11 de fev. de 2012

Auto de fe

O estraño xuízo que onte comezou contra min, como presidente da Mesa, acentúa cada vez máis os seus trazos de disparate.

É moito que o maxistrado Antonio Fraga Mandián denuncie todas as persoas que lle recordamos que ten que cumprir a Lei de normalización lingüística, como el xa sabe que debería facer. Mais resulta tamén algo cómico (por non procurar outros adxectivos) que todo este proceso sexa nun xulgado onde o que me denuncia é... o propio decano.

Onte o xuízo suspendeuse porque o meu avogado recusou a maxistrada, ao entender que non se respectaban as garantías procesuais. Hai seis meses para que se retome toda a parafernalia xurídica e eu volva sentar no banco dos acusados, disque acusado de inxuriar o denunciante por lle replicar, con toda corrección, as súas manifestacións contrarias a esta Lei de desenvolvemento básico do Estatuto.

Pola miña banda, só podo agradecer máis unha vez as numerosísimas mostras de apoio que me fixestes chegar ao longo destes días. Podedes estar certas e certos de que chega o voso alento e que nin eu nin o resto das compañeiras e dos compañeiros da Mesa pola Normalización Lingüística cesaremos na nosa cívica, xusta e democrática actividade en defensa do noso idioma. Os obstáculos non son poucos, mais entre todas e todos poderemos ilos vencendo.

Por moitas criminalizacións e mentiras que haxa, por moitos autos de fe que nos organicen por mor da lingua -como apuntaba onte Manuel Rivas-, non nos calarán. Non nos calarán porque, como subliña moitas veces Xabier P. Docampo, a quen tamén onte puiden abrazar, temos a razón e dicimos a verdade.







3 comentários:

  1. Eu non estiven alí pero quero que saibas que, aínda que non é nada, tes todo o meu apoio.
    Vendo o revolta que anda a xustiza nestes últimos tempos, onde o que incumpre a lei xulga ao que lle pide que a cumpra, vai con moito coidado no che pase o mesmo que ao xuíz Garzón.
    Bicos

    ResponderExcluir
  2. Moi ben falado, C. Caión! :)

    ResponderExcluir
  3. Aos mariachis de Garzón ou de Callón impórtavos unha merda a xuridicidade das resolucións xudiciais. Sodes tan totalitarios ou filototalitarios (algún tamén é tan so un xanciño) que todo o mundo sabe que as vosas opinión son tan so unha perrencha de cativos aos que lles molaría que estivese vixente o Decreto de 18 de setembro de 1936: Os tribunais xulgarán de acordo ás leis vixentes SEMPRE QUE ESTAS SE ADAPTEN ÁS ESIXENCIAS REVOLUCIONARIAS E ESTÉN ACORDES AO SENTIMENTO XURÍDICO DO POBO. Evidentemente, antes e agora, do pobo non forman parte mais que os totalitarios de esquerdas para os que as regras democráticas so se cumpren se interesan e a propia democracia non é senón un medio de chegar ao poder (como Hitler, Chaves ou os partidos que integraron a Fronte Popular).

    A dar pena e facerse a vítima por toda a eternidade a outro. Non ter empezado e a ningué se houbese quentado.

    ResponderExcluir