16 de mai. de 2014

O raposo Núñez Feijóo a coidar do galiñeiro

A xente da revista de humor Enchufados púxose en contacto comigo para unha entrevistiña. Pasáronme as preguntas cunha mensaxe na miña páxina no Facebook, respondinlles coas respostas, mais... Tristemente, pasoulles o que a tantas publicacións galegas: que o proxecto non pode continuar por problemas económicos.

Xa que lle dediquei un tempiño ao cuestionario, pendúroo por aquí por se a alguén lle interesar.

Ah! E non esquezades que esta noite vai participar o Marcos Maceira no programa Vía V e que mañá temos as mobilizacións de Queremos Galego en defensa do noso idioma! Continuamos!!!!

ENTREVISTA PARA ENCHUFADOS

- Está un máis relaxado despois de deixar un cargo como o que tiñas?
Aínda que xa non son presidente da Mesa desde o pasado 26 de abril, continuarei de vez na sala de máquinas até o verán, que supoño que será cando comece de verdade o período de descompresión.
De calquera xeito, non animei o meu relevo no cargo para estar máis relaxado, eh. A actividade vai co bicho, nun lugar ou noutro...

- Había moito ruído arredor da Mesa?
Por veces houbo ruído, si. Tentaron en varias ocasións difamala, porque hai grupos de poder aos que incomoda que exista un escudo cidadán organizado para defender o noso idioma. Porén, tivemos peito para dalas e lombo para levalas! Aquí continuamos!

- Do 1 ao 10, canto conseguiches normalizar a lingua?
Non todo se pode medir na vida. Coido que me esforcei en dar resposta cando había que dala e en propor adiantos cando se abriron espazos para iso. Estivese eu como presidente ou calquera outra persoa, o que non hai dúbida é de que A Mesa ten un papel fundamental na cultura galega e que continúa a ser moi necesaria.

- De verdade hai un monstro de 3 cabezas que ataca o galego?
Nunca o pensara así, mais podemos imaxinar a cabeza do poder económico, a cabeza do poder político e a cabeza do poder mediático. Van contra o galego porque van contra Galiza.
Iso si: todos os monstros teñen o seu punto feble. Galiza pode gañar o futuro.

- Dinos algún exemplo concreto para os que no día a día non nos decatamos dos obstáculos que lle están pondo á lingua.
Vou dicir tres. A Xunta ten prohibicións contra o galego no ensino que non se dan nin na hipercentralista República Francesa. A Xunta decidiu mudar o programa informático dos xulgados para que non se puidese usar o galego. O Goberno español comezou a impedir nos últimos dous anos o uso do galego en xestións que se podían facer neste idioma nas tres décadas anteriores. Se alguén pensa que en Galiza hai liberdade para usar o galego, por favor que faga a proba de tentar vivir nesta lingua.

- Que lle dirías ao que pensa que falar en galego é de nacionalistas?
Hai quen di que falan galego só nacionalistas e aldeáns. Primeiro, haberá que contestar que tanto uns como outros son fillos de deus. Cómpre tamén facer notar que se trata dun prexuízo que hai quen fomenta para considerar o galego non como unha lingua de verdade, senón unha xiria só apta para contextos moi concretos.
Cando Alberto Núñez Feijóo dicía en 2009 que a xente da Mesa nos queriamos apropiar do galego, retrucámoslle que a nosa reivindicación era que el se apropiase un pouco do idioma do país, por pouquerrechiño que fose.

- En que liga xoga o galego na actualidade?
Na das linguas minorizadas que aspiran á normalidade. A cousa está mal, porén non se chegou a un punto de non retorno. Podemos revitalizar o noso idioma se actuarmos con intelixencia, pedagoxía e decisión. Se non o facemos, o camiño que levamos é o da residualización.

- Que fai falta para o ascenso: máis socios, xogar bonito, cambiar de adestrador...?
Que haxa máis falantes, sen dúbida: a mellor defensa de calquera idioma é o seu uso. O xogo, bonito ou feo, sería o da propia sociedade; mais o que cómpre é poder xogalo tamén na casa e non que se conciba Galiza como un almacén de man de obra barata e recursos para malgastar. En cousas coma esas entendemos por que todas as linguas que se revitalizaron no mundo foron de países que avanzaron na súa soberanía.
Dos tres puntos que comentades, coido que o do adestrador é fulcral. Agora mesmo temos o raposo Núñez Feijóo a coidar do galiñeiro. Así, quen debería ser o principal defensor do galego está a ser o seu inimigo público número un.

- Moita xente que se manifesta a prol do galego pero logo as librarías non as cheiran. Isto é así? Por que cres que é?
Non creo que esa afirmación poida sosterse. A xente que se mobiliza en defensa dunha lingua é xente que ama a cultura. De feito –como é lóxico– véndense bastantes máis libros no noso idioma do que persoas veñen ás manis multitudinarias da Mesa ou de Queremos Galego.

- Coñecías a nosa revista?
Vira algo pola rede, porén o certo é que non me detivera até que vos puxestes en contacto comigo. Seguireina e comprareina! [Mágoa que isto xa non poderá ser...]

- Estamos a pensar en crear unha plataforma chamada "Queremos humor en galego", que che parece o lema?
Aínda que agora eu pasase dalgún xeito á reserva, podedes contar coa miña axuda naquilo en que vos puider axudar ;)

- Fai falta humor en galego?

Canto máis humor do bo, mellor. En galego, tamén.

- Que farás o Día das Letras Galegas?

Ás 12 do mediodía irei a unha das mobilizacións convocadas por Queremos Galego.
Pola tarde conto con participar na Carreira Popular Virxe da Guía, na parroquia de Ribeira que se chama como a actividade: Carreira. Non sei se darei terminado os dez quilómetros, mais a ver que dou feito... [Finalmente houbo mudanza de plans e o 17 pola tarde será con menos exercicio físico. A Carreira de Carreira tocará para 2015! xD]

Um comentário:

  1. Onte na entrevista en V Televisión Feijoo dixo que o seu libro favorito de Rosalía era "Poemas galegos" no canto de "Cantares gallegos". E se non lembro mal, fíxose unha especie de silencio incómodo, como se a presentadora ou algúns dos presentes caera no seu erro pero non quixese facer fincapé nel. A maioría da xente anda pendiente doutras cousas e sei que non lle dará importancia, pero ser presidente da Xunta e non saber dar nome á obra ¿máis emblemática? da literatura galega é ben lamentable. Pero en fin, temos o que merecemos.

    ResponderExcluir