7 de out. de 2013

Fomos de asemblea


O sábado pasado foi un día ben completiño. Pola mañá houbo asemblea nacional da Mesa, que este ano foi en Ferrol. Alí debatemos bastante, dun xeito sempre aberto e coido que moi útil, sobre as nosas actividades dos últimos tempos, as liñas de traballo cara ao futuro... En fin, as nosas limitacións, os nosos logros e os nosos retos.

Ademais das cousas que tiveron máis relevo nalgúns medios de comunicación, como o novo impulso a Abertos ao Galego, tamén se aprobaron outras accións que iremos presentando nas próximas semanas.

Tras a xuntanza, algúns dos alí congregados fomos xantar a un restaurante da cidade. Non só nos deron de comer moi ben, senón que ademais teñen a carta en galego, xa que o propietario é sensíbel con varias causas sociais, entre elas a da nosa cultura e a dos nosos dereitos lingüísticos. Sen dúbidas que voltaremos por alí!

Após a sobremesa, baixamos a comida cun roteiro por Ferrol, no cal nos guiou o noso socio Francisco Rodríguez. Para min houbo varias descubertas fantásticas nese itinerario e hai algúns deses lugares que conto con visitar axiña de novo.

Foi, pois, un sábado de descubrimentos e redescubrimentos. Dan gusto os días así para coller forzas!

Nenhum comentário:

Postar um comentário