Foi esta noite. Pasaban algo das doce e viña conducindo desde A Coruña até Compostela. É estraña a semana en que non me toca facer un traxecto a esas horas, for por algunha cuestión persoal, por algunha reunión ou, sobre todo, pola intensa programación de actos.
Todas as emisoras que podo coller -sobra dicilo para quen viva en Galiza- están en español, coa única excepción da Radio Galega, a pública autonómica. Radiofusión e as diferentes emisoras municipais só as localizo nalgún punto, mais aos poucos minutos da viaxe xa se deixan de sintonizar. A Radio Galega Música, tamén autonómica, non a podo contar: quitado algún programiña, dáme que se escoita menos música en galego e portugués -e máis música en español- que Radio 3; é como non tela.
Na Galega a esas horas botan a diario un programa de parapsicoloxía, de xeito que o único que podo desfrutar no meu idioma nese momento son inxenuidades sobre os extraterrestres construíndo pirámides ou a moza da curva. Iso faime optar case sempre polos programas de RNE, que aínda -aínda- se manteñen máis dignos.
Cando onte perdía por momentos os "Afectos en la noche" de RNE deume por optar nalgúns momentos polo programa da Radio Galega. No espazo falábase de psicofonías que un home gravara en diferentes lugares emblemáticos de Galiza, como o castelo de Doiras.
Unha cousa estraña desas supostas voces fantasmagóricas era que disque estaban en español. Nunha escoitábase "lamamá", que talvez non houbese que interpretar como "la mamá" senón como "lama má", fronte a unha hipotética "lama boa" -sobra dicir que estou a brincar, verdade? -. Noutra que puñan explicaban que había que ouvir "me ahogo", aínda que o que na realidade se sentía era un "tlutlutlú" que cada un podería interpretar ao seu antollo.
Será que os defuntos falan castelán, como dicía Ánxel Fole?
Non podo concordar con que este tipo de espazos teñan tanto protagonismo na nosa radio, mais moito menos con que sirvan aínda para españolizar máis a nosa exigua presenza no dial.
Póñennos música e cultura en castelán por todos os cantos desde a RTVG, co argumento de que é a máis exitosa e entran así no argumento de peixe con rabo na boca. Xa é abondo ter que escoitar continuamente ao Manolo Escobar ou ao Melendi como para que agora tamén nos atacuñen con psicofonías en castelán! xD
Está claro que urxe privatizar a CRTVG. Esperemos que Rajoy saque a lei que o permita e Feijoo tome a decisión.
ResponderExcluirEu tamén confeso Carlos, as veces poño a radiogalega soamente para escoitar a miña lingua :)
ResponderExcluirNon só os mortos falan castelán, senón tamén os funcionarios da Consellería de Educación:
ResponderExcluirTIPO DE PLAZA: 590053 LENGUA Y LITERATURA GALLEGA
http://www.edu.xunta.es/web/node/4189