27 de mar. de 2014

Vémonos mañá e pasado en Iruñea e Donostia


Ademais do acto sobre o que se informa no cartaz, lembrade que tamén nos podemos ver por Euskal Herria nestas dúas ocasións:

Acto no Lar Galego de Iruñea, o 28 de marzo ás 19.30 h.

Acto na Casa de Galiza de Gipuzkoa, o 29 de marzo ás 19 h.

Continuamos!

25 de mar. de 2014

Actos en Iruñea e Donostia

Confirmo a axenda pública que terei esta fin de semana en Euskal Herria:
  • Sexta feira (venres) 28 de marzo ás 19.30 h, presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez no Lar Galego de Iruñea.
  • Sábado 29 de marzo ás 10.20 h, mesa redonda con Ferran Suay, Francesc Marco e Iñaki Lasa. (En Iruñea. Confirmarei lugar exacto.)
  • Sábado 29 de marzo ás 19 h, presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez na Casa de Galiza en Gipuzkoa.
Continuamos!

24 de mar. de 2014

De Bertamiráns a Euskal Herria

A semana pasada conversamos en Bertamiráns sobre Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Isabel Vaquero fixo un repaso pola obra e abriu xeitosos espazos para o debate, mentres a xente que asistiu comentou anécdotas do máis interesante sobre o tema, sobre as que volverei. En definitiva, que foi un bo e útil serán.

Esta semana que agora comeza continuamos con dúas novas presentacións: a sexta feira (venres) no Lar Galego en Iruñea e o sábado na Casa de Galiza en Gipuzkoa, en Donostia. Entre hoxe e mañá darei todo o resto de detalles de ambos os actos. Ademais, o sábado pola mañá en Iruñea tamén participarei nunhas moi interesantes xornadas sobre as que porei axiña máis información.

Mentres, vou deixando aquí dúas fotiños do acto de Bertamiráns, unha de Rafael Gaioso e outra de Xosé Antonio Rubal.

Continuamos!

23 de mar. de 2014

Auguiña de sete fontes (24)

Dinesh Bugra: o primeiro presidente declaradamente homosexual da Asociación Mundial da Psiquiatría.

Candidatas a Miss Venezuela cosen a lingua para baixaren de peso.

Unha desas novas que non saen na TVG e si na inmensa maioría do resto dos medios de comunicación.

Capacitados para o sexo

"O proceso de reforma do aborto pasa por obrigarnos a esquecer o que xa fora conseguido", Yolanda Ferreiro Novo, entrevistada por Beti Vázquez.

A Mesa considera que a decisión da Xunta de despedir o profesorado Celga é "dunha mesquindade infinita".

O libro de João I de Portugal achado en Lugo e a ética nas 'descubertas' de inéditos.
Sobre este non me podo resistir a extractar estes tres parágrafos:

Lembran, cunha mirada de paciencia e ironía, casos que lles pasaron ao longo destes anos. “No ano Pascual Veiga fomos á Real Academia Galega onde hai un fondo Pascual Veiga. Alí vimos unhas partituras que pensamos descoñecidas, algunha en galego. Ía transcribilas con lapis e papel, que era o que levaba enriba nese momento, mais dixéronme que non fixera iso, que non facía falla, que eles mo mandaban dixitalizado”. E esperaron ese envío. E, como din, “esperamos, esperamos, esperamos... e nunca chegou. Preguntamos, e dicíannos xa no 2007 que había un investigador que ía sacar unha edición desas partituras... pero até hoxe, nada”. Ou sexa, unha porta pechada a coñecer máis sobre a obra (pode que até inédita) de Veiga.
E enumeran máis casos. O dun convento de Monforte con antiguas partituras de música en cifra para órgano (pode que algunhas das cales podían ser de gran importancia). A responsábel do 'arquivo' pasou dunha colaboración inicial a, segundo intuía o que se atopara, a pechar a vía a todo estudo e colaboración. 

Ou tamen o do Mosteiro de Valdeflores, en Viveiro. Alí, no ano 2008 durante as visitas previas á catalogación dos órganos, a monxa organista lles informou da existencia dun “arcón” con música, cartas dunha monxa con músicos, entre eles José Pacheco mestre de capela de Mondoñedo e pode que música orixinal. Comentaron este feito cunha profesora e pianista galega, ofrecéndolle que colaborase na investigación deste fondo e, cando decidiron ir a investigalo atoparon que, sen avisarlles, xa fóra pola súa conta a pianista sen lles dicer nada.

19 de mar. de 2014

Unha canción para o Día dos Pais

Tout le monde sait comment on fait les bébés,
mais personnes sait comment on fait des papas.


Gustei moito da reflexión que fixo o psicanalista Eduardo Scarone a partir deste temazo. (É o texto que vai após o de Miquel Bassols; sinto non ter ligazón directa.)

18 de mar. de 2014

De Ribeira a Bertamiráns

Voltei cargadísimo de forza da presentación en Ribeira na sexta feira pasada. Non podo ter máis que palabras de agradecemento e afecto para a asociación Altofalante, para a hipermegadinámica profesora Marián González e para todas as persoas sensíbeis co idioma noso que ateigaron a Casa do Pescador. Obrigado tamén aos medios de comunicación que se fixeron eco do evento, como o xornal La Voz de Galicia (aí está unha ligazón á nova que publicaron o domingo) ou a Radio Arousa. Grazas así mesmo a Marivén Sampedro e a Aida por toda a axuda.

Mañá, 19 de marzo, continuamos coa pequena xira de presentacións deste mesmo libro, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Será ás 20 h no Café Ferlós de Bertamiráns, coa lingüista Isabel Vaquero.

Mentres, vai unha seleccionciña de fotos do acto de Ribeira:







 





11 de mar. de 2014

36 anos sen Cloclo

Unha amiga avísame de que hoxe é o 36 aniversario da morte de Claude François, un cantor que a ambos nos divirte. Así que é unha boa escusa para bailarmos un pouquiño con el nestes días solleiros:









8 de mar. de 2014

Aí estarei mañá ás 12


Temos a tristura duns gobernos retrógrados, mais a alegría dunha sociedade que non quere renunciar a dereitos tan fundamentais.

O dereito de escoller é a verdadeira aposta pola vida.