“Se queremos vencer”, por Carlos CallónNeste 2013 fanse os 150 anos da impresión do primeiro libro monolingüe en galego. Aínda permanece en pé esa “bandeira” que a súa autora, Rosalía de Castro, ergueu para “chamar as xentes á guerra”, nas súas propias e elocuentes palabras.Un século e medio despois, a pesar de moitos períodos de forte persecución, o idioma galego permanece vivo e mesmo realizou significativas conquistas simbólicas. No entanto, a acusadísima perda de falantes e a reproscrición do galego de espazos nos cales comezaba a asomar a cabeciña fan que as persoas con consciencia lingüística agudicemos a nosa sensación de sermos “estranxeiras na propia patria” –tal e como dicía tamén Rosalía– ou mesmo de estarmos nun tempo de transición cara á nosa definitiva desaparición como pobo.Mais aínda que non se poden negar estas evidencias fatais, hai elementos positivos que non podemos deixar de lado. Por unha banda, a pesar do copioso sangrado na transmisión entre xeracións, as persoas que deciden exercer como galegas en todos os ámbitos e que non están dispostas a renunciar aos seus dereitos son moitas máis que noutras etapas históricas recentes. Existe tamén, como se pode ver nas mobilizacións convocadas pola Mesa ou por Queremos Galego, unha parte importante da sociedade que, aínda que non use o idioma propio a cotío, si está disposta a mobilizarse na súa defensa.Cómprenos tamén sermos quen de chegar máis e mellor a toda esa xente que nunca se mobilizou polo galego, mais que sente a lingua do país en termos afectivos. Temos que explicarlles que, nun momento tan convulso como o actual, é cando máis necesaria é a cohesión social que achega o feito de termos un idioma propio. Temos que facerlles ver que hai quen quere que perdamos a nosa identidade porque non queren que Galiza sexa unha nación, senón unha terra para espoliar, unha suma inconexa de persoas sen ligazóns colectivas, sen vínculos comunitarios, senón simple man de obra para exportar… Fronte a todo iso, como ben poetizaba Manuel María, “precisamos a lingua se queremos vencer”. Por iso as agresións son tan fortes. Por iso afianzaremos a bandeira.
9 de fev. de 2013
Precisamos a lingua se queremos vencer
Velaquí o artigo que publiquei no xornal dixital e semanario en papel Sermos Galiza. Precisamos o idioma, máis que nunca, nestes tempos tan convulsos!
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário