Convidáronme desde V televisión a participar esta noite na primeira parte do coñecido programa de actualidade que conduce Fernanda Tabarés. O tema central para tratar é a decisión do goberno da Xunta de continuar coas pseudoconsultas ás familias, a pesar de que foi un punto tombado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en varias sentenzas. Así, a Xunta di por unha banda que non recorre as sentenzas, mais pola outra banda actúa como se tales sentenzas non existisen. Sobre isto reflexiona tamén hoxe en Sermos Galiza Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, no artigo "O galego, a impunidade e a mentira".
Non se poden chamar "consultas" unhas preguntas amañadas, cuxos resultados non son públicos e que só se teñen en conta para reducir a presenza do galego na escola. Pensemos, por exemplo, que as únicas "consultas" de que se coñeceu o resultado, as realizadas en 2009, o que facían era apoiar o decreto entón en vigor, o que garantía cando menos o 50% do ensino no noso idioma.
Mais deixemos iso de lado un momento e preguntémonos en voz alta como é que un goberno tan xordo ás reivindicacións sociais, tamén no ámbito educativo (bolsas, comedores, despedimentos de profesorado, etc., etc.), pon tal empeño en finxir que escoita neste punto. É evidente que se trata dunha falsa escolla.
Nenhum comentário:
Postar um comentário