9 de abr. de 2014
Carta de despedida da presidencia (e de continuidade do activismo!)
Compañeiras e compañeiros
da Mesa pola Normalización Lingüística:
Persoas que amades o idioma de Galiza
mais que (aínda) non facedes parte da Mesa:
A Mesa pola Normalización Lingüística, a maior asociación cultural de Galiza, vai realizar asemblea nacional o vindeiro 26 de abril pola mañá no Centro Sociocultural Ágora da Coruña. Entre os puntos incluídos na convocatoria figura o da elección dunha nova Comisión Permanente. Após un longo período de reflexión, decidín que non vou encabezar ningunha candidatura, de forma que poño punto final ao período en que tiven a responsabilidade e a honra de presidir esta entidade.
Hai dúas razóns para isto. A primeira, porque entendo que hai que promover as renovacións para mellor sempre que se puider. Cómpre animar a que asuman responsabilidades en primeiro plano persoas que non só saberán profundar máis nos acertos, senón que poderán tamén corrixir erros e superar algunhas limitacións. Nese senso, estou moi satisfeito por saber que axiña se presentará ao público unha candidatura continuadora, con membros da actual dirección da asociación e coa incorporación de novas mans. Para elas e eles toda a forza e todo o apoio!
O outro motivo é que, persoalmente, preciso tamén iso que se di de “asumir novos retos”. Afilieime a esta entidade, a esta necesarísima e utilísima entidade, cando tiña 16 anos. Coa única excepción do período que vai do final da carreira ao comezo do doutoramento, fago parte da súa Comisión Permanente desde os 17; ademais, desde os 23 até os 35 que teño hoxe asumín o mellor que souben a presidencia. Agora o meu desexo é regresar a tempo completo á miña vocación docente, desenvolver varios proxectos que encetei e, así mesmo, continuar co activismo lingüístico e o apoio a esta ferramenta colectiva que é A Mesa, porén xa desde outros lugares.
Que ninguén o dubide nin por un nanosegundo: fun, son e serei sempre un sachador das mil primaveras máis e estarei coa Mesa sempre que fixer falta, co seu compromiso inquebrantábel e insubornábel en defensa da lingua que nos une.
Coas responsabilidades que tiven na Mesa puiden constatar algo que moitas veces me escoitastes dicir en alto: Todos os adiantos para a nosa lingua se produciron como resultado da presión social. Todos. É certo que en moitas, moitísimas ocasións nos vimos como Sísifo percorrendo unha e outra vez camiños que non se daban deixado atrás (a propósito, como Sísifo e non como Penélope, pois non éramos nós quen desteciamos!). Mais como estariamos hoxe se non houbese 4.000 galegas e galegos constituíndo este escudo cidadán para o noso idioma? Se A Mesa non existise, teriamos que inventala!
A listaxe de agradecementos que tería de facer sería moi longa. Non collería en ningunha carta. Quen estiveron aí, tanto no ámbito persoal como no organizativo, sábeno, e o meu corazón tamén. Para min foi moi gratificante ver como a entidade creceu, igual que foi moi reconfortante a confianza e o apoio por parte das socias e dos socios ás sucesivas direccións de que fixen parte.
Deixádeme no entanto que explicite a miña gratitude en particular cara a catro persoas. Unha que me asesorou de forma construtiva sempre que fixo falta. Outra que me deu paus verbais para que fose dereitiño e non caese nas trampas. Outra que fixo posíbel que A Mesa non desaparecese na máis forte etapa de ataques que recibiu até o momento, na ferocidade de 2008 a 2010. Outra que soubo ser militante exemplar. Estas catro persoas chámanse Iria Taibo Corsanego. O seu nome nos fastos da historia con diamantes gravado será.
Despídome dándovos unha aperta das enormes e animándonos, a todas e todos, a que continuemos e mesmo revitalicemos o noso activismo diario, como formiguiñas, en defensa da lingua e da cultura desta vella nación que non se resigna a desaparecer. Tiña razón Manuel María ao advertir de que se perdemos a lingua non seremos ninguén. Queremos ser! Sexamos!
Sempre voso,
Carlos Callón
P. S.: No caso de estares a ler esta carta e aínda non faceres parte da Mesa, fai o favor de cubrires a fichiña! Se te asociares, A Mesa poderá facer máis e mellor! ;)
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2014
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Até sempre, compañeiro e grazas polo teu traballo incansábel.
ResponderExcluirGrazas polo inxente e hercúleo traballo. Nunca este país che ha de pagar o esforzo.
ResponderExcluirsei que por onde vaias, vas deixar unhas fermosas e magníficas pegadas. Quérote
ResponderExcluirGrazas polo teu traballo incansábel, pola túa tenacidade e por un outro xeito de saber reivindicar que ti sempre dominaches. En ti sempre podemos exemplificar o vello dito de "sermos dóces coas persoas mais sermos firmes coas ideas.
ResponderExcluirE. C. F.
E non só galegos e galegas ;)
ResponderExcluirCando menos, chegaches xustiño a tempo de facer unha videoconferencia universitaria en calidade de presidente! ;)
ResponderExcluirUn pracer, e grazas polo traballo!
Grazas!
ResponderExcluirPor certo como é posíbel que estivese a piques de desaparecer a Mesa polos ataques dos pptarras? Somos 4000 socios que non pensamos esvaecernos por eses miserabeis.
ResponderExcluirAgradecementos por encabezar a defensa do dereito a termos unha lingua de primeira.Con firmeza mais con amabilidade: boa estratexia para non derramar folgos inutilmente.
ResponderExcluirFas ben ao te ires. Tés trabalhado moito, demasiado ao meu ver. Grazas por tanto. Grazas por (case) todo.
ResponderExcluirGracinhas Carlos, agardando q o teu sucesor sexa ao menos a metade de loitador q ti
ResponderExcluirUma decisão sábia, Carlos. Vai ser bom a Mesa e, sobretudo, bom para ti. A vida oferece tanto que fazer! Um grande abraço,
ResponderExcluirGrazas por todo, e sorte!
ResponderExcluir