12 de jul. de 2012

E ti, como rescatas os teus dereitos lingüísticos?

 

Abofé que desde as pésimas decisións gobernamentais de onte son máis os dereitos sociais (que non privilexios!) que habemos de rescatar. Teremos que encontrarnos en moitas mobilizacións para defender con uñas e dentes tantas conquistas de xustiza e dignidade elementais. A vindeira, o 19 de xullo ás 20 h en todas as cidades. O lema con que nos chama a CIG a manifestarnos describe con exactitude o que acontece nestes momentos: "Estannos roubando".

Ademais destes dereitos, na Mesa continuamos a recibir todos os días moitas queixas por vulneracións dos nosos dereitos lingüísticos, tamén cada vez máis precarizados por decisións políticas e ideolóxicas, ás veces revestidas de "liberdade" (!) e outras tantas de "austeridade" (?), de aplicación tan cínica e selectiva en ambos os casos.

As violacións de tales dereitos non só poden supor un dano simbólico por non posibilitar o uso ou a recepción de información no idioma propio na propia terra. Nos casos máis graves, significan tamén dificultades para acceder a un posto de traballo, para continuar estudos, para un trámite na xustiza, mesmo para realizar unha xestión sanitaria... Estou a pensar en casos reais e recentes nos cales actuamos desde A Mesa, e iso que á asociación só chegan unha parte dos que na verdade acontecen cada día no país. Todo isto sen saír da dimensión estritamente individual, porque é evidente que os ataques ao noso idioma tamén teñen repercusións colectivas importantes, como a maior ruptura dunha cohesión social tan necesaria nestes momentos.

Como unha forma de estímulo para que todas e todos nos activemos polo galego no noso día a día, quero realizar un pequeno proxecto partindo do manual práctico Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. A miña petición agora mesmo é: se liches este libro e aplicaches algúns dos consellos que nel se conteñen, se fas favor envíame o teu testemuño ao correo electrónico dereitos@carloscallon.com

Non é necesario que o exemplo sexa moi longo, aínda que tamén pode selo se así o considerares. O importante é que o compartas e que nos poida servir de espello a todas e todos.


Rescatemos os nosos dereitos, tamén os lingüísticos!






Nenhum comentário:

Postar um comentário