16 de mai. de 2013

Faltan unhas horas para unha nova demostración de amor ao galego

Mañá ás 12 do mediodía volveremos a percorrer as rúas de Santiago de Compostela como demostración de amor á agredida lingua que nos une como galegos e galegas.

Mantemos nos nosos lemas as vellas reclamacións da igualdade de oportunidades para o noso idioma, exemplificadas cada vez con máis novos e máis agresivos casos, que as persoas que pasades decote por este blogue coñecedes ben. Non estamos nun tempo fácil, abofé que non, e por iso cómpre máis que nunca que ergamos a nosa voz. Ninguén que ame a lingua galega debe ficar mañá na casa.

No que fican destas horas cara á manifestación, gravarei algunhas entrevistas e un debate, mais tamén participarei ao vivo en Radio Allariz ás 16 h e en Rádio Filispim ás 21.15 h. Pola mañá tiven unha entrevista en Radiofusión, que podedes ouvir nesta ligazón e participei nunha conferencia de imprensa no Parlamento de apoio ao profesorado do Celga, de denuncia da situación de precariedade en que se encontran e da desatención para o alumnado potencial. O mínimo que pode facer unha política lingüística seria é cubrir a demanda que existe para a formación no noso idioma, algo que está moi lonxe de acontecer nestes momentos.

Ademais, ás oito do serán ministrarei unha conferencia no Auditorio Reveriano Soutullo de Redondela, convidado por Galiza Nova do Condado.

Nas horas que faltan aínda podedes, aínda podemos, animar moita máis xente a que participe na mobilización de mañá. Fagámolo! Porque non queremos ser estranxeiras na propia patria! Queremos galego!


Nenhum comentário:

Postar um comentário