31 de mar. de 2012
Telexornal escolar sobre Valentín Paz-Andrade
30 de mar. de 2012
29 de mar. de 2012
En Galiza hai unha constetación social ao PP superior que en Andalucía ou Asturias
El País calcula en 170.000 os manifestantes dos sindicatos españois en Madrid e en 100.000 os manifestantes que convocou só a CIG en Vigo. Comparade poboacións e tirade conclusións.
Dicía onte Ana Pontón que en Galiza hai unha contestación social ao PP superior que en Andalucía ou Asturias. Cos datos na man, só se lle pode dar a razón.
Continuemos!
28 de mar. de 2012
Todo o meu apoio á folga xeral
Vémonos aquí e nas manifestacións. No meu caso, asistirei á que sae ás 12.30 h. da Praza Roxa de Santiago de Compostela.
Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, entre as obras seleccionadas de 2011 polo crítico X. M. Eyré
O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blogue unha selección dos que considera os mellores libros de 2011 en diferentes categorías. Pola miña banda fícolle moi agradecido pola mención a Como defenderes os teus dereitos lingüísticos na epígrafe de non ficción.
A vindeira presentación deste volume será o 19 de abril en Pontevedra. Máis información no facebook.
Continuamos!
27 de mar. de 2012
Continúa a censura
A capital de Galiza está a vivir un proceso alarmante de deterioro cultural da man de Conde Roa e do seu goberno. Xa a semana pasada tivemos que padecer a decisión do Concello de retirar todo apoio ao Correlingua... porque non estaban de acordo co manifesto que gañara o premio escolar deste ano! Non é demasiado?
En fin. Hai moitos motivos para nos movermos o 17 de maio, para apoiarmos a folga estudantil do 19 de abril e, tamén, para irmos hoxe á manifestación convocada polo Día Internacional do Teatro. Saímos ás sete do serán da Alameda de Santiago e finalizaremos ás 20.30 h nas portas do Salón Teatro, que a Xunta se negou a ceder, como xa leríades nos medios. Alí farei unha pequerrecha intervención en representación da Mesa pola Normalización Lingüística.
Continúa a censura, mais nós continuamos a resistir!
Entrevista en Radio Voz
Hoxe, pouco despois das doce do mediodía, terei unha entrevista en directo en Radio Voz. Os motivos da conversa serán as diferenzas dialectais do galego e o seu traslado aos medios de comunicación.
Vanme preguntar sobre isto porque a TVG instou unha presentadora a non usar a gheada. Este trazo dialectal só en teoría está recoñecido como unha opción dentro da normativa oficial do galego (na súa forma aspirada, como a palabra house en inglés ou como cando Lady Gaga canta "Alejandro", mais non na equivalente ao j castelán, que ningún lingüista dubida de que é un castelanismo, aínda que a moitos falantes lles poida parecer tan sorprendente como descubrir que as palabras medrar ou cartos procedan do español). A teoría, porén, non se acompaña coa práctica. Así o sintetiza o académico Xosé Luís Regueira no Dicionario de pronuncia da lingua galega:
Mais o feito é que no seu funcionamento social o galego estándar non se pronuncia con gheada, evítase na lingua pública formal, e incluso os membros do grupo social de referencia que teñen gheada nas variedades informais evítana ao cambiaren de rexistro. Dito doutra maneira, a lingua estándar actual non ten gheada.Todos os idiomas precisan que se use o estándar no ensino, na administración e nos espazos formais dos medios de comunicación. O galego tamén ten unha normativa, un modelo unitario de corrección, e eu penso que é bo que se afortale alí onde debe usarse. Claro que todo estándar é sempre unha árbore que impide ver o bosque, unha escolla que por tanto deixa fóra outras opcións. Iso é normal e está compensado por moitas razóns que benefician o colectivo.
Ora ben, o que máis chama a atención de todo este asunto é que na Radio Galega e na TVG se escolla xusto reprender unha presentadora por usar un galego popular, aínda que sexa cun trazo na fronteira do estándar. Non importa que haxa tertulianos semanais que se neguen a usar o galego (ademais, nalgún caso cunha entoación nada acaída para un medio de comunicación); non importan os locutores que se negan a usar o estándar, que mesmo se burlan dos consellos dos lingüistas da compañía e inzan a mantenta o seu discurso de castelanismos; non importa que haxa días en que mesmo os rótulos escritos dos telexornais teñan erros graves; non importa que haxa presentadores que falan galego con cinco vogais... En todo iso é onde temos verdadeiras carencias, verdadeiros e serios problemas para o noso idioma.
26 de mar. de 2012
De Ribadeo a Pontevedra
25 de mar. de 2012
Noite electoral. Tomemos nota en Galiza
Nos resultados de Andalucía e Asturias vese que o ciclo "de arrase" do PP comeza a decaer. É preocupante para os dirixentes deste partido, xa que ao longo de 2011 conseguiron uns resultados aplastantes en municipais, autonómicas e xerais. Tamén hoxe ían varrer, mais non varreron. Nada facía prever a viraxe.
Para Núñez Feijóo, o acontecido esta noite é motivo de especial preocupación. Falta pouco para as autonómicas galegas e os principais mazazos do Goberno central, a través dos orzamentos xerais, aínda están por se presentar. Por moita propaganda que empreguen, a realidade é a que é.
Tomemos nota en Galiza e traballemos con enerxía e intelixencia para podermos pasar páxina ao desastroso goberno que levamos padecendo nos últimos tres anos.
É posíbel parar o PP!
Poñámonos mans á obra!
Vídeos sobre a folga xeral
23 de mar. de 2012
Correlingua: Censuraría Conde Roa a Corina Porro?
Os sectores máis reaccionarios tentan tombar o Correlingua. Sementan infundios, queren censurar os textos que se presentan aos concursos anuais do proxecto e mesmo retiran un apoio institucional tan escaso como a colocación dun palco. Digámolo claro: quen actúa dese xeito ten unha visión totalitaria da sociedade, na cal só unha idea é válida e quen discrepe dela debe estar a pan e auga.
Hai que ser moi moi moi moi ultra para atacar un proxecto como o Correlingua, no cal mesmo colaborou Corina Porro. Aí a vemos na fotografía que encabeza esta entrada, lendo unha arenga á rapazada que participou na carreira de 2004. Lembro ademais que por modificacións de última hora da miña axenda non estou nesa fotografía. Xa sería engrazado!
A dirixente do PP, que cinco anos despois participaría esquizofrenicamente nunha manifestación contra o galego, dicía daquela, co apoio de Ignacio López Chaves, alí presente so o gardachuvas:
O simbolismo desta carreira en defensa do idioma galego agocha unha clara necesidade: a normalización definitiva do uso da nosa lingua na escola, no mercado, no traballo, na casa... (...) Antes ca nós protexeron e defenderon o noso idioma as Irmandades da Fala, a Xeración Nós, Risco, Castelao ou Otero Pedraio.
[Defendamos] o dereito de todos á lingua, á cultura propia e á preservación do patrimonio histórico e etnográfico dos pobos como parte da súa memoria colectiva.
Estas palabras de Corina Porro pasarían a censura actual de Conde Roa e da caverna mediática?
Abofé que temos moitos motivos para a manifestación deste 17 de maio!
22 de mar. de 2012
#17Mqueremosgalego
21 de mar. de 2012
Tomando alento
Hoxe temos unha reunión do plenario da plataforma unitaria Queremos Galego para analizarmos as próximas accións en defensa da lingua de Galiza.
20 de mar. de 2012
Entrevista en Radio Burela
Se queres escoitala, podes facelo na seguinte ligazón, a partir do minuto 58:
Video streaming by Ustream
19 de mar. de 2012
18 de mar. de 2012
17 de mar. de 2012
16 de mar. de 2012
Sementemos a nosa lingua!
Se quixeres e puideres, estás convidada, estás convidado!
Continuamos!
15 de mar. de 2012
Un escrito vergoñento do SERGAS
Activémonos na defensa dos nosos dereitos!
Paremos os ataques contra o galego!
Empresas de Ourense apostan polo noso idioma
Hoxe ás 20.15 h o Museo Municipal de Ourense acollerá a presentación no municipio de Abertos ao Galego, unha rede de empresas que apostan pola lingua do país.
Participa e coñece mellor este proxecto!
14 de mar. de 2012
Mira por elas!
Esta mañá asistín á presentación da Plataforma Cidadá en Defensa da RTV Pública Galega, da cal forma parte A Mesa pola Normalización Lingüística.
Se aínda non asinaches o manifesto, podes lelo e apoialo desde esta ligazón.
Mira por elas!
Miremos por elas!
Queremos igualdade de dereitos!
13 de mar. de 2012
Ano 2012: casar en galego con intérprete e 237 días de agarda por querer a documentación en galego no SERGAS
Esta mañá A Mesa presentou en Vigo dous novos casos graves de discriminación dos nosos dereitos lingüísicos e, por tanto, dos nosos dereitos civís.
Por unha banda, unha parella que quixo casar en galego (vaia atrevemento!) tivo que facelo... con intérprete. Non aconteceu durante o franquismo, senón hai menos dun mes: o 17 de febreiro deste ano.
Ademais, un paciente do SERGAS acumula 237 días de agarda por querer ter en galego a documentación que ten que asinar antes da operación (vaia atrevemento!).
Non queremos ser máis tempo estranxeiros na propia patria!
Queremos igualdade de dereitos, igualdade de oportunidades!
Se ti tamén o queres, podes axudarnos a conseguilo. Dálle divulgación a noticias como estas, silenciadas por medios como a TVG, e afíliate á Mesa!
Continuamos!
12 de mar. de 2012
As catro provincias
Di miña nai que "quen polo seu gusto morre, até a morte lle sabe", así que non me vou queixar. Esta semana que agora comeza vai ser para min bastante movidiña. Teño actos e reunións na Coruña, en Oleiros, en Vigo, en Ourense, en Ribadeo... e algúns que outros tamén en Santiago. Polo medio debería terminar varias cousas pendentes que precisan reflexión, así que a ver como dá encaixado todo.
De momento, quero convidarvos ás dúas presentacións que hai esta semana do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Serán hoxe en Oleiros (ás 20.30 h no Centro Cultural As Torres, de Santa Cruz) e na sexta (venres) en Ribadeo.
Continuamos!
11 de mar. de 2012
Presentación en Ribadeo de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos
Esta sexta feira (venres), 16 de marzo, presentarei en Ribadeo o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, coa compañeira Dores Fernández Abel. Será ás 20.30 h na Casa das Letras (rúa de Rodríguez Murias, 8). A ligazón do evento no facebook é esta.
Ademais, mañá será o acto de presentación deste manual en Oleiros, no Centro Cultural As Torres de Santa Cruz, coa compaña e Cibrán Turnes e Nacho Taibo.
Polo dereito a vivirmos en galego!
Continuamos!
10 de mar. de 2012
Finalista dos premios AELG 2012. Obrigado!
Onte déronse a coñecer os finalistas dos premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega para este ano. Como defenderes os teus dereitos lingüísticos figura na categoría de ensaio, xunto con Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, de Mercedes Queixas Zas, e Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez. Con eses dous pesos pesados da nosa cultura é moi difícil que este manual de autoaxuda lingüística leve o galardón, mais quero agradecer moitísimo xa o feito de que as escritoras e os escritores, agrupados na AELG, o considerasen merecente para estar de finalista.
A verdade é que aínda non puiden ler ese título en concreto da gran Mercedes Queixas, sempre tan dinámica, amigábel e loitadora, mais tentarei facelo canto antes. A obra do Francisco Rodríguez si que a coñezo máis de perto e só podo cualificala como maxistral e recomendar a súa lectura (non vos deixedes asustar polas súas dimensións). Ademais, para min, que tan importante me foi na adolescencia a Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, do mesmo autor, xa podedes supor a alegría que me supón compartir podio por este volume que é a súa ampliación e continuación.
Viva a nosa cultura viva!
Continuamos!
9 de mar. de 2012
"Tanatomaquillaxe", artigo hoxe en El País
8 de mar. de 2012
7 de mar. de 2012
Ikea e o galego
Vista a situación, desde A Mesa solicitamos unha entrevista cos responsábeis da tenda na Coruña para lle pedir adiantos concretos no uso do idioma do país. Tamén lle faremos chegar o noso desagrado porque a alfombra promocional "Benvido á república independente da túa casa" estea en galego cun erro ortográfico grave, xa que en lugar de pór o anterior pon "Benvido a república independente da túa casa".
Imaxinade que en español editasen alfombras colocando tamén mal un acento diacrítico, máis ou menos como se pode ver nesta foto que perralleiramente modifiquei:
Pensades que, por dignidade cara ao idioma castelán, os distribuirían? Non mirarían antes o xeito de os corrixiren? Pois esa mesma dignidade reclamamos para a nosa lingua!
Continuamos!
6 de mar. de 2012
De Ferrol a Oleiros
O próximo acto sobre Como defenderes os teus dereitos lingüísticos será en Oleiros o día 12, no centro cultural As Torres de Santa Cruz. Participarán de Cibrán Turnes (da asociación Vieiros, que organiza), o escritor Nacho Taibo e todas as persoas que quixerdes e puiderdes asistir, con certeza!
Continuamos!
5 de mar. de 2012
“Defendemos o galego para tratar de evitar que haxa cidadáns de segunda”
Carlos Callón: “Defendemos o galego para tratar de evitar que haxa cidadáns de segunda”
Carlos Callón, presentou onte en Ferrol o seu ensaio “Como defenderes os teus dereitos lingüísticos” (Edicións Xerais). Callón falou do seu traballo na sede da Sociedade Galega de Historia Natural, na praza de Canido, acompañado de Xaquín Campo, párroco de Mandiá e portavoz da plataforma Queremos Galego, e Carlos Outeiro, responsable en Ferrolterra da MNL.
Manual práctico
Callón sintetizou que o ensaio era “un manual práctico de consellos para que quen desexe usar o galego na Administración, notarías, etc., saiba cales son os seus dereitos. É un volume moi práctico que nace da experiencia de socios e amigos da Mesa. O libro nace desa experiencia colectiva, aínda que o asine eu”.
Gañador do premio Redelibros ao mellor ensaio de 2011 e finalista actualmente do premio da Asociación Galega de Editores, “Como defenderes os teus dereitos lingüísticos” supoxo para Callón “unha alegría amosada por moita xente que puxo en práctica os consellos ou que solucionou un problema sen custos persoais”.
Neste sentido, o presidente da MNL fixo referencia ao proceso no que el mesmo está inmerso por defender a legalidade fronte a un maxistrado coruñés. “Hai situacións que son unha farsa e aquí se ve o desamparo xurídico do galego: quen defende a legalidade ten que ir a un xuízo. Nós o que estamos facendo é tratar de que non haxa cidadáns de primeira e de segunda polo uso do seu idioma, algo que non sempre é fácil desde a propia administración autonómica, que ten a obriga de defender o seu uso”. Neste sentido, Carlos Callón exemplificou a súa crítica: “En maio de 2010 o señor Feijóo presentou un programa informático que impide o uso de galego. Antes xa non era fácil pero esta ferramenta impídeo. Unha administración non pode vulnerar os nosos dereitos”.
Finalmente, o responsable da Mesa quixo ser optimista verbo do futuro do galego e comentou que “se a xente segue a mobilizarse na rúa, reclamando os seus dereitos, o galego pode ter futuro porque, é o que nos une”.
4 de mar. de 2012
Ai, o primeiro copo, o primeiro corpo, o primeiro amor!
A gente faz hora, faz fila na vila do meio dia
pra ver Maria.
A gente almoça e só se coça e se roça
e só se vicia.
A porta dela não tem tramela a janela é sem gelosia
nem desconfia.
Ai, a primeira festa, a primeira fresta, o primeiro amor...!
Na hora certa, a casa aberta, o pijama aberto, a família,
a armadilha.
A mesa posta de peixe, deixe um cheirinho
da sua filha.
Ela vive parada no sucesso do rádio de pilha.
Que maravilha!
Ai, o primeiro copo, o primeiro corpo, o primeiro amor...!
Vê passar ela, como dança, balança, avança e recua...
A gente sua.
A roupa suja da cuja se lava
no meio da rua.
Despudorada, dada, à danada agrada andar seminua,
e continua.
Ai, a primeira dama, o primeiro drama, o primeiro amor...!
Carlos amava Dora que amava Lia que amava Léa que amava Paulo que amava Juca que amava Dora que amava...
Carlos amava Dora que amava Rita que amava Dito que amava Rita que amava Dito que amava Rita que amava...
Carlos amava Dora que amava Pedro que amava tanto que amava a filha que amava Carlos que amava Dora que amava toda a quadrilha!
3 de mar. de 2012
Manifesto en contra do feche do Arquivo Pacheco
Manifesto en Contra do "Peche do Arquivo Pacheco"
A TODA A CIDADANÍA
Diante do feche do ARQUIVO PACHECO por parte da Concellaría de Cultura, feito acontecido o pasado dia 31 de decembro de 2011, desexamos manifestar:
- Prodúcese, máis unha vez, a clausura do ARQUIVO PACHECO, dependendo dun cambio de goberno municipal. Dita actitude priva ao pobo de Vigo da utilización do arquivo, ficando, desta maneira, conxelados proxectos que van desde o simple lecer á investigación académica.
- Execútase o feche despois do período probabelmente máis frutífero de traballo do Arquivo. Por primeira vez desde a súa adquisición, o ARQUIVO PACHECO estaba sendo conducido por un grupo humano que procedía do mundo da fotografía e posuía un proxecto xeral e coherente para o legado. As persoas que alí traballaban posúen titulacións de especialistas, licenciadas e doutoras en imaxe, mesmo con teses de doutoramento realizadas sobre o ARQUIVO PACHECO, e teñen artigos da súa autoría aparecidos en revistas galegas e internacionais, así como libros publicados en editoriais de rango europeo, con todo o que iso supón de proxección internacional do nome de Pacheco e da cidade de Vigo. Entre todas as persoas arbitrariamente despedidas, contabilízase, a dia de hoxe, unha experiencia consolidada de 80 (oitenta) anos dedicados á práctica, o estudo, a análise e a docencia, mesmo no seu nivel universitario, da fotografía.
- Algúns datos, sen desexo de exhaustividade, axudarán á comprensión do traballo realizado: publicación de tres Axendas fotográficas e 2 libros de grande calidade sobre a figura de Pacheco; inauguración de tres exposicións monográficas; convocatoria, por primeira vez, do Premio Pacheco de fotografía, compromiso adquirido hai 21 anos polo Concello vigués que só até a chegada do equipo sinalado se cumpriu; ordenación, limpeza e clasificación de case 60.000 fotografías que se achaban desordenadas; confección de bases de datos e introdución, catalogación e documentación nelas de 25.000 fotografías; asesoramento na realización de traballos de pescuda universitaria, de investigación sobre os arrabaldes e parroquias viguesas feitos por Asociacións de Veciños e Culturais; de asistencia a empresas do ámbito privado ou de apoio a institucións públicas, que constitúen un total de 100 proxectos, así como visitas a particulares para recoller fotografía viguesa do século XIX, doada xenerosamente polos seus propietarios e a articulación dunha rede estábel de informantes que enriquecían, desinteresadamente, o coñecemento sobre o pasado da cidade.
- Perante a decisión da Concelleira de Cultura, decisión que pensamos só procede dunha actitude desprezativa fronte a calquera obra realizada por outros, egoísta, porque non ten en conta o tesouro cultural que existe no ARQUIVO PACHECO nin a frustración humana de miles de persoas, e inconsciente, porque ignora o profundo dano que a docentes, movemento veciñal, investigadoras e investigadores e público en xeral causa, as persoas que asinamos este documento pedimos a toda a cidadanía viguesa que reflicta nas causas da decisión tomada pola Concellaría de Cultura e se pregunte os verdadeiros motivos de expulsión do equipo máis coherente e profesionalizado que, desde o ano 1991, traballou na mellor colección fotográfica de Vigo e de Galiza que coñecemos polo nome de ARQUIVO PACHECO.
2 de mar. de 2012
1 de mar. de 2012
Por se non o viches
- Nova incorporación a Abertos ao Galego: Acouga Quiromasaxe.
- A Mesa cualifica os tres anos de goberno de Núñez Feijóo como "paus constantes contra o galego".
- Gonzalo Hermo: "Quero crer que non existe un manual establecido de como sermos galegos".
- Recital antolóxico da poesía galega, dirixido por Eduardo Blanco Amor.
- Manifesto "Tamén connosco", pola unidade do nacionalismo galego, que fai un repaso aos éxitos históricos e á utilidade do BNG.
- Presentación en Ferrol de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.
- Presentación en Oleiros de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.
Presentación hoxe en Compostela de Heroes de Galiza e de España
Preséntase hoxe na capital do país a tradución ao galego dun libro impulsado polo PCE nos anos 40. Aínda que no título se salienta primeiro España, a verdade é que os casos que protagonizan este interesante documento son todos eles da importante e esquecida resistencia antifranquista galega.
Recomendo vivamente a lectura deste volume, pois axuda a ter unha visión máis fidedigna da loita contra a ditadura nunha época tan lamentábel como a que seguiu á vitoria total do fascismo no Estado.
Este texto tívena moi presente no libro Unha historia que nos pertence. A obra poética en galego de Lorenzo Varela (hai unha retroalimentación co poemario Lonxe que é crucial). Ademais, sobre esta súa tradución escribín este artigo hai xa algúns meses.
O acto de presentación vaise desenvolver ás 20 h na Libraría Pedreira (rúa do Home Santo, 55). Falaremos Xesús Redondo Abuín, Rosa Espiñeira Pan e quen isto subscribe.
Continuamos!