31 de mai. de 2012

Os discursos do 17

Xa pendurei aquí algúns vídeos da pasada manifestación. Grazas á xente do referencial blogue Levantador de Minas temos tamén cadanseu vídeo dos discursos do acto final, que realizamos Agustín Fernández Paz como autor do magnífico manifesto deste ano e mais eu como portavoz de Queremos Galego.

Continuamos!



30 de mai. de 2012

A lingua a reflexión

Un pequeno e interesante documentario realizado por Xosé Bocixa con diferentes opinións que nos axudan a pensar sobre a situación do noso idioma e as alternativas para un presente máis digno e un futuro máis saudábel:

26 de mai. de 2012

Os anos nom me fam melhor



A pior


Ti dirás que estou genial, 
Pero madurar 
A mim cai-me mal 

Porque o tempo só me fai 
mais apático, antipático, 

Paranoico, mais alcólico, 
Lacação e um pouco mais pailão. 

Som um rapaz 
Que escalveou 
Vou para os corenta 
E ainda nom sei bem quem som 

Os anos nom 
Me fam melhor 
Nos meus defeitos todos 
Eu vou para pior 

Deveria ir nadar, 
Deixar de fumar, 
Fazer vida sã. 

Ler mais livros, cultivar 
O meu potencial intelectual 

Pero cada vez 
que penso em cambiar, 
Fumo um light 
E deixo-o para manhã 

Som um rapaz 
Que escalveou 
Vou para os corenta 
E ainda nom sei bem quem som 

Os anos nom 
Me fam melhor 
Nos meus defeitos todos 
Eu vou para pior 

Nada hai pior 
Que num ascensor 
Ou no aviom 
Me tratem de senhor.

24 de mai. de 2012

Para sermos Galiza, queremos galego

 


A manifestación en defensa da lingua do pasado Día das Letras bautizou con xúbilo a saída do semanario en papel Sermos Galiza, á cal nos podemos subscribir a través desta ligazón.

Con ese motivo, distribuíuse gratuitamente unha pequena mostra do que será esa publicación, aínda que con menos páxinas e de forma monográfica sobre o idioma. Se quixerdes, podedes descargar aquí o pdf dese número cero.

Para ese especial pedíronme un artiguiño de benvinda, que aquí vos deixo por se vos for de interese:

Para sermos Galiza, queremos galego

Non sei vós, mais eu a partir de agora cando vaia a unha cafetaría ou a un restaurante vou preguntar se teñen o Sermos Galiza. Xa me subscribín, claro, e anímovos a que vós tamén o fagades; no entanto, penso que é importante tamén ese xesto de preguntarmos nos bares por este semanario que nos achega unha marea de esperanza. Se algo nos ensinan os últimos tempos é que as cousas que queremos poden desaparecer se non estamos alerta na súa defensa.

Necesitamos que Sermos Galiza teña forza. Porque será a megafonía dunha sociedade que teima por continuar a existir. Porque en Galiza existe unha pluralidade de ideas que merecen un espello non deformante. Porque sen diversidade informativa non se pode falar de auténtica liberdade de expresión. Porque a nosa lingua ten sede de medios de comunicación nos quioscos que a usen con normalidade.

Ademais da nosa aposta individual constante, cómpre tamén que manteñamos unha liña de protesta organizada para que cesen as actitudes belixerantes da Xunta de Galiza contra os medios de comunicación que utilizan o galego. Nesa liña, debemos reclamar que as axudas para o uso da lingua propia que convoca anualmente o Goberno galego sirvan para tal fin e non para estender a rede clientelar e as mordazas informativas. Resulta que os medios privados que si utilizan o galego, como é o caso de Sermos Galiza ou Radiofusión, fican fóra da posibilidade de recibir axudas por ese concepto. Rechamante, verdade?

Ante os ataques institucionais, cómpre máis que nunca que nos movamos pola nosa lingua e pola liberdade de expresión. Se queremos, abofé que podemos!