Esta mañá participei, en representación da Mesa pola Normalización Lingüística, nunha conferencia de imprensa no Parlamento galego para reclamar a racionalización e dignificación do sistema de certificación oficial de lingua galega, os Celga.
A miña chegada á sala da conferencia de imprensa -solicitada por PSOE, BNG e AGE- acabou sendo un sainete, polos hiperburocratizados métodos de acceso que ten a cámara do Hórreo. Demorei un bo tempiño entre que me querían dar un adhesivo na primeira porta de entrada e ficaron sen papel, que foron procurar á segunda porta (pola que eu tería que pasar inmediatamente, mais para a cal non tiña licenza para me achegar sen esa identificación); na seguinte porta colleron ese adhesivo (que ninguén máis viu porque o traxecto entre un punto e outro é moi curto), tirárono (!) e mudárono por outro. Por último, indicáronme que debería ir ao balcón que está en fronte do punto anterior para que informase de que ía entrar...
Tampouco é que accedese na miña vida a moitos Parlamentos, mais en ningún dos que o fixen (o Congreso dos Deputados, o Parlamento europeo, o Parlamento catalán, a Asemblea Nacional de Gales...) vin tal nivel de barreiras e normas absurdas que supostamente se fan por seguridade. Cal será a seguridade que supón a mudanza de adhesivos?
Bon, en calquera caso, imos ao importante. Na conferencia de imprensa repasamos o substrato caciquil da concesión dos cursos, a falta de dereitos laborais do profesorado, a proposta de sanción por case 300.000 euros que ten a Xunta pola vulneración de tales dereitos... E, en fin, recordamos que o máis básico de entre os básicos que pode facer o Goberno galego para apoiar o noso idioma é garantir que calquera persoa que quixer estudar galego teña a posibilidade de o facer, que exista unha oferta de cursos Celga que satisfaga a demanda que hai na sociedade. Mais, con este goberno, nin iso. Nin iso!
Nenhum comentário:
Postar um comentário