30 de ago. de 2012

Non está nada decidido


Podería ser o título dunha entrada sobre as eleccións autómicas, sen dúbidas, porque tamén nelas hai posibilidades da necesaria mudanza de goberno. Non hai dúbidas de que o mandato de Alberto Núñez Feijóo foi o peor da historia autonómica e que sería unha noticia letal, en demasiados aspectos, a súa continuación. O cinismo como discurso mesmo para os temas máis graves, o desprezo pola cultura, os tics totalitarios (listas negras, manipulación burda dos medios públicos, tentativas de infrarrepresentación da oposición, etc.) cómpre que sexan varridos o vindeiro 21 de outubro. Depende do traballo intelixente, constante e pedagóxico de todas e todos nós.

Dito isto, a verdade é que do que quero falar hoxe no blogue non é tan trascendental. Esta segunda feira (luns) 3 de setembro rematarán as votacións para escoller portada para Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, un manual práctico con consellos para mellorar a comunicación no noso idioma.

Á dereita está o inquérito, no cal só se admite un voto por IP. Se aínda non participaches, convídote a que o fagas! A pesar de que haxa unha das propostas que está moi adiantada nestas eleccións, cada vez suman máis apoios outras posibilidades. Tampouco aquí está nada decidido!






28 de ago. de 2012

O medo

Na breve estadía en Lisboa de hai unhas semanas o meu mozo e eu aproveitamos para ir ver o musical Uma moite em casa de Amália, de Filipe La Féria. Entre as principais descubertas que me trouxo o espectáculo están a sedutora figura do poeta Ary dos Santos e este poderoso fado, "O Medo", con música de Alain Oulman e letra de Reinaldo Ferreira:

25 de ago. de 2012

XXXIV

Ás 3 da mañá estarei de aniversario. Admítense agasallos!



E non esquezades votar a cuberta de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, que aínda fican días para que se decida! ;)

23 de ago. de 2012

Axúdasme a escoller?

No outono sairá en Xerais o manual práctico Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, no cal se fornece de consellos para mellorarmos a nosa calidade lingüística, tendo en conta que os problemas con que nos encontramos nese camiño non son de orixe gramatical, senón social.

O proceso de edición do libro xa está moi avanzado, mais falta escoller a cuberta. Poderíasme axudar?

É moi sinxeliño. Só pido que votes no inquérito que está aquí á dereita por algunha destas cinco opcións, todas elas propostas do deseñador Miguel A. Vigo:


Cuberta 1:




Cuberta 2:



Cuberta 3:



Cuberta 4:



Cuberta 5:

As votacións estarán abertas até o vindeiro 3 de setembro.

Se ademais de votares, queres tamén deixar a túa opinión, podes facelo nos comentarios deste mesmo blogue ou na miña páxina en Facebook.

Parafraseando ao Wyoming, o que Galiza vota vai á misa! ;)

Moitas grazas!

20 de ago. de 2012

Até sempre, Avelino!


Mañá, 21 de agosto, estará aberta até as 19 h a capela ardente do  irmán maior Avelino Pousa Antelo. Será no local sociocultural da Ramallosa, a carón da Casa do Concello de Teo. Non deixemos de lle tributar a homenaxe debida ao compañeiro que se nos foi, mais que permanecerá para sempre como exemplo e símbolo desta nación que quere continuar a existir.

Sobre a súa irreparábel perda enviei este artigo para Sermos Galiza:

Até sempre, Avelino!

Morreu o incansábel compañeiro Avelino Pousa Antelo. Foise un testemuño da loita polo autogoberno reprimido en 1936, si. Foise a derradeira voz que nos falou en primeira persoa de Daniel Castelao, sen dúbidas. Mais que non nos presenten a Avelino só como un eco do pasado, porque é faltar á verdade.

Ben o sabemos os que puidemos escoitar as súas firmes palabras contra a manipulación de Castelao, por exemplo nos gobernos de Manuel Fraga Iribarne. Foi nunha desas ocasións cando o coñecín persoalmente. Era o ano 2002 e el mobilizouse en primeira fila, xunto coa Mesa, contra as representacións en Galiza, pagas pola Xunta, de Los viejos no deben enamorarse. Non lle importaba, como a outros proclamados “galeguistas históricos”, perder prebendas do poder autonómico por erguer a voz.

Ben sabemos que Avelino non foi un eco do pasado os miles de persoas que escoitamos as súas rexas e lúcidas palabras en varias mobilizacións convocadas pola Mesa pola Normalización Lingüística (da cal era presidente de Honra) ou pola plataforma unitaria Queremos Galego. Estaba na novena década da súa vida, mais continuaba a encabezar mobilizacións en defensa do noso dereito a existir. Quen que alí estivese non ten gravadas a lume as súas palabras? Como non lembrar a súa contundencia ao criticar os “descastados” do actual goberno autonómico? Como non respirar de novo a emoción que brotaba da súa gorxa cando contemplou a enorme resposta social para parar as medidas contra o galego do goberno de Alberto Núñez Feijóo? Aos manifestantes, desprezados polo PP e polo propio presidente da Xunta nos días anteriores, Avelino animábaos, animábanos: “Por xente coma vós, Galiza non morrerá, o galego non morrerá.”

Quererán reducírnolo a un “galeguista do 36”, mais foi moito máis ca iso. Ben o saben algúns cínicos que agora din homenaxealo, aínda que sexan os mesmiños que censuraron as súas intervencións na Radio Galega nada máis regresar o PP ao goberno da Xunta. El tomábao con humor, mais nin edulcoraba o seu discurso nin claudicaba: “Eu fun gravar á Radio Galega, mais xa supoño que non o van botar”. Os tristemente hipergobernamentalizados informativos da TVG chegaron mesmo á difamación contra a súa figura por encabezar a histórica manifestación do 18 de outubro de 2009. Mais el continuou a dar a cara e a ser a nosa voz nestes tempos tan duros de ataques contra os alicerces da nación galega.
Até sempre, compañeiro, continuaremos co teu exemplo vivo na memoria, nos afectos e na acción!

14 de ago. de 2012

Trinta e tres anos e aínda non son calvo

A través do sempre referencial blogue Trafegando Ronseis coñecín o poeta dominicano Frank Báez, recomendado alí pola nosa querida poeta Chus Pato. A ela xa non sei quen llo recomendou nin como chegou a dar con el.

Hoxe, porén, non traio aquí a Frank Báez polo que guste dos seus textos, senón pola experiencia partillada (poesía da experiencia e recepción da experiencia talvez?) de sermos ambos da quinta do 78 e, a pesar diso, aínda non estarmos calvos.

Non podía adiar a difusión destes seus versos, porque a min para os 34 xa só me restan uns poucos diíñas e, ademais, porque só na xornada hoxe me caeron uns vinte e moitos cabelos, así a ollo. Agardo que sexa pola mudanza de tempo, porque eu non comprei crecepelos no Mercadona, senón só algunha hidratante que non sei se terei que devolver porque talvez a retirasen da venda porque non é má para a saúde (pola política da empresa, é moi pouco probábel que compre alí nada máis, mesmo as cousas que, non sendo más, aínda as vendan).

En fin, aí vai o poema prometido de Frank Báez:

Treinta y tres años y aun no soy calvo

Que otros se jacten de las páginas que han escrito,
yo me vanaglorio de que no soy calvo.
Pobres papás de mis compañeritos del colegio
que con treinta y tantos ya eran calvos.
De noche rezaba y le pedía a Dios
que no dejara que se me cayera el pelo
y Dios no me defraudó
porque no soy calvo.
No soy calvo.
Nunca seré calvo.
No puedo querer ser calvo.
Tengo una buena relación
con los barberos y compro
los productos más caros.
Mi barbero me llama
cada vez que el último corte de pelo ha expirado.
Mi barbero que tiene dos años
que no prueba drogas y que se ha enliado
con una peluquera casada.
Mi barbero es mi hermano.
Pero estaba hablando de mi pelo.
Me gusta tu pelo, dice en chino
la cajera del supermercado.
¡Asia entera sueña con un día tener mis rizos!
En Taipei trataron de llevarme secuestrado.
Treinta y tres años y no soy calvo.
¡Virgen de la Altagracia! Llamaré a mis panas
para emborracharnos en el colmado.
No, mejor sigo garabateando
poemas en mi cuarto.
Quizás no pueda seguir escribiendo poesía
cuando me vuelva calvo.
Así que aprovecho ahora,
me echo todo el pelo para atrás
y aporreo el teclado.

10 de ago. de 2012

Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez

Xerais enviou onte un comunicado no cal anunciaba que para os meses de setembro e outubro se distribuirán varias novidades da editora, entre as cales estará o meu próximo libro: Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez.

Como podedes ver polo título, é un irmán siamés de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Se naquel me centro na cuestión de como podemos afrontar no noso día a día os obstáculos que se nos presentan por querermos vivir en galego, nestoutro os consellos prácticos encamíñanse ao que o seu título indica: utilizarmos unha lingua de maior calidade, co arrecendo da frescura e o sabor do xenuíno.

Aproveito para vos convidar a que me enviedes ao correo-e dereitos@carloscallon.com as vosas experiencias cos consellos que se conteñen en Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Precísoas para pór en andamento un pequeno proxecto que sirva de estímulo para que todas e todos nos activemos polo galego no noso día a día.

Continuamos!