4 de dez. de 2013

Deben rectificar de verdade

O Ministerio de Economía díxolle a algúns medios de comunicación, como por exemplo ao programa de Julia Otero en Onda Cero, que as persoas que entregaran un documento en galego aínda tiñan un tempo para rectificaren:



    
    
    
    
    
    
    
    

  
Más audios en Onda Cero

 
Xa vedes que para o Ministerio "rectificar" significa que esas persoas achanten e enterren / enterremos o galego como idioma de uso oficial. De calquera xeito, a vergoña sobe aínda algúns graos cando observamos que, menos de vinte e catro horas despois de declararen tal cousa, xa ditaron a resolución definitiva dos contratos predoutorais, onde toda esta xente fica excluída. Toda unha mostra de cinismo, insensibilidade e propaganda, que di moito de quen así actúa.

Quen debe rectificar, de verdade e con urxencia, é o Ministerio.

Mentres todo se consuma, a Xunta ofrécese para traducir a documentación en galego que o Goberno español debería admitir por Lei. Lembremos que é a propia Administración central a que ten a obriga de se encargar de traducir os documentos dun expediente redixidos nunha lingua oficial diferente do castelán cando teñan que surtir efectos fóra do territorio da correspondente comunidade autónoma. Non é o goberno autonómico o que ha de exercer de axencia de tradución gratuíta para os outros poderes públicos, pois tamén esoutras administracións teñen de recoñecer de seu a oficialidade do noso idioma. Entre outras normas, así o estabelece o artigo 36 da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administración públicas e procedemento administrativo común e a disposición adicional sexta da Lei 11/2007, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

O conselleiro de Educación, ademais, aproveita para animar as universidades a que deixen de utilizar a lingua de Galiza para os usos administrativos normais. Jesús Vázquez Abad, ben coñecido por todo o dano que ten feito ao noso idioma, non deixa pasar ningunha oportunidade para dar patadas na nosa cultura. É ben triste, ben indignante.


Non sería o lóxico, o cívico e o correcto institucionalmente que a Xunta instase o Ministerio a cumprir a Lei e defendese o galego, as nosas universidades e os nosos estudantes?

Onda fican os nosos dereitos se poden ser pisados desta maneira por uns poderes públicos intolerantes ante a diversidade cultural que existe no Estado español?

"Haberá que combatelo", concluía solidariamente a Julia Otero ao abordar este tema. Continuaremos a combatelo, abofé! Falamos galego e temos dereitos!

Nenhum comentário:

Postar um comentário