
Como sabedes as persoas que pasades habitualmente por este blogue, o que imos presenciar esta mañá é un novo episodio no kafkiano caso en que un xuíz, o ex decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, decidiu denunciarme porque lle recordei que tiña que cumprir e facer cumprir a Lei de normalización lingüística. Por tan gravísima ofensa, realizada en 2008, pídeme 15.000 euros de indemnización. Como tamén sabedes, non é a primeira vez que este home interpón denuncia contra alguén polo feito de defender o galego: xa antes aconteceu cos veciños de Oleiros Eduardo Álvarez e Carlos Aymerich.
Que se encause a quen solicita o cumprimento da Lei de normalización lingüística (considerada unha das leis básicas de desenvolvemento estatutario) é un xeito moi peculiar de festexar o 30 aniversario desta norma, que se fai xustamente nestas semanas. Que ademais para este proceso en concreto haxa procedementos xudiciais extraordinarios dá para pensar sobre a igualdade de todas e todos perante a Xustiza.
Non é só que se pertences a determinadas familias de sangue azul poidas resultar inmune, como vimos nestes días, senón que se defendes o galego ou lle recordas a un xuíz que temos dereitos lingüísticos debes pasar por un vía crucis de burocracia xusticeira, parece que até conseguir por fin un tribunal que condene. Se non é así, que expliquen como é que a Audiencia Provincial fai hoxe vista para un recurso contra unha sentenza contundentemente absolutoria, situación insólita que habería que sumar ao feito de que xa no seu día houbese xuízo a pesar de que tanto a xuíza instrutora como a Fiscalía consideraban que non había nin delito nin falta en recordar que hai que cumprir a Lei.
Non podo finalizar esta entrada sen agradecer desde aquí todas as mensaxes de apoio que me están a chegar. Tede a certeza de que non vou calar, de que non imos calar!
Continuamos!
Nenhum comentário:
Postar um comentário