30 de jan. de 2012

Por se vos apetecer ler


Hoxe vou facer unha desas entradas xerais onde inclúo temas variados que me parecen de interese. Comezo cun recomendábel artigo de Xoán Carlos Garrido Couceiro sobre Castelao. Aconsélloo, primeiro, pola súa utilidade para o presente; segundo, porque como estou a terminar de escribir o libro sobre Valentín Paz-Andrade (cantor e biógrafo de Daniel), son temas sobre os que me estou a debruzar moito nos últimos meses e que terán novo protagonismo neste Día das Letras, e, terceiro, porque hoxe é o aniversario do nacemento do líder nacionalista.

Tamén vos recomendo a lectura dos outros textos que aquí inclúo: un caso de represión lingüística grave no Reino Unido, unha reflexión sobre os conceptos galeguismo / nacionalismo, unha clara análise da mudanza na secretaría xeral de Política Lingüísica e por último, dúas boas novas para o noso idioma.

28 de jan. de 2012

Pola unión

Pola unión

Non é en honor do Patrón
que esta noite cantar veño.
Anque a teña ó Santo,
teño á Patria máis devoción.
Eu, polo si ou polo non,
cos santos quero estar ben;
mais quero estalo tamén
coa terra en que fun nacido:
solo unha Patria hai na vida
e santos hai máis de cen.

Canso de evanxelizar
e facer no mouro estrago,
hai tempo que está Santiago
da santa gloria a gozar.
Con non menos batallar
contra todo mal goberno,
Galicia a un suplicio eterno
decote está condenada,
e pídenos, desolada,
que a libremos dese inferno.

É tan grande o seu penar,
máncana tantos abrollos,
que coas bágoas dos seus ollos
coido que foi feito o mar.
Diante o trono e diante o altar
contra o seu mal pide acordo;
mais sin piedá nin remordo
do seu dolor, nunca escaso,
os homes non lle fan caso,
e Dios permanece xordo...

¡Ti solo, Galicia Santa!
¡Ti, que no antigo señora,
escrava ximes agora
dos caciques baixo a pranta!
Véndote entre pena tanta,
os teus bravos fillos ¿que fan? ...
¿En que pensan?, ¿onde están,
que non collen os fouciños
e botándose ós camiños
a redimirte non van?

Arregañados os dentes,
uns cos outros agarrados,
revoltos i enfurruñados,
semellan a cans doentes.
¡Nas propias carnes os dentes
engarran, sin compasión,
e despreceando a razón
que toda xenreira borre,
i esquecen súa Nai, que morre
chea de infamia e baldón!

Todo pra ser grande e forte
se une, xunta e reconchega:
quen á discordia se entrega
vai direito cara á morte.
Non agarde millor sorte
quen fomente divisiós;
que a unión de tódolos bos
é lei de tan alto alento
que pra estar no Sacramento
¡hastra a ten que cumplir Dios!

Galegos que me escoitades,
galegos que a verme vides
hoxe de eiquí non saídes
sin face-las amistades.
Das nosas debilidades
o diaño non se ha de rir.
Vámonos todos a unir,
matando rencores cegos;
¡que na unión dos bos galegos
está da patria o porvir!

(Manuel Curros Enríquez)

25 de jan. de 2012

Conseguímolo! Conseguíchelo!

Lograr que unha discriminación non pase desapercibida e sexa contestada xa é un éxito. Eliminala (aínda que sexa de momento) xa é un exitazo.

Parabéns para todas e todos!

24 de jan. de 2012

Na rede entrego os dedos

Oráculo

Na palma dunha man hai máis espacio
que memoria no centro dunha chama.
Na rede non coñezo a quen me escribe.
Na rede entrego os dedos,
pero custodio a palma das dúas mans.
Na rede a miña casa é o alfabeto,
pero detrás do texto hai unha chama.

(María do Cebreiro)

23 de jan. de 2012

A ANPA Agromar Agolada tamén recomenda Como defenderes os teus dereitos lingüísticos


Moitas grazas á asociación de nais e pais Agromar do colexio de educación infantil e primaria de Agolada por lle daren forza, a través do seu blogue, ao libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.

Hai unha parte da obra que xustamente vai destinada a todas as familias con pequenas e pequenos en idade escolar, polo que me alegra máis saber que, cando menos nalgúns casos, están a chegar as propostas que nesas páxinas se indican.

Hoxe continúa a presentación deste libriño no Barco de Valdeorras. Será ás 20 h na biblioteca Florencio Delgado Gurriarán, con Manuel Agra, profesor do IES Martaguisela. Así e todo, os da Mesa andaremos antes polo Barco, pois os compañeiros e compañeiras da zona quixeron que fose un serán de organización na localidade en defensa do noso idioma. Ás 18.30 h. haberá unha asemblea aberta no edificio multiúsos, na praza do Concello. Se puideres, participa!

Continuamos!

22 de jan. de 2012

Recomendación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos no CPI Progreso de Catoira. Grazas!

O blogue Lectura Literaturo do CPI Progreso de Catoira iniciou as súas actividades de recomendación de libros para o curso escolar 2011/12 co manual Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.

Obrigado ao profesor Armando Requeixo, que aparece na fotografía, e ao conxunto da comunidade educativa que realiza esta interesante actividade de dinamización lectora.

Algunhas profesoras e algúns profesores, de diferentes centros, coméntanme que este libro, para alén da súa dimensión práctica, lles está a resultar útil nas aulas. O motivo principal é que antes de cada proposta de acción hai tamén unha "radiografía" sintética da situación do galego en cada sector. Alégrame moitísimo que tamén nese aspecto se lle tire rendibilidade para a reflexión.

O libro continúa tamén coa súa xira de presentacións. A vindeira será mañá, 23 de xaneiro, ás 20 h. na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco, co compañeiro Manuel Agra, profesor do IES Martaguisela. Mais lembra que, se puideres, unha horiña e media antes, ás 18.30 h., temos tamén asemblea aberta da Mesa en Valdeorras. Será no edificio multiúsos, na praza do Concello.

Continuamos!

Non calaremos a boca na defensa do noso idioma!

21 de jan. de 2012

"Si pides firmar en gallego no te operamos"


A Mesa enviou onte un comunicado sobre un gravísimo caso de discriminación lingüística acontecido en Vigo. Un paciente que ía ser operado no Hospital Nosa Señora de Fátima pediu que o consentimento informado que tiña que asinar estivese no seu idioma. O hospital é privado, mais ten un convenio co SERGAS.

A resposta que recibiu o doente foi que non tiñan o documento en galego nin tiñan por que telo. Total, nin que o hospital estivese en Galiza! Total, nin que reciban montes e moreas de diñeiro público do Goberno galego! Por que ían ter eles que garantir os dereitos para uns cidadáns de segunda, cuxo idioma non merece figurar en ningures?

O home afectado pola discriminación, cunha actitude exemplar para todas e todos nós, mantívose firme na súa exixencia. Como non ía ao rego, desde o Hospital chegaron a ameazalo con que se continuaba coa súa petición de asinar un documento en galego non o operarían.

É demasiado. Por fortuna, o doente non só non calou, non só non permitiu que lle vulnerasen os seus dereitos, senón que puxo o caso en coñecemento dunha avogada e da Mesa pola Normalización Lingüística, da cal é membro.

A asociación exixiu á Consellaría de Sanidade unha inmediata investigación que se traduza de contado na aplicación das medidas para garantir que o uso do galego polas ou polos doentes non se teña que ver convertido sempre nunha auténtica carreira de obstáculos, e menos perante situacións tan delicadas como unha intervención cirúrxica.

A maior asociación cultural de Galiza reclamou tamén á consellaría dirixida por Rocío Mosquera que, mentres existan os concertos con centros médicos privados, Sanidade actúe para garantir os dereitos lingüísticos, tanto dos doentes como do persoal, e para que a lingua propia de Galiza deixe de ser unha lingua de segunda no ámbito sanitario.

A Mesa, por último, anima a todas as persoas sensibilizadas coa diversidade lingüística e cultural e contrarias a calquera tipo de discriminación a dirixiren correos electrónicos á dirección do Hospital Nosa Señora de Fátima para lles recordar que o galego é un idioma oficial e que na nosa sociedade xa non teñen cabida comportamentos discriminatorios coma este.

O correo é: hospitalfatima@hospitalfatima.nehos.com

20 de jan. de 2012

Vémonos no Barco!


As compañeiras e os compañeiros da Mesa do Barco convidáronme esta segunda feira (luns), 23 de xaneiro, a participar en dous actos. Primeiro, nunha asemblea aberta ás 18.30 h no salón de actos do edificio multiúsos, na praza do Concello, na cal se dará un novo pulo á asociación na comarca.

A continuación, ás 20 h., prepararon a presentación, na biblioteca Florencio Delgado Gurriarán, do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, que estará presentado por Manuel Agra, profesor do IES Martaguisela.

Continuamos!

19 de jan. de 2012

O galego e Valentín Paz-Andrade

A editora Galaxia convidoume a escribir un artigo para o seu blogue e aproveitei a ocasión para incidir na manipulación que se está a producir sobre o pensamento lingüístico de Valentín Paz-Andrade:

"O galego e Valentín Paz-Andrade"

Presentouse a páxina oficial da figura que habemos homenaxear nas Letras de 2012. Para abraio de quen lese a súa obra, as únicas palabras de Paz-Andrade que se salientan en todo o web son estas: “O bilingüismo non é ningún mal. Pol-o contrario é progresivo, mentras o monolingüismo é regresivo… O bilingüismo, e máis se foi adquirido no cedo- predispón ao plurilingüismo, eisixido de cote na vida e as sociedades modernas”.

A cita é estraña. Calquera persoa que se achegue aos ensaios culturais de Don Valentín verá que se cuestiona que en Galiza haxa bilingüismo, un ideal de igualdade xurídica e equilibrio social para o idioma “propio” e “marxinado”. El prefire falar de “superimposición” do español sobre o galego, que non ten nada a ver coa cooficialidade subalterna da Autonomía nin cos retrocesos que hoxe promociona o poder cos rótulos “bilingüismo” ou “plurilingüismo”.

O centro das súas análises e propostas van porén, noutro camiño, o que sinala o título do artigo de onde se extractan as súas palabras: “A evolución trans-continental da lingua galaico-portuguesa”. É aí onde sempre fai énfase: Galiza pode progresar, sobre todo na economía, se acredita no seu idioma e tende pontes co sistema internacional que orixinou.

O pensamento lingüístico de Paz-Andrade é útil e aproveitábel para o presente. Coñezámolo. Divulguémolo. Non toleremos a súa falsificación.

17 de jan. de 2012

Obrigado polo premio Fervenzas Literarias 2011 para Amigos e sodomitas!

Onte a páxina Fervenzas Literarias deu a coñecer os seus galardóns literarios anuais, a través do seu sistema de votación popular sobre o publicado ao longo de 2011.

Fico moi agradecido polo recoñecemento ao ensaio Amigos e sodomitas como mellor obra de ensaio e investigación do ano pasado e estou sorprendidísimo por ficar de segundo (detrás de Agustín Fernández Paz!!!!) na listaxe de "Autor de 2011". Grazas polo afecto e a consideración!

Na mesma categoría de ensaio, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos ficou de terceira finalista, detrás de Berrogüetto. O pulso da terra, de Fernando Neira, e (repeat to fade), de Rebeca Baceiredo. Obrigadísimo tamén pola distinción!

Parabéns a todas as outras obras, persoas e entidades premiadas. Polo que a min toca, non podo máis que reiterar o meu agradecemento.

A pesar do nefasto contexto en que nos encontramos, esta cultura está moi viva!

13 de jan. de 2012

Presentacións no Barco e en Betanzos de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

O día 23 de xaneiro presentarase o manual Como defenderes os teus dereitos lingüísticos no Barco de Valdeorras e o 3 de febreiro en Betanzos.

De momento vou dando as datas, para que o saibades as persoas que puiderdes estar interesadas; o resto da información sobre estes actos... ben axiña! ;)

12 de jan. de 2012

Valentín Paz-Andrade defendía as políticas contra o galego de Núñez Feijóo?

Ando estes días, entre outras moitísimas cousas, a ultimar un estudo sobre a obra literaria de Valentín Paz-Andrade. Cando me debruzara hai anos en profundidade sobre Lorenzo Varela (do que saíra o libro Unha historia que nos pertence) o seu nome aparecera en moitas ocasións.

Tanto daquela como nos últimos meses non é pouco o que lin sobre este autor. Nada que me fixera pensar que Paz-Andrade puidese ser un valedor de calquera acción política contra o galego, senón todo o contrario. El acredita firmemente en que Galiza ten potenciais sen desenvolver en diferentes ámbitos e, na súa cosmovisión, o galego(-portugués) é un dos factores para lograr a prosperidade (tamén económica) para o país.

Mais velaquí que o espazo web que se pode considerar "oficial" sobre Valentín Paz-Andrade, onde o logotipo máis grande que figura é o da Xunta de Galiza (non sei canta responsabilidade ten en todo isto, nin directa nin indirecta), destaca á esquerda, en toda a navegación polas súas diferentes páxinas, o seguinte texto do homenaxeado:

Habería que preguntarse que se quere dicir salientando estas liñas, como se o bilingüismo de que aí se falaba, en 1968 (co galego totalmente ilegalizado, prohibido en calquera esfera!), fose o mesmo que no ano 2011 (onde o "bilingüismo" é xustamente unha arma para argumentar o seu retroceso e desamparo). É tamén o mesmo a noción de plurilingüismo de 1968 que o "decreto do plurilingüismo" da Xunta?! Por que a escolla e magnificación destas palabras?

Chama tamén a atención que o artigo de que se saca non o intitulase Valentín Paz-Andrade como O porvir da lingua galega (ese é o título xeral do libro, de varios autores, en que se insire), senón "A evolución trans-continental da lingua galaico-portuguesa". Por que o título que lle puxo o propio Paz Andrade non serve? É casual que non se indique?

Reparemos, ademais, en que a idea forza que nesas páxinas se defende (igual que en moitos outros seus escritos) non é que o suposto bilingüismo sexa xenial, senón que o galego pertence a un sistema lingüístico máis amplo e que debe aproveitar tal oportunidade que se abre para o presente e futuro de Galiza se cre no seu idioma, o restaura para as diferentes funcións e mesmo lle dá uso internacional.

Parece que se practica agora con Paz-Andrade o mesmo exercicio que mesmo se chegou a usar con Castelao. Como nalgún texto o nado en Rianxo falou de "bilingüismo" para defender o galego nun momento en que este estaba perseguido e non era nin oficial... resulta que Castelao se converteu nun adaíl do "bilingüismo harmónico" de Fraga!

É vergoñosa tanta terxiversación, tanta manipulación. Non o consintamos.

11 de jan. de 2012

Amigos e sodomitas, nunha reportaxe no Brasil


A revista brasileira Carta Capital publicou unha reportaxe sobre a homosexualidade e a Igrexa onde se fai referencia ás análises e reflexións contidas no libro Amigos e sodomitas.

Moi obrigado á publicación e á xornalista, Cynara Menezes.

Podedes ver a información ao completo nesta ligazón.

10 de jan. de 2012

Un espasmo de luz incendia o bosque


Xa teño nas miñas mans o novo libro da xenialísima Pilar Pallarés, Leopardo son. Para abrir boca, déixovos o primeiro poema:

"Para que te serve esa cruel boca de fome?"
Esta inercia de non ser é a vida.
Soños de animal manso
que xa non venta o sangue
e zizaguea
nun rasto azul de pole e de insectos.

Até que á noite acordas coa memoria do tobo
e do peso da gacela no teu ventre:
un espasmo de luz incendia o bosque.

4 de jan. de 2012

O vídeo de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos no Culturgal

Déixovos aquí o vídeo pendurado pola xente de Redelibros sobre a presentación no Culturgal 2011 do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Desculpade que fale un pouco alto e ollando para os lados. Iso é porque o acto estaba no medio desa feira cultural tan concorrida e que daba as miñas respostas sobre todo pensando no público alí presente, non na gravación. Agardo que, así e todo, vos poida ser de interese. Xa me contaredes.

Obrigado a Culturgal, a Redelibros, a Teresa Cuíña e a toda a xente que, con consellos como os contidos neste libro, continuades a sementar o idioma galego no día a día!

2 de jan. de 2012

Entrevista n'A Voz de Barbantia



A asociación Barbantia, moi dinámica, ten desde hai tempo unha colaboración co diario La Voz de Galicia por medio do cal publican un suplemento mensual de carácter cultural chamado A Voz de Barbantia.

No número de maio de 2010 tiveron a amabilidade de publicar unha entrevista comigo sobre a situación do idioma, as propostas da Mesa, os traballos intelectuais en que andaba metido (como veredes, algún que anunciaba, como Amigos e sodomitas, finalmente xa puido ser realidade) e todas esas cousas. Obrigado ao Carlos Mosteiro (e ao Suso Laíño) pola entrevista e ao Leandro pola engrazada caricatura!

Continuamos!