Por vez primeira en moitos anos o Consello da Cultura Galega convidou un representante da Mesa pola Normalización Lingüística para participar nas súas actividades. Isto, por si só, xa dá para reflexionar moito sobre o papel, as funcións e as limitacións deste organismo estatutario no cal non teñen voz ningunha entidades incómodas para o poder, como o é a maior asociación cultural de Galiza, ou como o é tamén a Asociación de Escritores en Lingua Galega, por citar só dúas exclusións notorias.
Nos dez minutos que tivo para intervir ese representante da Mesa -que, nesta ocasión, fun eu- expuxéronse as principais actividades mobilizadoras que se impulsaron en defensa do galego nos últimos tempos. Algúns dos comentarios tiveron eco informativo, por exemplo
aquí,
aquí e
aquí.
Hoxe quero pendurar neste blogue algunhas frases soltas que anotei dos outros participantes na palestra e que a min me pareceron de especial interese, aínda que sexan por razóns diferentes. Van:
Paz Lamela (primeira responsábel de Política Lingüística na Xunta e con responsabilidades de goberno con Alianza Popular e o Partido Popular)
- "Loitabamos contra algo que había naquela época, que eran os lusistas, e non colliamos profesores deses."
- "Cochón [conselleiro de Sanidade] meteu a pata e fixo unha baremación como os cataláns para o persoal de Sanidade."
- "Hai que reforzar o castelán e o galego."
- "Tivemos problemas cos centros, porque algúns querían dar galego de máis e outros querían dar galego de menos."
- "Dixéronme 'vai cos galeguistas, que che abren as portas na Facultade de Filosofía'".
Carme Vidal (xornalista de longa traxectoria, na actualidade en
Sermos Galiza)
- "O galego nas portadas dos xornais galegos ocupa o 0,09% ao ano".
- "Mentres o galego desaparece dos medios subvencionados pola Xunta, os medios en galego carecen desas axudas."
- "Estamos no peor momento dos últimos trinta anos para o galego nos medios de comunicación."
Xaime Subiela (sociólogo)
- "O galego ten que comprenderse no horizonte de oportunidades, non só económicas, que nos abre o portugués."
Iván Vaqueiro (director de proxectos da Federación Galega de Parques Empresariais)
- "O futuro do galego no sector económico pasa polos países de lingua portuguesa."
- "O PIB de todos os países de lingua portuguesa, excepto Portugal, está a crecer exponencialmente."
- Non é unha frase literal, mais subliñou que non se ten presente o peso das importacións e exportacións de Galiza aos países de lingua portuguesa por exemplo na abertura de oficinas comerciais.
- "Angola é o país que máis creceu no mundo o ano pasado."