O sábado fanse tres longas décadas da promulgación da Lei de normalización lingüística, unha norma básica de desenvolvemento do Estatuto de Autonomía que debería alicerzar un tempo de recoñecemento oficial do noso idioma propio, que debería axudar a sandar as feridas de tanto tempo de proscrición.
Talvez unha boa síntese do que supoñen eses 30 anos sexa o acto organizado polo BNG en Muros para este sábado. O evento festexa que existe unha lingua e que continuamos a batallar pola súa plena normalización, sen dúbida, mais tamén denuncia que nestes momentos hai un veciño desa localidade, Xosé Ramón Farinós, sobre o cal pesa unha demanda por valor de 250.000 euros. A razón? Que lle afeou ao asesor xurídico do Concello de Muros que prohiba aos veciños falar en galego.
Un cuarto de millón de euros por pedir que se respecte a Lei de normalización lingüística! Un cuarto de millón de euros por denunciar a noxenta prohibición do uso dun idioma!
Que forma tan curiosa ten o Concello de Muros de soprar as 30 candeas desta norma que debería ser o símbolo dun tempo novo e que, polo contrario, é o símbolo dun engano, dunha frustración!
Se vos for posíbel, vémonos este sábado. Cómpre que non haxa ningunha agresión sen resposta!
Nenhum comentário:
Postar um comentário