O 3 de xaneiro tivemos unha "asemblea de formiguiñas" en Cedeira para conversarmos sobre propostas e estratexias para defendermos máis e mellor o noso idioma. Esa reunión tivo como un dos puntos de debate e traballo o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Tamén falou sobre a situación actual do noso idioma e os retos do activismo o Fernando Igrexas (responsábel da Mesa en Cedeira) e o Gabriel Beceiro reflexionou sobre a situación do galego tomando como contrapunto a situación do catalán no Principat, en concreto no ámbito do ensino. O día deu para un produtivo diálogo con toda a xente que asistiu e se decidiu a dar a súa opinión.
Velaquí van algunhas fotografías da xornada, que podedes consultar na páxina da asociación Olláparo:
Hoxe continúo este proceso de realización de "asembleas de formiguiñas" por toda Galiza. Nesta ocasión o punto para o debate será o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez e o lugar de encontro será a asociación de veciñas e veciños Campo da Feira, en Paiosaco. Todas e todos os asistentes levaremos tamén na cabeza que temos que mobilizar moita xente para a manifestación nacional para o 27 convocada por Queremos Galego, a plataforma unitaria impulsada e coordinada pola Mesa.
Igual que noutros actos anteriores, todas as persoas que veñan cun exemplar de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez ou o adquiran no propio acto terán un agasallo.
A segunda feira tocará presentación en Marín.
Continuamos!
Nenhum comentário:
Postar um comentário