23 de fev. de 2013

Rosalía de Castro, escritora nova


Unha escritora de hoxe que ande pola década dos vinte entra de chupo na categoría de "escritora nova". É sabido que os tempos que lle tocaron a Rosalía, falecida con só 48 anos, e os que nos tocaron a nós non teñen a mesma distribución das etapas vitais. Así e todo, abraiémonos un pouco ao lembrarmos que esa peza chave da historia de Galiza que foi a publicación dos Cantares gallegos se produciu cando esta autora forte, atrevida e enormemente talentosa contaba só vinte e seis anos de idade.

Esta que aquí inclúo é unha fotografía de Rosalía na década de 60 do século XIX, polo que é máis ou menos na época dos Cantares. É unha Rosalía moza, que pode e debe servir tamén de exemplo para a xente nova de hoxe.

Lembremos que, só antes de facer os trinta anos, Rosalía xa publicara varios romances, contos (incluído o primeiro en galego, co significativo título "Contos da miña terra, I", que non "Conto gallego", como se rebautizou), poemarios e -con vinte e un anos!- o primeiro manifesto feminista da Península: "Lieders". Alí exclamou, aínda na lingua oficial do Estado, en que aprendeu a ler e escribir: 
Solo  cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios aunque alrededor hubiese sentido, desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud. (...)

Cuando los señores de la tierra me amenazan con una mirada, o quieren marcar mi frente con una mancha de oprobio, yo me río como ellos se ríen y hago, en apariencia, mi iniquidad más grande que su inquidad. En el fondo, no obstante, mi corazón es bueno; pero no acato los mandatos de mis iguales y creo que su hechura es igual a mi hechura, y que su carne es igual a mi carne.
Neste 2013 fanse 150 anos dos Cantares gallegos, do primeiro libro monolingüe contemporáneo no noso idioma, un idioma que estaba totalmente excluído de calquera ámbito de poder ou de uso culto, a pesar de ser o maioritario da poboación.

Grazas á Asociación de Escritores en Lingua Galega, esta fin de semana será unha festa por toda Galiza para celebrarmos o Día de Rosalía, para nos alegrarmos de que existise esta persoa que se atreveu a erguer a voz e a dar un paso adiante en defensa do que ela cualificaba como a súa Patria; esa Galiza á que lle dicía: "non debes chamarte nunca española".

Eu estarei hoxe no acto que se vai realizar ás 19 h na Casa do Pescador en Ribeira, organizado pola asociación Altofalante, e farei todo o posíbel para estar mañá no acto nacional no Panteón de Galegos Ilustres. Ademais, a ver que libros en galego e que flores agasallo! ;)

Nenhum comentário:

Postar um comentário