Hoxe recomezo as presentacións do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, pois xa chegaron de vez os exemplares da segunda edición. Así, verémonos en Ribadavia co compañeirazo Eladino Cabanelas ás 20 h no pub Aljama. As persoas que compren un libro no acto ou que o traian da casa terán un pequeno agasallo.
Este regreso de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez chega moi oportunamente, pois o vindeiro 27 de xaneiro temos manifestación nacional en defensa da nosa lingua e todos os actos dos próximos días tamén se destinarán a conversarmos sobre a importancia desta mobilización. Ti, que amas o galego, de ningún xeito podes faltar o 27!
Por último, teño que agradecer que as lectoras e os lectores das referenciais Fervenzas Literarias decidisen colocar este libro como finalista nos premios á mellor obra de ensaio publicada en galego en 2012 e que puxesen tamén esta paxiniña en que escribo como finalista aos mellores blogues. Obrigadísimo polo recoñecemento, parabéns a todo o resto das e dos finalistas, así como o meu aplauso ás distinguidas e aos distinguidos cos premios! Viva a nosa cultura, viva!
Nenhum comentário:
Postar um comentário