13 de dez. de 2012

Presentes


Onte a plataforma Queremos Galego estivo nos edificios administrativos da Xunta en San Caetano para lle reclamar ao Goberno autonómico (aínda que máis autoanémico que nunca) que cumpra co seu cometido de defender o noso idioma e mesmo que defenda as súas propias competencias. Reclamamos, en fin, que se derroge o decreto da vergoña e que se realice unha acción institucional firme contra a lei da wertgoña.

A plataforma tivo onte un apoio emblemático: o Apalpador ou Pandingueiro, que lle levou carbón ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Educación (en alusión á política carbonizadora que está a facer co noso idioma e coa nosa cultura). Tamén lles achegou libros en galego, mais non coa finalidade de queimárenos, senón para os leren e para se decataren do valor de termos un idioma e unha cultura de noso.

Xa que andamos de agasallos, decidín pedir axuda ao Apalpador tamén para a presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, que será hoxe ás 20 h no Centro Sociocultural do Ensanche, que está na rúa Frei Rosendo Salvado 14-16 de Santiago de Compostela. Así, todas as persoas que asistan cun exemplar do libro ou que o adquiran no propio acto terán un presente a maiores.

Continuamos!


Nenhum comentário:

Postar um comentário