Esta quinta feira (xoves) 18 de outubro, ás 12 h, participarei con Quico Cadaval nunha mesa redonda organizada pola Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Pedíronme que falase durante uns vinte minutiños sobre por que(n) e para que(n) escribín os meus ensaios, tanto os de temática lingüística (En castellano no hay problema, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez) como os que son resultado de pesquisas histórico-literarias (Unha historia que nos pertence: A obra poética en galego de Lorenzo Varela e Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media).
Para min é unha alegría moi grande compartir mesa con Quico Cadaval. Non só porque sexa o seu fan, senón porque el é O Carreirán e, eu, no fondo, tamén son medio carreirán, pois meu pai pasou a súa infancia no lugar de Laxes, nesa parroquia de Ribeira.
En fin, se quixerdes e puiderdes, estades convidadas/os!
Aproveito tamén para animarvos a que aproveitedes cada minutiño que resta da campaña para traballar arduamente co obxectivo de lle retirarmos a maioría absoluta ao PP. Non vos deixedes contaminar polas megafonías do PP. Abofé que podemos deter o peor goberno da historia autonómica de Galiza.
Nenhum comentário:
Postar um comentário