23 de set. de 2012

Voltar a Freud


Un día coma o de hoxe, en 1939, falecía en Londres Sigmund Freud. Encontrábase aló fuxindo da persecución nazi, non só pola súa relixión (el considerábase "un xudeu sen deus"), senón tamén polas súas revolucionarias ideas que deron lugar á psicanálise. Cóntase que antes de abandonar Viena o obrigaron a asinar un documento en que dixese que non fora maltratado, ante o cal preguntou se podía pór tamén que lle recomendaba vivamente a Gestapo a todo o mundo.

O domingo pasado tiven a sorte de poder coñecer a casa en que pasou os seus derradeiros anos,  convertida en museo desde a morte da súa filla Anna. Alí están as pezas arqueolóxicas que coleccionaba, os obxectos que nos levan a anécdotas do máis interesante (Dalí, o Home dos Lobos, a Gradiva...); está alí tamén a súa apaixonante biblioteca e, claro, tamén alí encontramos o famoso diván, no cal se resume un paso enorme na Historia da Humanidade: a descuberta do inconsciente.

A pesar das moitas tentativas de linchamento intelectual ou de marxinación académica, todo o núcleo da obra de Freud continúa a ser moi necesario e moi útil para o presente. Fronte ás ordes condutistas, fronte á farmacoloxización da vida, fronte ao auxe do autoritarismo cientifista, cómpre voltarmos a ollada de novo cara aos escritos freudianos. Teñen moito para nos diciren.

Um comentário: