30 de jul. de 2012

Galiza entra de pleno na Comunidade Sindical dos Países de Língua Portuguesa


A CIG informou hoxe de que foi recoñecida como membro de pleno dereito na Comunidade Sindical dos Países de Língua Portuguesa. A entrada do sindicato nacionalista galego supón un significativo recoñecemento á existencia de Galiza no mundo. Trátase tamén dun importante paso simbólico na boa dirección: a da necesaria comunicación dentro da comunidade lingüística a que pertencemos.

Xustamente nun dos capítulos do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos céntrome en propostas que podemos aplicar todas e todos no noso día a día para avanzarmos tamén por ese camiño.

Continuemos! De nós depende!




26 de jul. de 2012

Reparade en cada matiz: "Unha doutora do SERGAS exixiu a familiares dun moribundo que non falasen en galego na súa propia casa"

Desculpade o longo título desta entrada, mais penso que é conveniente, moi conveniente, reparar en cada unha das partes da cabeceira deste comunicado que enviamos hoxe desde A Mesa pola Normalización Lingüística.

Primeiro: é unha doutora a que exixe que non se dirixan a ela en galego. Non é a primeira vez que unha noticia coma esta sae nos medios de comunicación. Unha pediatra do Hospital Modelo da Coruña tamén daba a orde de que lle falasen só en castelán, e trasladaba o seu mandato fóbico tanto aos pequenos pacientes como aos seus familiares ou acompañantes. O centro sanitario non só non o negou, senón que o xustificou publicamente a través dun comunicado (!). Por se alguén o dubida ou esqueceu, iso foi en pleno século XXI, hai cinco anos. Que atención médica pode prestar quen se nega a escoitar a palabra dos pacientes?

Segundo: neste caso trátase dunha doutora do SERGAS, non da facultativa dunha clínica privada. É traballadora da Administración autonómica galega a que insta a que non lle falen en galego. Que teñen para dicir sobre isto o tan galeguista presidente da Xunta, as e os gobernantes da Consellaría de Sanidade, o ornamental secretario xeral de Política Lingüística? E as institucións culturais galegas (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega) sairán do seu letargo perante casos coma este? Varremos debaixo da alfombra e facemos como se non pasase?


Terceiro: tal e como relata un dos familiares, a doutora realizou tal orde de maos modos, exixindo, con frases como “No te tengo por qué entender y me tienes que hablar en castellano”. A traballadora pública autonómica non só pronunciou a indecente orde de que non se dirixisen a ela en galego, senón que, ademais, frivolamente, no leito de morte dunha persoa, opta por se enfadar ao ver que non encontra unha resposta submisa.

Cuarto: a orde de non usar o galego deulla a familiares dun moribundo, con toda a vulnerabilidade e dor que significa tal abuso de poder nese contexto.

Quinto: a exixencia de que non usasen o galego realizouna na casa do moribundo e deses seus familiares. Non é falar o idioma que queiramos no noso propio fogar o mínimo que podemos exixir da tan cacarexada "liberdade lingüística"? Ollo, tamén, se lerdes o comunicado e a carta de queixa dun dos familiares; reparade en que a doutora mesmo instou a que expulsasen da zona ao neto do moribundo porque este quixo continuar a falar en galego (!).

En fin, desde aquí enviamos toda a solidariedade cara ás persoas afectadas, o noso total rexeitamento de situacións tan intolerábeis coma esta e a nosa reivindicación dunha pesquisa a fondo por parte da Xunta, que conleve as necesarias medidas de carácter disciplinario para que tales discriminacións non se produzan de novo.

23 de jul. de 2012

Outro enderezo

Xa hai algún tempo que quería facer mudanzas no Facebook, por moitos motivos: as peticións de amizade que non podía responder, a nova fronte das subscricións, a compaxinación do perfil e a páxina... Un non ten tempo abondo para lle dedicar a todas as redes sociais. Por iso, tomei a decisión de unificar perfil e páxina, aínda que perdese algo de información e mesmo o dominio que tiña até o momento co meu nome.

Seguín as pautas indicadas para facer o traslado, mais... Facebook fixo honra á súa fama e perdín polo camiño algo máis de 4.700 contactos, que me custará moito tempo retomar. Síntoo moito.

Por se quixerdes que manteñamos a ligazón, doravante o meu enderezo facebookeiro é este:



Continuamos!


19 de jul. de 2012

Topónimos, cinismo e precampaña


Publiquei en Sermos Galiza un pequeno artigo de opinión sobre unha nova salientada nas páxinas galegas de El País. Aprobará a Xunta de Núñez Feijóo un adianto, aínda que sexa simbólico, para a lingua galega? Haberá un pequeno adianto en catro anos? Admítense apostas.

 

Topónimos e cinismo

Disque a Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo está a preparar un decreto para que as empresas, ou cando menos as de certos sectores, teñan que usar a toponimia oficial. Parece de senso común que, unha vez recoñecidas institucionalmente as denominacións xenuínas dos nosos nomes de lugar, estas teñan que utilizarse con normalidade na hostalaría, nos transportes, etc. Ou ten lóxica que haxa, por pórmos un exemplo, concesionarias de autobuses que rotulen en 2012 como “Mellid”, “Puentes” ou “Valle del Oro”, mesmo para desconcerto do turismo?

Está por ver aínda se esta nova norma se chegará a aprobar. O que resulta imposíbel é que se chegue a aplicar, cando menos sendo presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo. Eu non son capaz de imaxinar que o mesmo goberno que puxo como obxectivo número un da súa xestión cortarlle ao galego os nutrientes fundamentais de calquera idioma (ensino, administración, medios de comunicación) vaia emprender ningunha acción en positivo que non pase do cosmético. Ai, que xa se aproximan as autonómicas...!

Se a Xunta de Galiza ou o Partido Popular queren conseguir adiantos no ámbito dos nomes de lugar o primeiro que poden facer é asegurarse de que os utilicen as administracións nas cales teñen responsabilidades de goberno. Que acontece con esa “Puebla” que agora renace subvencionada polo concello do Caramiñal en revistas galegófobas? Que pasa con eses “La Coruña” ou “Arteijo” polos que dá a batalla Carlos Negreira como alcalde? Si, si, ese mesmo Carlos Negreira que sendo deputado votou a favor de normas sobre a toponimia como a que agora disque vai aprobar o seu partido...