27 de out. de 2013

O medo manda

Fantásticas reflexións e historias do Eduardo Galeano, moi acaídas para este noso tempo, tempo do medo:




26 de out. de 2013

Hoxe, vémonos en Láncara

Esta mañá entrégase á Mesa o premio Ramón Piñeiro - Facer País. Será en Láncara, así que se andades polos arredores xa sabedes que estades máis que convidadas e convidados!

O programa é o seguinte:

XII Edición
Entrega do premio "Facer País"

Data: 26/10/2013

11.00 h. Casa do Concello (Póboa de S. Xiao) - Láncara
- Recibimento da Mesa pola Normalización Lingüística, polo alcalde e corporación e mais a Asociación Cultural "Val de Láncara". Sinatura no Libro de Honra.

11.30 h. Láncara
-Visita á casa paterna de Fidel Castro e de Raúl Castro.
-Almorzo na casa de Láncara

12.45 h. Carracedo
-Recibimento na Ponte Romana. Benvinda á Mesa pola Normalización Lingüística a cargo da Asociación Cultural "Val de Láncara" e mais do Alcalde de Láncara.

13.45 h. Comezo dos actos de entrega do XII Premio "Facer País".
Presentación do acto a cargo de Isabel Risco (actriz).

Intervencións:
-Lectura da acta e motvos polos que se concede o pemio a cargo da Asociación C. "Val de Láncara".
-Louvanzas á Mesa pola Normalización Lingüística, polo profesor de Ciencias Políticas na USC e analista político, Antón Losada.
-Entrega do Premio a cargo de Agustín Fernández Paz. (Finalmente, por razóns de saúde, o amigo Agustín non poderá estar presente.)
-Intervención de Carlos Callón, representante da Mesa pola Normalización Lingüística.

14.30 h. Xantar de Honra, no cal poderán participar todas e todos os que o desexen, previa retirada do convite.
Intervencións musicais e demais persoeiros relacionados co mundo da cultura, para celebrar o XII Premio "Facer País".

Continuamos!!!!!

18 de out. de 2013

Non nos resignamos

Hai hoxe, 18 de outubro, catro anos da primeira gran manifestación de Queremos Galego fronte ás políticas galegófobas de Alberto Núñez Feijóo. A dese día estivo entre as primeiras reaccións dunha parte importante da sociedade galega, que deu e dá un exemplo de mobilización en defensa da súa cultura.

Non son moitas as nacións do mundo que, sen case recursos económicos e sen apoios mediáticos, son quen de sacaren á rúa 100.000 persoas por razóns lingüísticas ou culturais. Por riba, a pesar do desgaste continuado e intenso practicado polo PP, en Galiza aínda se mantén esta tensión reivindicativa, como se demostrou por exemplo o pasado 17 de maio, cando nos mobilizamos de novo masivamente polo galego, no medio dun amplo calendario de manifestacións por mil roubos e retrocesos.
 
Ningunha das accións que fixemos, que facemos e que faremos son en balde. É boa verdade que algúns froitos xa os recollemos, mais a ceifa desta sementeira aínda ha ser moito, moito máis xeitosa no futuro!

Continuamos no combate polos nosos dereitos lingüísticos! Temos dereito a existir!


14 de out. de 2013

Con fluidez

Así de fachendoso me pediron que me puxese para unha foto para o Diario de Pontevedra antes da presentación na cidade ídem de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez.

O título desta nota que publicaron é máis interesante do que pode parecer. Entre a corrección e a fluidez, escolleron a segunda. Con razón. Porque da fluidez, do soltarse a falar en galego con comodidade e sen medos, irá chegando tamén a corrección; retroaliméntanse. En galego, igual que no resto das linguas.

E ti? Aínda non te pasaches para o galego? Por que agardar para mañá? Súmate!






10 de out. de 2013

Mais ti vas indo, vas indo

Outro excelente vídeo musical para outro magnífico tema, neste caso baseado nun deses enigmáticos poemas de Rosalía:



O vídeo vaise presentar en sociedade esta sexta feira en Santiago.

7 de out. de 2013

Fomos de asemblea


O sábado pasado foi un día ben completiño. Pola mañá houbo asemblea nacional da Mesa, que este ano foi en Ferrol. Alí debatemos bastante, dun xeito sempre aberto e coido que moi útil, sobre as nosas actividades dos últimos tempos, as liñas de traballo cara ao futuro... En fin, as nosas limitacións, os nosos logros e os nosos retos.

Ademais das cousas que tiveron máis relevo nalgúns medios de comunicación, como o novo impulso a Abertos ao Galego, tamén se aprobaron outras accións que iremos presentando nas próximas semanas.

Tras a xuntanza, algúns dos alí congregados fomos xantar a un restaurante da cidade. Non só nos deron de comer moi ben, senón que ademais teñen a carta en galego, xa que o propietario é sensíbel con varias causas sociais, entre elas a da nosa cultura e a dos nosos dereitos lingüísticos. Sen dúbidas que voltaremos por alí!

Após a sobremesa, baixamos a comida cun roteiro por Ferrol, no cal nos guiou o noso socio Francisco Rodríguez. Para min houbo varias descubertas fantásticas nese itinerario e hai algúns deses lugares que conto con visitar axiña de novo.

Foi, pois, un sábado de descubrimentos e redescubrimentos. Dan gusto os días así para coller forzas!

3 de out. de 2013

Chega a cuarta edición de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez

Estou moi contento pola nova que me deron desde Xerais: o libriño Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez chega nestes momentos ás librarías xa na súa cuarta edición, cando falta pouco para que se faga un ano da súa saída.

Que nun momento de estafa económica, agresións institucionais contra o noso idioma e crise editorial se puidese conseguir este pequeno éxito non só amosa o que xa se ten indicado desde a crítica, que cubría un certo oco no noso mercado, senón, sobre todo, o máis importante, que hai unha parte significativa da sociedade galega que non está disposta a renunciar á única lingua propia de Galiza.

Como este é un libro para o activismo e para o combate, levo tamén estes meses percorrendo Galiza de norte a sur e de leste a oeste facendo presentacións. Mañá é a vez da cidade de Pontevedra, nun acto organizado pola Fundación Alexandre Bóveda no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais, ás 20 h. Se quixerdes e puiderdes, alí nos veremos.

Continuamos!


(A fotografía correspóndese cun momento da presentación do libro na Estrada, no pasado mes de maio.)

2 de out. de 2013

Acusacións, absolucións e condenas

A semana pasada, o director da CRTVG respondeu á deputada Ana Pontón que si informaran nos telexornais dos xuízos na miña contra e non da miña contundente absolución porque, na súa opinión, o "interesante" era que me acusasen, non que me desen a razón e se demostrase que se trataba de acusacións inxustas e mesmo ilegais. Dito dun xeito máis cru: que os directivos da RTVG ben saben que manipulan e criminalizan, mais que ese é o seu obxectivo.

Se as absolucións non interesan e si as acusacións ou os xuízos, haberá que preguntarse por que motivo a RTVG silencia os casos do ex alcalde de Santiago, até hai nada peso pesado do PP galego e caro amigo de Alberto Núñez Feijóo, Xerardo Conde Roa. Onte condenárono a dous anos de prisión e a unha multa de máis de medio millón de euros. A TVG fixo como se a nova non existise.

Conde Roa xa fora tido por "nada interesante" con anterioridade pola TVG, mesmo con algún tratamento informativo que merecería o premio á manipulación do ano. Penso en cando reduciron a petición de prisión e de sanción económica por parte da fiscalía contra este dirixente do PP ao seguinte texto, que cito completo, porque nada máis se comentou no Telexornal: "Remata a fase de instrución do caso por unha suposta fraude fiscal contra o que fora alcalde popular de Santiago, Xerardo Conde Roa".

Non merecemos uns medios públicos que manipulan, silencian e terxiversan deste xeito. Queremos que deixen que as e os profesionais da RTVG poidan traballar como saben facelo.

Fóra os censores de San Marcos!

Si á pluralidade informativa!

Si á creación dun consello de informativos!

Si á potenciación da nosa cultura!

Si á ética xornalística!

1 de out. de 2013

É boa vila e dá de beber a quen pasa

Esta sexta feira -véspera, por tanto, da Asemblea Xeral da Mesa deste ano-, andarei por Pontevedra para o acto de presentación aló do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Organízao a Fundación Alexandre Bóveda no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (na foto).

Se tiveres interese, deixo aquí a ligazón ao evento no facebook.

Continuamos!