Hai xa unhas horiñas que teño formalmente 36 anos. Ai, excepto cando se é pequeniño, a vida vai tan rápida!
Aínda me parece antonte cando fixen vinte e, como celebración íntima, fun á biblioteca municipal para copiar un poema que lle lera a Fermín Bouza Brey, de quen aínda non sabía moito.
Mais o caso é que xa neste parágrafo anterior non dixen que me parecese onte cando fixen vinte, senón "antonte"... :)
Con isto do aniversario vénme a tentación de escribir unha lista de cousas que me apetecen facer antes dos 40, se a saúde e o diñeiro o permitiren. Vouvos confesar algunhas, pequenas e grandes, e así xa as vou pondo por escrito:
- coñecer mellor a catedral de Santiago (hai varios recantos que aínda non vin ou que non recordo que vise e aos cales é imperdoábel non ir/voltar estando por aquí como estou),
- pasear en catamarán pola Ribeira Sacra,
- coñecer Pompeia e Herculano,
- pasar algunhas semanas en París e/ou Padua (por pedir que non sexa!),
- viaxar a Nova York (conformaríame con poucos días),
- terminar a tese dunha santísima vez (confío en que sexa bastante antes dos 40, mesmo antes dos 37 xD),
- ir a Sálvora (parece mentira, xa o sei!),
- ver os filmes de Woody Allen que me falten...
O caso é ter desexos. Que se cumpran ou non xa importa menos que ir cara a eles.
Bicos grandes!
Parabéns e a por eles! Comparto algúns dos teus desexos!
ResponderExcluir