puiderdes, estades convidadas/os!

Aproveito tamén para animarvos a que aproveitedes cada minutiño que resta da campaña para traballar arduamente co obxectivo de lle retirarmos a maioría absoluta ao PP. Non vos deixedes contaminar polas megafonías do PP. Abofé que podemos deter o peor goberno da historia autonómica de Galiza.


15 de out. de 2012

12 de out. de 2012

Protesta contra a manipulación informativa da CRTVG!

Enviemos todas e todos un texto como o que se indica a acontinuación ao enderezo dx@crtvg.es, pertencente ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. A proposta provén dunha campaña presentada hoxe pola Mesa.

Prezado señor Sánchez Izquierdo:

O pasado día dez de outubro, A Mesa pola Normalización Lingüística presentou un informe sobre a situación do ensino en galego na educación infantil das nosas cidades. Segundo este relatorio, que en ningún momento foi negado polo Goberno galego, nos últimos anos produciuse unha caída en picado do uso do noso idioma: só 3% deses centros declaran impartir na lingua de Galiza, o cal resulta a porcentaxe máis baixa da nosa historia autonómica e tamén moitísimo máis baixa que en ningunha outra comunidade autonóma con idioma propio diferente do español.

Estes datos saíron en todos os medios de comunicación de Galiza e en varios de fóra do noso país, porén foron censurados nos informativos da Radio Galega e da TVG, igual que se censura ou manipula todo posicionamento que sexa diverxente ás teses do Partido Popular (en todo o ano 2012, por exemplo, a TVG só cubriu unha única conferencia de imprensa da Mesa pola Normalización Lingüística, a maior asociación cultural de Galiza). É rechamante que tanto o mesmo día 10 de outubro como o 11 de outubro, a pesar de que censurasen esta información, si servisen de megafonía a declaracións de José Ignacio Wert como de Alberto Núñez Feijóo sobre a lingua do ensino en Cataluña.

Nun momento como o actual, en que a nosa nación se encontra en plena campaña electoral, é máis importante que nunca que a sociedade galega poida contar cunha información diversa, plural e veraz nos medios públicos autonómicos. Reclámolle por todo iso que tome as medidas precisas para garantir esa diversidade, pluralidade e veracidade e que, como primeiro e significativo exemplo desa mudanza, pase a ofrecer o debido espazo nos informativos a este estudo sobre a caída do ensino no noso idioma na educación infantil debido ao goberno de Alberto Núñez Feijóo.

Cumprimentos cordiais,