29 de fev. de 2012

E, agora, psicofonías en español...


Foi esta noite. Pasaban algo das doce e viña conducindo desde A Coruña até Compostela. É estraña a semana en que non me toca facer un traxecto a esas horas, for por algunha cuestión persoal, por algunha reunión ou, sobre todo, pola intensa programación de actos.

Todas as emisoras que podo coller -sobra dicilo para quen viva en Galiza- están en español, coa única excepción da Radio Galega, a pública autonómica. Radiofusión e as diferentes emisoras municipais só as localizo nalgún punto, mais aos poucos minutos da viaxe xa se deixan de sintonizar. A Radio Galega Música, tamén autonómica, non a podo contar: quitado algún programiña, dáme que se escoita menos música en galego e portugués -e máis música en español- que Radio 3; é como non tela.

Na Galega a esas horas botan a diario un programa de parapsicoloxía, de xeito que o único que podo desfrutar no meu idioma nese momento son inxenuidades sobre os extraterrestres construíndo pirámides ou a moza da curva. Iso faime optar case sempre polos programas de RNE, que aínda -aínda- se manteñen máis dignos.

Cando onte perdía por momentos os "Afectos en la noche" de RNE deume por optar nalgúns momentos polo programa da Radio Galega. No espazo falábase de psicofonías que un home gravara en diferentes lugares emblemáticos de Galiza, como o castelo de Doiras.

Unha cousa estraña desas supostas voces fantasmagóricas era que disque estaban en español. Nunha escoitábase "lamamá", que talvez non houbese que interpretar como "la mamá" senón como "lama má", fronte a unha hipotética "lama boa" -sobra dicir que estou a brincar, verdade? -. Noutra que puñan explicaban que había que ouvir "me ahogo", aínda que o que na realidade se sentía era un "tlutlutlú" que cada un podería interpretar ao seu antollo.

Será que os defuntos falan castelán, como dicía Ánxel Fole?


Non podo concordar con que este tipo de espazos teñan tanto protagonismo na nosa radio, mais moito menos con que sirvan aínda para españolizar máis a nosa exigua presenza no dial.

Póñennos música e cultura en castelán por todos os cantos desde a RTVG, co argumento de que é a máis exitosa e entran así no argumento de peixe con rabo na boca. Xa é abondo ter que escoitar continuamente ao Manolo Escobar ou ao Melendi como para que agora tamén nos atacuñen con psicofonías en castelán! xD

27 de fev. de 2012

O web de Valentín Paz-Andrade corrixiuse

Hai un mes e medio criticabamos a manipulación do pensamento lingüístico de Valentín Paz-Andrade no web oficial que se lle dedicaría con motivo do Día das Letras 2012.

Todo o eco que recibiron estas queixas tivo o seu resultado, xa que na presentación que hoxe realizaron as institucións xa non figuraba o recadro terxiversador, senón outra cita, pertencente ao mesmo artigo:

Este extracto ten outros problemas diferentes do anterior: o libro de que se colle a cita non ten este título; ademais, é un volume colectivo e o título que figura non é o do seu artigo... E, sobre todo, que non se sintetizan nestas palabras collidas case ao chou o que é o núcleo do programa lingüístico-cultural de Valentín Paz-Andrade. Este tipo de erros son pouco presentábeis nun traballo conxunto da Academia Galega, do Consello da Cultura Galega e da Xunta; mais, cando menos, non nos encontramos aquí coa manipulación burda que nun inicio se realizaba.

Agora tócanos aproveitar a dedicatoria das Letras 2012 para divulgar todo o posíbel na sociedade que era o que dicía, que era o pensaba e como era que actuaba a respecto da nosa lingua Valentín Paz-Andrade. Para ese obxectivo agardo ofrecer axiña algúns materiais que poden ser de utilidade, para o coñecermos mellor, para reflexionarmos a un tempo sobre o presente e... para nos pórmos mans á obra da plena normalización.

A Mesa convoca o premio Abertos ao Galego

Desde A Mesa demos a coñecer hoxe a convocatoria do premio Abertos ao Galego. Aínda que é un galardón pensado para distinguir empresas comprometidas co noso idioma, como podedes ver nas bases todas e todos temos o convite para enviar propostas.

Abrámonos ao galego! Consigamos que tamén máis xente se abra ao idioma que nos une!

26 de fev. de 2012

As catro próximas presentacións


Esta semana participo en tres presentacións de libros. Na cuarta feira, en Vigo, na Casa Galega da Cultura, será a vez de falarmos sobre Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.

O día despois, a libraría Pedreira de Compostela acollerá un acto sobre a obra Heroes de Galiza e España, que axudei a traducir e que supón un importante testemuño da resistencia antifranquista.

Na sexta, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos será de novo tema de conversa. Desta vez, en Ferrol, na Sociedade Galega de Historia Natural.

Comezarei a semana seguinte cun novo acto sobre este manual práctico para a revitalización do noso idioma. Será o 5 de marzo en Oleiros.

Se quixerdes e puiderdes, estades convidadas e convidados! Nas ligazóns tedes máis informacións sobre cada un destes eventos.

Continuamos!

25 de fev. de 2012

"Non masacrarei a cultura do meu país"

O título desta entrada foi unha das cousas que dixeron o conselleiro de Educación e Cultura e o presidente do Goberno galego (que grandísimos lles fican os cargos!) na comparsa reivindicativa que montou Queremos Galego de Ourense para este entroido.

Oxalá se aplicasen o conto de verdade!

24 de fev. de 2012

Galiza en festa


Hoxe é un día de moitísimos actos en toda Galiza. Por unha banda, para festexarmos a Rosalía en concreto; ademais, especificamente sobre o idioma hai un acto de Queremos Galego en Marín e da Mesa en Soutomaior.

No mesmo sentido, este serán en Ourense presentarase o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Será ás 20.30 no Museo Municipal (rúa Lepanto, 8), coa compaña de Rut Reza e de Xosé Lois González O Carrabouxo. Antes, ás 19 h, participarei nunha tertulia cultural na cadea Ser de Ourense.

Viva a nosa cultura viva!

23 de fev. de 2012

Señor alcalde, queremos galego!

Esta mañá estiven cun grupo de catro veciñas de Compostela nadas fóra de Galiza. Dúas proceden da Bretaña, unha da Arxentina e outra de Cataluña, mais as catro saben falar en galego, deféndeno e queren que o alcalde de Santiago tamén o utilice.

Aproveitamos a data de hoxe por ser tamén un 23 de febreiro cando, en 1936, Ánxel Casal fixo historia para o noso idioma: foi o primeiro alcalde contemporáneo que falou en galego nun acto institucional; ademais, comezou a usalo nada máis ser elixido para o cargo e nun momento en que a lingua de Galiza aínda non tiña ningún recoñecemento xurídico.

Oxalá non só Xerardo Conde Roa, senón todas as alcaldesas e alcaldes da Galiza de hoxe, tomen exemplo do compromiso ético e cívico de Ánxel Casal.

22 de fev. de 2012

Os alcaldes democráticos de Compostela falaron en galego desde Ánxel Casal

Ya en la presidencia el nuevo Alcalde pronuncia en gallego unas breves palabras agradeciendo el honor que con el cargo recibía y anunciando la imparcialidad con que lo ejercería.
Así recolle a acta do Concello de Santiago de Compostela o momento en que, por vez primeira na Idade Contemporánea, un alcalde fixo uso institucional e solemne do idioma propio de Galiza. Era o 23 de febreiro de 1936 e a nosa lingua aínda estaba proscrita de calquera uso oficial, motivo polo que xestos coma este cobran aínda unha maior importancia.

O alcalde nacionalista de Santiago de Compostela en 1936, asasinado poucos meses despois polos insurrectos, iniciou así unha tradición que tería continuidade décadas máis tarde. Todos os alcaldes democráticos da capital de Galiza usaron o idioma do país no exercicio dos seus cargos. Mellor dito, isto foi así até Xerardo Conde Roa, que na actualidade despreza o galego de xeito consciente e meditado, mesmo en actos protocolarios onde os representantes doutras institucións si o usan.

Por ese motivo, mañá pola mañá estarei cun grupo de veciñas e veciños de Compostela que lle van pedir ao alcalde que use a lingua galega. Non lle poderemos trasladar a petición directamente porque, a pesar de que ten a solicitude de entrevista entregada por rexistro desde hai meses, non quere nin recibirnos. Rechamante proceder de quen xa tivo tempo para intercambiar opinións e complicidades cunha entidade que ten como único e lamentábel motivo da súa existencia atacar o galego.

As veciñas e os veciños con quen estarei mañá, ademais de faceren entrega dun escrito, deixarán tamén o seu propio testemuño de vida: son persoas procedentes de fóra de Galiza (Arxentina, Francia, Cataluña...), mais que saben galego, queren usalo e consideran que o alcalde de Compostela tamén debería dar exemplo na defensa do noso. Non é tanto pedir!

20 de fev. de 2012

19 de fev. de 2012

Presentacións en Ourense, Vigo e Ferrol de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos


Ourense

24 de febreiro ás 20.30 h.

Museo Municipal (rúa Lepanto, 8).

Coas intervencións de Rut Reza, Xosé Lois González O Carrabouxo e Carlos Callón.

Colabora a libraría Torga.

Ligazón para o evento no facebook.


Vigo

29 de febreiro ás 20 h.

Casa Galega da Cultura (praza da Princesa).

Coas intervencións de Elsa Quintas, Pepe Carreiro, Manuel Bragado e Carlos Callón.

Ligazón para o evento no facebook.


Ferrol

2 de marzo ás 20.30 h.

Sociedade Galega de Historia Natural (Casa do Coronel – Praza de Canido, s/n).

Coas intervencións de Xaquín Campo, Carlos Outeiro e Carlos Callón.

Ligazón para o evento no facebook.

18 de fev. de 2012

Agasalla un libro en galego e unha flor

Este 24 de febreiro fanse 175 anos do nacemento da primeira e principal pluma da nosa literatura contemporánea: Rosalía de Castro.

Para o festexar, a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega ten a feliz iniciativa de nos convidar a que agasallemos un libro en galego e unha flor. Eu vouno facer e convídote a que ti tamén o fagas.

17 de fev. de 2012

Amigos e sodomitas: da Laracha á Coruña

Velaquí algunhas fotos do acto na libraría Como Unha Novela. Penduro varias das prateleiras, porque a verdade é que ficaron moi divertidas!





A próxima presentación deste libro será no Alfaiate da Coruña, mais nunha data aínda por fechar.

No que di respecto a Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, as próximas presentacións serán o 24 de febreiro en Ourense, o 29 en Vigo e o 2 de marzo en Ferrol.

Continuamos!

16 de fev. de 2012

Entrevista na Cadea Ser

A partir do minuto 16 podedes escoitar aquí a entrevista que a xornalista Aida Pena me realizou para a Cadea Ser Galiza no serán do pasado 14 de febreiro.

Hai moitos anos que, como presidente da Mesa, como portavoz de 4.000 galegas e galegos que conforman a maior asociación cultural de Galiza, non teño unha entrevista semellante, de nove minutos (nin de seis nin de catro nin de...), na Radio Galega.

Sirva esta entrada para agradecer a posibilidade fornecida para nos podermos expresar e podermos ofrecer tamén a nosa visión das cousas.

15 de fev. de 2012

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e Amigos e sodomitas, finalistas nos premios da Asociación Galega de Editores


A Asociación Galega de Editores deu a coñecer os libros finalistas para os seus premios anuais. Os meus dous traballos publicados en 2011, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e Amigos e sodomitas, son finalistas na súa sección, Premio Ánxel Casal ao Libro de Non Ficción. Se finalmente algún deles leva ou non o premio saberase na Noite da Edición en marzo.

En calquera caso, e de verdade que non é retórica baleira, para min xa é galardón toda a atención que están a recibir estes volumes. Ambos, coas súas notorias diferenzas, escribíronse para axudar a que exista unha sociedade máis libre e máis igualitaria. Coas viraxes do mundo e de Galiza nestes meses, penso que poden ser máis útiles e necesarios; ou cando menos esa foi a pretensión.

Parabéns igualmente para todas e todos os finalistas nas diferentes seccións, coas súas plurais e ricas achegas á / desde a nosa cultura!

Continuamos!

Porque hai un pracer perverso en crer merecelo todo



Unha das mellores cancións do Silvio Rodríguez:

"Ese hombre"

Ese hombre
que por hechos o por dichos
es respetado tanto.
Ese hombre
que por dichos o por hechos
es festejado tanto.

Debiera olvidar
que casi iba solo
cuando desnudó
aquella emoción
que ahora es de todos.

Debiera olvidar
que casi iba solo
cuando conquistó
el cetro que hoy
le ciñen a coro.

Ese hombre
que por hechos o por dichos
es escuchado tanto.
Ese hombre
que por dichos o por hechos
es contemplado tanto.

Recuerde porqué,
porqué es que le quieren.
Recuerde que ha partido de sí
en pos de otros seres.

Recuerde porqué,
porqué es que le quieren.
Recuerde que dar
con una razón
alumbra deberes.

Ese hombre
que por hechos o por dichos
es amado tanto.
Ese hombre
que por dichos o por hechos
es alabado tanto.

Se cuide de sí,
se cuide de él solo.
Porque hay un placer
perverso en creer
merecerlo todo.

Se cuide de sí,
se cuide de él solo.
Porque el mismo don
que lo levantó
puede ahogarlo en lodo.

Se cuide de sí,
se cuide de él solo,
porque el mismo don
que lo levantó
puede ahogarlo en lodo.

14 de fev. de 2012

Dúas imaxes para o San Valentín


A primeira imaxe, de Luís Davila, é por se tedes parella e vos botar en cara que non lle comprásedes nada polo sanvalentín.

Na segunda estamos Fran Rei, Iria Taibo e eu despois de entregarmos esta mañá un escrito no rexistro da Xunta. Aproveitamos o festexo do Día dos Namorados e das Namoradas para lle pedir ao presidente do Goberno galego que queira un pouquiño o galego e que o demostre a través de feitos. É lamentábel que nos seus case tres anos á fronte da Xunta, Alberto Núñez Feijóo non promovese nin un só adianto para o noso idioma.

Mais, parafraseando ao grandísimo Uxío Novoneyra, hoxe lembramos máis unha vez que

a forza do noso amor non vai ser inútil!

Da nosa posición na vida somos sempre responsábeis


Este artigo de Manuel Fernández Blanco ten xa algún tempo, como podedes ver no último parágrafo, mais paréceme o suficientemente actual, útil e aproveitábel para diferentes cousas como para non pólo no blogue. A tradución ao galego é responsabilidade miña; a versión orixinal podedes consultala aquí.

"A fama, pecado mortal", Manuel Fernández Blanco

Até non hai moito tempo a fama uníase ao prestixio, por iso se podía ter boa ou má fama. Actualmente a fama independizouse do prestixio e pasou a ser un valor en si mesma. Escoitamos a miúdo dicir dalguén que “é un famoso”, como signo de identidade, en ausencia de calquera mérito ou atributo especial. A estes personaxes, ao contrario do que podería parecer, tamén lles pesa a fama e, en moitos casos, o seu deterioro físico ou anímico, ou a súa morte prematura, dan proba diso. A fama inconsistente só pode realizarse a costa da degradación do suxeito, que acaba con frecuencia convertido nun desfeito de si mesmo.

En xeral a fama na súa dimensión máis mediática está ligada á sociedade do espectáculo. É máis fácil ser famoso como actor, cantante ou deportista de elite, que como científico ou escritor. Moitos destes famosos quéixanse do peso da fama, mais os psicanalistas sabemos ben que aquilo do que alguén se queixa pode ser, ao mesmo tempo, o máis procurado. Da nosa posición na vida somos sempre responsábeis. Ninguén sofre as penalidades da fama se non quere ser famoso.

A menor consistencia persoal, máis dependencia da fama. A identificación narcisista a unha imaxe exitosa constitúe unha trampa mortal xa que, cando esa imaxe se quebra, cando o espello reflite outra realidade, o famoso xa non ten nada en que sosterse. Lembremos como Greta Garbo se retirou do mundo do cinema aos 36 anos, e se recluíu no seu domicilio até a súa morte aos 84 anos, para impedir que a fotografasen cando xa non podía presentar ao mundo o rostro máis perfecto.

Hai uns días, Michael Jackson entregouse á morte. Fíxoo cando o mundo enteiro estaba á expectativa do seu regreso aos escenarios. Talvez este artista xenial temía non estar á altura do seu pasado, da súa propia imaxe ideal, determinada polo imperativo paterno de suceso e de perfección. Jackson é un bo exemplo de como a escravitude narcisista á imaxe e á fama pode esconder en anamorfose, como no cadro Os embaixadores de Holbein, a caveira que representa a morte escondida como vaidade. A fama pode ser un pecado mortal.

12 de fev. de 2012

Un dos mellores poemas de Valentín Paz-Andrade

Este domingo vouno dedicar a reler e reescribir algunhas páxinas do estudo sobre a obra de Valentín Paz-Andrade que moi axiña entrará no prelo.

Por iso aproveito para deixar aquí un dos que, para min, é dos mellores poemas que compuxo. Pertence ao Pranto matricial, unha sentida elexía a Daniel Castelao, morto no exilio e cuxa obra e ideoloxía foron perseguidas de xeito atroz polo franquismo.

11 de fev. de 2012

Auto de fe

O estraño xuízo que onte comezou contra min, como presidente da Mesa, acentúa cada vez máis os seus trazos de disparate.

É moito que o maxistrado Antonio Fraga Mandián denuncie todas as persoas que lle recordamos que ten que cumprir a Lei de normalización lingüística, como el xa sabe que debería facer. Mais resulta tamén algo cómico (por non procurar outros adxectivos) que todo este proceso sexa nun xulgado onde o que me denuncia é... o propio decano.

Onte o xuízo suspendeuse porque o meu avogado recusou a maxistrada, ao entender que non se respectaban as garantías procesuais. Hai seis meses para que se retome toda a parafernalia xurídica e eu volva sentar no banco dos acusados, disque acusado de inxuriar o denunciante por lle replicar, con toda corrección, as súas manifestacións contrarias a esta Lei de desenvolvemento básico do Estatuto.

Pola miña banda, só podo agradecer máis unha vez as numerosísimas mostras de apoio que me fixestes chegar ao longo destes días. Podedes estar certas e certos de que chega o voso alento e que nin eu nin o resto das compañeiras e dos compañeiros da Mesa pola Normalización Lingüística cesaremos na nosa cívica, xusta e democrática actividade en defensa do noso idioma. Os obstáculos non son poucos, mais entre todas e todos poderemos ilos vencendo.

Por moitas criminalizacións e mentiras que haxa, por moitos autos de fe que nos organicen por mor da lingua -como apuntaba onte Manuel Rivas-, non nos calarán. Non nos calarán porque, como subliña moitas veces Xabier P. Docampo, a quen tamén onte puiden abrazar, temos a razón e dicimos a verdade.







9 de fev. de 2012

Xustiza


Varios dos apoiantes do manifesto "Queremos xustiza para a nosa lingua" presentárono esta mañá na Coruña. Clamaron contra a criminalización da defensa do galego; reclamaron o pleno cumprimento da Lei de normalización lingüística, e animaron a participar mañá ás 12 h na concentración que se vai desenvolver xusto antes do comezo do xuízo, no Xulgado de Instrución Nº 2 da Coruña.

Por moito que haxa quen nos quixer silenciar ou meter medo, non calaremos perante as inxustizas contra o noso idioma!

Continuamos!

8 de fev. de 2012

Entrevista en Galicia Confidencial


Este xornal electrónico en galego realizoume unha entrevista que publica hoxe en portada. Nela interésanse sobre todo polo xuízo desta sexta feira, mais tamén dan espazo para outras cuestións de actualidade.

Podedes consultala aquí.

7 de fev. de 2012

Cousas de interese


- "Domingos Dosil Cubelo, un exemplo de superación persoal e de compromiso social", Manuel María Pena Silva.

- Reunión da Mesa en Lugo este día 9.

- A CIG anuncia a convocatoria dunha folga xeral nacional para a última semana do mes de marzo.

- A Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega realizou a súa asemblea anual.

- "Reformas educativas do PP, ou como fuxirmos do acomodo e a vagancia", Xoán Costa.

Aproveito tamén para lembrarvos que A Mesa continúa a recolle apoios para o manifesto "Queremos xustiza para a nosa lingua", a través do correo-e imprensa@amesanl.org

Ademais, no facebook hai os eventos para a concentración do día 10 pola mañá na Coruña, polo meu xuízo tras a denuncia do xuíz Antonio Fraga Mandián e, noutra orde de cousas, para a presentación ao serán do mesmo día 10 do libro Amigos e sodomitas na Laracha.

Non podo finalizar sen enviar un especial recordo para o compañeiro Domingos Dosil, exemplar en tantas cousas, tamén na defensa do noso idioma!

Continuamos adiante co teu exemplo!

3 de fev. de 2012

Tres citas


1) Hoxe ás 20.30 h no salón azul do Liceo Betanzos contrastaremos estratexias para conseguir adiantos para o noso idioma. Tomaremos como partida o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.

2) O día 10 ás 12 h A Mesa convocou unha concentración diante do Xulgado de Instrución Número 2 da Coruña (rúa Monforte, s/n), so o lema "Queremos xustiza para a nosa lingua".

3) O mesmo día 10 ás 20.30 h na Laracha presentarase Amigos e sodomitas na libraría Como unha novela.

Desde as ligazóns antes sinaladas poderedes acceder aos eventos que se crearon no facebook para cada un deses actos.

Continuamos! Abofé que continuamos!

2 de fev. de 2012

Quen será a próxima persoa denunciada por defender a Lei de normalización lingüística?

Reproduzo o manifesto que hoxe deron a coñecer os compañeiros e compañeiras da Mesa, polo xuízo do vindeiro 10 de febreiro e a criminalización das opinións e da defensa do noso idioma. Están a recoller apoios para o mesmo a través do correo-e imprensa@amesanl.org.

Vista xa toda a marea de adhesións que chegaron en escasísimas horas, penso que quen quere denunciar a todas as persoas que defendan a nosa lingua vai ter un traballo moi arduo por diante.

Sabemos que defendemos algo xusto, sen pedir que se lle retire ningún dereito a ninguén, senón podermos exercer nós os nosos dereitos. A quen incomoda tanto que defendamos o noso? Non calaremos!
Queremos xustiza para a nosa lingua
Non á criminalización da súa defensa!

O dereito a podermos vivir en galego en Galiza encóntrase cada vez máis desamparado. Por unha banda, as administracións que teñen a principal encomenda de velar pola defensa do noso idioma, como é o caso da Xunta, non cumpren co seu deber e realizan inxustísimas políticas na súa contra. Ademais, a pouca lexislación que existe para garantir os nosos dereitos lingüísticos é vulnerada.

Desde 1983, a Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento galego, recoñece que os nosos nomes de lugar teñen como única forma oficial a xenuína, a galega. Diferentes sentenzas e ditames xudiciais déronlle unha e outra vez a razón a toda a xente que se mobilizou, de xeito firme e cívico, para demandar o seu cumprimento ao longo de todos estes anos. Porén, mesmo algo tan básico como isto dista de ser aplicado sen problemas por parte dos poderes públicos.

O vindeiro 10 de febreiro o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma Queremos Galego, Carlos Callón, será xulgado por unha denuncia que presentou contra el o xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián. O motivo é que Callón replicou unhas declaracións que os medios de comunicación puñan na boca de Fraga Mandián no transcurso dun xuízo: “No tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña”.

Con anterioridade, o mesmo maxistrado defendera o incumprimento da Lei de normalización lingüística no referido a toponimia porque, segundo el, a cuestión do nome da cidade herculina estaba sub iudice; non era verdade: nese momento xa houbera mesmo varios ditames do Tribunal Constitucional apoiando o uso único do topónimo A Coruña. Así mesmo, nun documento, como resposta a un veciño, tamén chegou a argumentar que el usaba La Coruña e non A Coruña por un erro ortográfico. É unha burla, porque o “erro ortográfico” persiste unha e outra vez e, con el, a vulneración dunha lei básica, con todo o peso simbólico de que quen está a protagonizar todas estas situacións é un xuíz.

O mesmo maxistrado xa ocupou titulares en varias ocasións nos medios de comunicación pola súa campaña particular contra a lingua galega. Por exemplo, cando denunciou un veciño da Coruña, Eduardo Álvarez, despois de que este solicitase recibir as notificacións no idioma do país e co topónimo oficial da cidade, dereitos ambos aos que está asistido pola lexislación. Foi no transcurso deste proceso xudicial, criticado polo presidente da Mesa, cando decidiu presentar a denuncia contra Carlos Callón. Como esta situación foi criticada publicamente por Carlos Aymerich, tamén presentou outra denuncia contra este deputado, que xa foi desestimada polos tribunais. O mundo ao revés: este xuíz denuncia a quen pide que se cumpra a lei!

No caso da denuncia contra Carlos Callón, nun primeiro momento o xulgado, co apoio da Fiscalía, decidiu desestimala e arquivala. Porén, o xuíz decano presentou unha apelación, que desencadeou no xuízo do vindeiro día 10.

As persoas que asinamos este escrito queremos:

1. Manifestar o noso apoio ás persoas denunciadas polo maxistrado Antonio Fraga Mandián só por daren exemplo na defensa do noso idioma, sempre de xeito cívico, democrático e legal, como é o caso de Eduardo Álvarez, Carlos Aymerich e Carlos Callón.

2. Chamar a participar na concentración que se realizará o día 10 de febreiro ás 12 h diante do Xulgado de Instrución Número 2 da Coruña (rúa Monforte, s/n).

3. Reclamar que se deixe de criminalizar a defensa do galego. Non pode ser que un xuíz denuncie unha e outra vez a persoas que non cometen máis delito que defender o cumprimento da Lei e, con ela, a promoción e defensa do noso idioma.

4. Alzar a nosa voz para que todos os poderes públicos sen distincións cumpran e fagan cumprir a Lei de normalización lingüística, en aspectos tan importantes como o uso da toponimia nas súas formas correctas e oficiais ou o dereito a podermos utilizar e recibir información en galego nas diferentes administracións, tamén na de xustiza.

1 de fev. de 2012

Presentación en Betanzos de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

Esta sexta feira (venres) 3 de febreiro, ás 20.30 h, o Liceo de Betanzos acolle a presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, mercé á organización das asociacións Roxín Roxal e Eira Vella.

Para a promoción do acto e para contribuír á reflexión sobre a nosa problemática sociolingüística editaron un marcapáxinas con esta ilustración e este texto. Para os verdes en grande, clicade sobre eles:



Continuamos!